Principia o Goberno do récord do PP. A maioría absoluta lograda polo Partido Popular o pasado 18 de febreiro investiu este 11 de abril a Alfonso Rueda como presidente da Xunta. Quen fora substituto de Alberto Núñez Feijóo en maio de 2022 emprende o seu primeiro voo en solitario tras un debate no que instou os grupos da oposición a asumiren que "as eleccións xa pasaron", aínda que sen abandonar o ton da campaña contra BNG e PSdeG, que certificaron cadanseus "non".
Sen abandonar o ton de campaña contra BNG e PSdeG, o líder popular culmina a súa investidura afirmando que agora "toca remar todos xuntos"
Tras o discurso inicial no que, o pasado martes, o líder do PP prometeu máis "sentidiño" fronte ao Estado e avanzou a recolocación dalgunhas competencias entre consellerías -está previsto que a nova composición do Goberno sexa pública o vindeiro domingo-, Rueda centrou as súas respostas a Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro en acusalos de manexar cifras que non se corresponden coa realidade e de seren cómplices de decisións do Goberno de España prexudiciais para Galicia. Fíxoo, non obstante, antes de considerar que "despois do veredicto electoral, o que toca é remar todos xuntos".
Coa anécdota do "non" accidental por parte do deputado do PP Rubén Lorenzo como única incidencia da votación, Rueda foi investido por segunda vez despois dun pleno no que reservou para o treito final o ton institucional, no que pediu a "confianza" para ser "o presidente, nada máis e nada menos que de todos os galegos e galegas" porque "sen matices e sen excepcións quero facer este camiño xuntos". Antes, no entanto, reprochara a BNG e PSdeG seren autores de diversas "mentiras" especialmente no que atinxe ao proxecto da fábrica de Altri en Palas de Rei, cuestión que pairou sobre o conxunto do debate e en torno á cal volveu ofertar un acordo en materia industrial.
Rueda asegura que vai gobernar "con humildade, con firmeza e por Galicia" e acusa a BNG e PSdeG de manexaren cifras falsas para desacreditar a xestión do PP e apoiaren decisións do Goberno de España contrarias aos intereses de Galicia
A AP-9 e a súa xestión, as rebaixas de impostos, as listas de espera do Sergas ou a política demográfica e educativa foron algúns dos demais asuntos que Rueda tamén mencionou nunha segunda xornada de investidura na que considerou, non obstante, que non era a "ocasión" para "debullar datos" porque, agregou, "non leva a nada empezar a respostar" cada unha das cuestións formuladas por nacionalistas e socialistas.
Ambas formacións da esquerda, asegurou o xa presidente electo, "recorren ao de sempre" mentres o que a el lle "toca" é aplicar dende o vindeiro luns o programa electoral do PP. Vaino facer, di, despois de que a poboación falase "libremente", en "democracia e en liberdade". E vaino facer, agregou antes da votación, "con humildade, con firmeza e por Galicia".

Ofertas de pactos sen responder e "lexitimidade" do presidente
Parte do tirapuxa previo á votación residiu na ausencia de resposta por parte de Rueda aos pactos ofrecidos por Pontón e Besteiro, que se dirixiron ao presidente tras a súa elección para trasladarlle os parabéns. En calquera caso, nacionalista e socialista evidenciaron o carácter "lexítimo" da elección do conservador -aínda que dende as filas populares foron varias as ocasións nas que afirmaron que a portavoz nacional do Bloque non o fixera-.
Pontón ofrece "man tendida do BNG para defender Galiza" e Besteiro asegura que Rueda "atopará o Partido Socialista defendendo a Galicia"
Neste contexto, Pontón, malia detectar unha total ausencia de "proxecto" por parte de Rueda para a nova lexislatura, finalizou a súa quenda de intervención na investidura ofrecendo a "man tendida do BNG para defender Galiza, a sanidade pública, a educación pública" e "contribuír, dende a confianza neste país", aos "grandes retos de Galicia". Besteiro, pola súa banda, advirte a Rueda de que ten por diante un amplo catálogo de "obrigas" que debe "asumir", ante as que "atopará o Partido Socialista defendendo a Galicia".
Por parte do PP, o seu portavoz parlamentario, Alberto Pazos Couñago, centrou o seu discurso, como se esperaba, en criticar á oposición, pero dedicando boa parte do mesmo a defender o proxecto industrial de Altri e asegurar que a Xunta só o autorizará cumpre todos os requisitos ambientais. Pola contra, as dúbidas do resto de partidos sobre ese proxecto supoñen "boicotear Galicia".

Abstención de Democracia Ourensana pola "discriminación" de Ourense
Na investidura de Rueda, con 40 votos a favor e 34 en contra, houbo tamén unha abstención, a do deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea. Na súa intervención no debate, o home de confianza do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, centrouse en lamentar a "discriminación" da provincia de Ourense por parte da Xunta pero amosando a súa esperanza "en que cambie a partir de agora", de aí a súa abstención.
Este tipo de votación, a abstención, é a primeira en máis de tres décadas. Non en van, non existira nunha investidura para a presidencia da Xunta dende os tempos do popular Gerardo Fernández Albor e, por última vez ata este 11 de abril, na elección do socialista Fernando González Laxe en 1987