"Non esperen xiros bruscos" porque os galegos "votaron sentidiño". Alfonso Rueda aborda a súa primeira elección tras pasar polas urnas como cabeza de cartel do PP en clave de punto e seguido, con máis continuidades ca innovacións e máis ton de trámite que de paixón.
Quen será presidente electo o vindeiro xoves expuxo este martes un discurso de investidura no que as principais novidades prácticas pasaron por avances de axustes de competencias nas áreas económicas e industriais. E as principais promesas de continuidade, na confrontación co Goberno de España que preside Pedro Sánchez.
Como avanzara nas últimas semanas, Rueda bosquexou na súa intervención certas mudanzas na "estrutura" do Goberno. A falta de coñecer o organigrama completo concéntranse no ámbito económico e industrial e non suporán variacións profundas.
Nun discurso con máis ton de trámite que de paixón, o candidato do PP anuncia traslados de competencias de solo industrial, enerxía ou emigración entre consellerías e, en clave de confrontación co Goberno de España, a creación dunha dirección "de asuntos constitucionais"
Así, adianta, as competencias de solo industrial estarán "na Consellería de Industria" e non na que xestione o urbanismo, como ata agora. As de Enerxía aglutinaranse coas de Medio Ambiente, sinalou tras ofrecer á oposición un "pacto pola industria", antes do que tamén explicou que a área de Emigración pasará a depender da Consellería que xestione o emprego -ata agora estaba na Presidencia-.
Polo ámbito industrial, precisamente, pasaron algunhas das críticas máis abertas de Rueda á oposición en xeral e ao BNG en particular. En referencia aos plans de Altri para implantarse en Palas de Rei, pero sen mencionar a empresa, o popular reprochou que "por ideoloxía" se "responsa sistematicamente non" a "toda iniciativa empresarial". O seu gabinete, di, non permitirá que saia adiante "ningún proxecto incompatible coa contorna" ambiental, pero tampouco "transixiremos ante posturas populistas", afirmou para caricaturizar o Bloque como "confraría da perpetua negativa".
Nova "dirección de Asuntos Constitucionais"
Alén desas recolocacións económicas e industriais e da promesa de dar máis "peso" a áreas como Política Lingüística ou I+D+i, a outra novidade na estrutura do Goberno anunciada por Rueda pasa polo tirapuxa co Estado. Neste marco encádrase a "nova dirección de Asuntos Constitucionais" que, anuncia, dependerá da Presidencia da Xunta para, en ligazón coa xa existente Asesoría Xurídica Xeral, coordinar "a defensa da lexislación galega ante o Estado".
Rueda reitera promesas xa lanzadas en campaña como a gratuidade de matrículas universitarias para "alumnos que se esforcen e superen as materias" ou novas rebaixas de impostos ás herdanzas
Porque a elixida nos comicios do 18 de febreiro, asegura, foi "unha senda ben diferente á que emprendeu a política nacional", en referencia á española. En Galicia, asegura, "únenos unha forma de ver a vida que escapa instintivamente dos extremos" e das "actitudes radicais", unha Galicia que "é España" e dende a que, evidencia, seguirá rexeitando medidas como a amnistía en Cataluña.
O "compromiso do Goberno de España", adianta, seguirá sendo reclamado pola Xunta en diversos ámbitos, dende o sistema de financiamento autonómico -caducado dende os tempos de Rajoy- ata maiores transferencias de fondos europeos. Tamén en cuestións sectoriais como "esixir" que "poña en marcha as medidas necesarias" para paliar a "falta de médicos".
Alén do capítulo do tirapuxa co Executivo do PSOE e Sumar, Rueda aproveitou o seu discurso para reiterar ou perfilar algunhas das promesas lanzadas en campaña. Nesta liña van anuncios como "duplicar o tamaño do parque público de vivendas" ata chegar ás 8.000 en 2028, subvencionar actividades extraescolares para a poboación en idade escolar, a gratuidade da matrícula universitaria para "os alumnos que se esforcen e vaian superando as materias" -quen complete curso por ano- ou baixar impostos ás herdanzas a parentes "colaterais" como irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados ou xenros.
Cabe agardar, en calquera caso, que Rueda reserve algún anuncio adicional para a sesión de debate de investidura propiamente dito, o vindeiro xoves, cando será a quenda de intervención dos grupos parlamentarios antes da votación. Polo momento, o candidato do PP di non poder asegurar que "non me equivocarei xamais", pero si comprometerse a "gobernar con palabra" e a decidir pensando "no interese supremo de Galicia" mentres goberna como un "humilde camiñante".