O votado hai un mes polo electorado galego afastou a sesión de constitución do Parlamento da duodécima lexislatura dos momentos políticos históricos, das grandes mudanzas ou xiros de guión. E situouna máis ben no ámbito dos matices ou dos sinais. De albiscar o que está por vir nun período no que o esencial, a capacidade de formar Goberno, continúa onde estaba dende 2009, nas filas do PP, grazas aos 40 escanos logrados o 18F.
Santalices, reelixido presidente do Parlamento, deixa entrever que ademais da lexislatura principia tamén a súa despedida da primeira liña política
Algúns deses matices, deses sinais, albiscáronse nas primeiras votacións, as da elección da Mesa do Parlamento. O órgano reitor da Cámara volve estar presidido por Miguel Santalices, no cargo dende hai oito anos e no Parlamento dende hai oito lexislaturas. O popular ourensán, posiblemente o último baltarista con poder institucional efectivo, tomou posesión entre as súas habituais mostras de agarimo ao lexislativo galego, "a miña segunda casa", pero tamén deixando entrever que, ademais da lexislatura, principia a súa despedida da primeira liña política.
Tras semanas nas que nos ambientes políticos chegou a contemplarse a hipótese de que o PP optase por situar outra persoa no posto que é o da segunda autoridade de Galicia, Santalices resalta que "quizais non, seguro", a deste 18 de marzo de 2024 foi a súa "última toma de posesión" como presidente. Resta saber -e ese sinal non chegou nesta xornada- se completará ou non o mandato ou o partido ten outros plans.
O BNG cede un posto na Mesa ao PSdeG nun primeiro xesto de entendemento entre os grupos encabezados por Pontón e Besteiro, respectivamente ampliado e reducido
Canda Santalices volve sentar como vicepresidenta primeira Elena Candia, outra volta neste posto e outra volta, daquela, fóra do Goberno. Tan fóra como fica agora Ethel Vázquez, a conselleira de Infraestruturas dos últimos dez anos, nova secretaria da Mesa cuxa saída do Consello da Xunta fai seguro que, agora si, Alfonso Rueda introducirá máis axustes na estrutura gobernamental que herdou de Alberto Núñez Feijóo.
Pola dereita albíscanse axustes e pola esquerda observáronse os primeiros xestos en clave de entendemento. O ampliado BNG, cos seus 25 escanos, tiña na súa man cubrir con membros do seu grupo os dous postos da Mesa reservados á oposición, vicepresidencia segunda e vicesecretaría. O primeiro volve recaer na nacionalista Montse Prado, como nos últimos catro anos. E o segundo vólveo ceder o Bloque ao PSdeG, que agora ten 9 escanos, e que sitúa na Mesa a Patricia Iglesias. A formación soberanista decidiuno "en aras a visibilizar a pluralidade da Cámara tamén nos seus órganos de dirección", afirman.
A concesión, alén de incrementar os recursos materiais cos que contará o minguado Grupo Socialista, fala dun inicio marcado polo fair play da formación que encabeza Ana Pontón cara ao grupo que agora lidera José Ramón Gómez Besteiro. O contrario sería lido en clave de hostilidade, aínda que os efectos políticos do posto sexan reducidos.
Os primeiros votos de DO no Parlamento foron para que o seu único deputado se votase a si mesmo, rachando coa habitual cortesía parlamentaria para este tipo de elección nun pleno no que Santalices desexa que deputadas e deputados estean "á altura da confianza da xente"
No capítulo de sinais cabe anotar tamén os primeiros votos de Democracia Ourensana. O seu único deputado, Armando Ojea, estreouse votándose a si mesmo para todos os cargos da Mesa, presidencia incluída, rachando así coa habitual cortesía parlamentaria que, por exemplo, levou a nacionalistas e socialistas a votar en branco na elección de Santalices.
Completadas as votacións, a Mesa de Idade -composta nesta ocasión polo deputado do PP José Manuel Mato, ex-alcalde de Paradela, polo tamén popular Raúl Santamaría e por Iago Suárez, do BNG- deixou lugar aos cargos elixidos e deu paso ao discurso de Santalices, que chama ao entendemento e a afastar os focos dos "defectos" das deputadas e deputados. "Oxalá esteamos á altura da confianza que a xente depositou en nós co seu voto; iníciase unha lexislatura e eu pídolles que colaboremos", sinalou o presidente do lexislativo antes de formular un desexo de maior alcance: "A paz mundial".
Próxima estación: rolda de consultas
Pasado o primeiro pleno, a seguinte parada será a rolda de consultas de Santalices cos grupos parlamentarios para a investidura de Alfonso Rueda, a cal previsiblemente será votada durante a primeira quincena de abril. Acto seguido chegará a composición dun Goberno no que tamén haberá que buscar tamén sinais e matices.
Previsiblemente a composición do Executivo -tanto do Consello da Xunta como das secretarías e direccións xerais e demais cargos-, alterará a composición do Grupo Parlamentario Popular que tomou posesión dos 40 escanos este 18 de marzo. En anteriores mandatos veu sendo habitual que conselleiras e conselleiros e outros cargos renunciasen aos seus escanos para dedicárense só á Xunta, dando paso a membros situados en niveis inferiores das listas electorais do PP.