Santalices, presidente

Miguel Santalices, presidente do Parlamento, durante unha entrevista con Praza.gal CC-BY-SA Praza Pública

O ourensán, deputado máis veterano, comezará a nova lexislatura volvendo ser presidente do Parlamento, sendo así tamén o dirixente cun mandato máis prolongado á fronte da institución. A ata agora conselleira de Infraestruturas ocupará a secretaría primeira na Mesa do lexislativo

O deputado máis veterano e o presidente con mandato máis prolongado na institución. O ourensán Miguel Santalices presidirá tamén o Parlamento de Galicia na duodécima lexislatura, que bota a andar este 18 de marzo coa constitución da Cámara elixida nas eleccións do pasado 18F.

Malia aos ruxerruxes na contorna do PP que, nas últimas semanas, apuntaran a unha eventual remuda no posto que institucionalmente é a segunda autoridade de Galicia, os populares ratificaron finalmente este domingo que Santalices principiará o novo período dende o posto que exerce dende hai algo máis de oito anos. Vira así tamén, dalgún xeito, no último sobrevivente político do baltarismo con cargo institucional efectivo nun momento no que o PP tamén vén avanzar que Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas en funcións, non continuará sendo parte do Goberno galego porque será membro da Mesa do Parlamento.

Miguel Santalices, presidente do Parlamento, intervindo nun acto institucional organizado pola Cáamra © Parlamento de Galicia

Nas semanas previas aos comicios, especialmente naquelas en que nos ámbitos políticos se manexou a hipótese dun cambio de goberno, chegaron a circular mensaxes en clave de chanza sobre a conveniencia de que Santalices continuase presidindo o Parlamento aínda que a Xunta mudarse de cor política. Obviamente dende a ironía, aquelas hipóteses poden ser un bo reflexo do seu perfil institucional: bo coñecedor do Parlamento e do seu funcionamento. Pero tamén crente, obviamente dende unha postura conservadora, no papel que esta responsabilidade xoga no autogoberno galego.

Alén das tensións puntuais, o popular veu sendo quen de tecer complicidades cotiás con membros dos grupos da esquerda, cos que tamén atopa ligazóns grazas ás súas boas conexións no ámbito cultural

Alén das tensións puntuais e lóxicas coa bancada da oposición -que mesmo deron lugar a varias reclamacións formais nestes anos-, o doutor Santalices -foi médico de profesión, aínda que xa supera a idade de xubilación- veu sendo quen de tecer complicidades cotiás con membros dos grupos de BNG e PSdeG, igual que no pasado tamén acontecera con outras formacións da esquerda. A súa permanencia nun posto tan visible é tamén testemuño do matiz galeguista que noutrora era ben máis abondoso nas filas populares. E, por contraste, evidencia do seu paulatino esmorecemento.

Amante da arte e da súa promoción, o ourensán vén impulsando como presidente do Parlamento a difusión da rica colección artística propiedade da institución, tanto mediante a súa apertura ao público no Pazo do Hórreo como a través de exposicións itinerantes. Con boas conexións no ámbito cultural, o perfil que vén outorgando dende este eido -caso da música- a algunhas das solemnidades que a Cámara ten que organizar periodicamente -dende a entrega das súas Medallas do Parlamento a outras conmemoracións- conecta máis co imaxinario progresista ou galeguista que con parte do seu propio grupo parlamentario.

Santalices, presidente do Parlamento, ao inicio dunha sesión da Xunta de Portavoces © Parlamento de Galicia

Ethel Vázquez sae do Goberno e Candia non entra

As confirmacións dos nomes das persoas que o PP situará na nova Mesa do Parlamento avanzan tamén a saída da Xunta de Ethel Vázquez. A responsable da consellería de Infraestruturas -con diversas competencias anexas que foron variando, dende o Medio Ambiente á Vivenda ou a Mobilidade- na última década ve degradado o seu rango e poder ao pasar do Executivo a secretaria primeira do lexislativo, posto ata agora ocupado por Corina Porro, que abandona a política institucional. "Sei que o agora o fará tan ben como o fixo no Goberno", afirmou a través de X -antigo Twitter- o presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda.

Candia, líder do PP lucense, seguirá sendo vicepresidenta primeira da Mesa

A persoa que a suceda a Vázquez terá sobre a mesa diversas frontes abertas, caso da xestión do transporte público. Tamén múltiples cuestións en materia de obras que nos últimos anos deron lugar a incontables enfrontamentos da agora conselleira saínte con gobernos urbanos da esquerda.

Quen tampouco estará no novo gabinete de Alfonso Rueda será Elena Candia. A presidenta do PP de Lugo, voceira municipal deste partido na capital da provincia e cabeza da lista lucense do PP o 18F seguirá sendo vicepresidenta primeira do Parlamento, confirma o PP. En diversas ocasións o nome de Candia situouse entre as cábalas para ser conselleira, sen chegar a concretarse nunca.

Elena Candia e Ethel Vázquez, nunha recepción da conselleira á líder do PP de Lugo na súa condición de candidata ás municipais, en marzo de 2023 © PP Lugo

Os restantes postos do órgano reitor da Cámara, vicepresidencia segunda e secretaría segunda, corresponden á oposición. Na última lexislatura un foi para o BNG e outro para o PSdeG en virtude dun pacto de ambas formacións. Aplicando a aritmética parlamentaria en sentido estrito, ambos postos poden ser para o Bloque, que conta con 25 escanos fronte a 9 dos socialistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.