A oposición bota en cara á Xunta as eivas detectadas nas auditorías sobre autovías e buses públicos e o PP felicítaa e emprega a súa comparecencia no Parlamento polos orzamentos galegos para criticar ao Goberno de España
Catro días despois de que o Consello de Contas fixese públicas dúas auditorías críticas coa xestión da Xunta das autovías de peaxe en sombra e do transporte público interurbano a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, compareceu este luns no Parlamento de Galicia para expoñer as principais liñas de actuación dos Orzamentos para 2024. Foi nun debate no que a oposición afeoulle as eivas detectadas polo Consello de Contas e recentes sentenzas contra decisións no eido dos autobuses, pero a resposta da conselleira foi que "Galicia é referente en transporte público". Mentres, o PP felicitouna e empregou o debate sobre os orzamentos da Xunta para criticar ao Goberno de España.
Os informes de Contas din que a Xunta está a pagar máis do que debe polas autovías e que non planificou nin está a supervisar correctamente as novas liñas de autobús interurbano que puxo en marcha en 2020. E a pasada semana o Goberno galego viuse obrigado polo Tribunal Supremo a incoar un expediente sancionador contra Monbus e Alsa por repartirse o mercado nesa reorganización das liñas, resolución que se suma á media ducia de sentenzas do TSXG anulando outras tantas adxudicacións de liñas de transporte escolar polo excesivo dominio nelas do grupo Monbus.
Vázquez non contestou ás preguntas de BNG e PSdeG sobre se vai cumprir a petición de Contas de renegociar á baixa os pagamentos ás concesionarias das autovías
Malia estes feitos recentes, Ethel Vázquez defendeu as súas políticas como "pioneiras" e centrouse noutras medidas dos orzamentos como a decisión, avanzada por Rueda hai máis dun mes, de asumir un ano máis con fondos públicos a inflación das peaxes das dúas autoestradas galegas.
Porén, pouco dixo da crítica de Contas de que a Xunta está a pagar de máis polas autovías de peaxe en sombra malia que os portavoces en materia de infraestruturas da oposición, Luís Bará do BNG e Patricia Otero do PSdeG, pedíronlle que concrete se vai cumprir a recomendación do ente fiscalizador de que se renegocien os pagamentos para reducir a factura. Vázquez non respondeu se vai cumprir ou non esa petición de Contas.
Por outra banda, e á marxe dos informes de Contas, Bará tamén lembrou as recentes resolucións xudiciais que veñen condenando á Xunta por facilitar o dominio de Monbus no sector do transporte por estrada en Galicia. Porén, a conselleira de Infraestruturas desentendeuse delas, facendo ver que son responsabilidade doutros departamentos do Goberno galego, sexa a Comisión Galega da Competencia, que non investigou ben os contratos adxudicados pola súa propia consellería a Monbus, ou sexa a Consellería de Educación, responsable das adxudicacións do transporte escolar anuladas pola xustiza.
Pola súa banda, o deputado do PP José Manuel Balseiro optou por felicitar á conselleira pola súa xestión e, en vez de centrar a súa intervención no obxecto do debate, as actuacións da Xunta, empregou a maioría do seu tempo en criticar ao Goberno central, ao que acusou de bloquear as principais infraestruturas de Galicia.