O ente fiscalizador admite que era o xeito máis rápido de facelas, pero censura que o Goberno galego renegociase despois á alza as concesións e di que ata a creba das empresas era mellor para Galicia que o que se está a pagar, que pide deter
Cando Alberto Núñez Feijóo era conselleiro de infraestruturas de Manuel Fraga o seu departamento planificou o groso das cinco autovías de peaxe en sombra titularidade da Xunta, polas que os usuarios non pagan unha peaxe directa senón que a administración paga ás concesionarias polos vehículos que as utilizan.
Algunhas desas infraestruturas sufriron modificacións durante o seguinte goberno de coalición de PSdeG e BNG, pero o fundamental, o feito de que non as construíu a Xunta cos seus propios orzamentos senón a través dunha concesión, mantívose, e co tempo volveu ser o seu goberno, xa como presidente, quen aceptou renegociar á alza con varias das empresas as súas condicións económicas. Uns acordos que agora o Consello de Contas, o ente fiscalizador das administracións galegas, considera negativos para as arcas públicas. A Xunta está a pagar máis do que debera, di, e reclama que se reduzan eses pagamento para "xerar aforros nos orzamentos públicos por valor de, cando menos, 44 millóns de euros".
O informe do Consello de Contas sobre as autovías de peaxe en sombra feito público este xoves analiza o ocorrido coa AG-56 Santiago-Brión, a AG-41 do Salnés, a AG-11 do Barbanza, a AG-31 de Celanova e a AG-55 da Costa da Morte. O ente fiscalizador admite que grazas a realizar esas infraestruturas a través de concesións en épocas nas que a Xunta non dispoñibilidade orzamentaria "foron construídas nuns prazos razoables e presentan un bo nivel de mantemento e calidade do servizo"
A decisión de renegociar a mediados da pasada década tres das cinco concesións incrementou en 205 millóns de euros os pagamentos, e agora Contas recomenda reducilos novamente e aforrar 44 millóns
Porén, engade Contas, "o principal problema é que, con carácter xeral, estas concesións están a resultar caras para a administración". O ente fiscalizador pon o foco na decisión da Xunta, a mediados da pasada década, con Feijóo xa como presidente e Agustín Hernández como conselleiro de Infraestruturas, de renegociar tres das cinco concesións (Salnés, Barbanza e Celanova) "debido a que o tráfico era inferior ao previsto", o que supuxo que "se incrementaron en 205 millóns de euros os pagamentos que se realizan aos concesionarios".
Segundo Contas a Xunta debera intentar que a caída de ingresos polo menor tráfico "fora asumida directamente polos concesionarios e polos bancos financiadores sen achegar, polo tanto, máis fondos públicos", decisión que estaría "en liña con sentenzas do Tribunal Supremo que denegaron a concesionarios, en casos similares, o dereito a recibir máis ingresos pola diminución do tráfico".
Contas mesmo avalía no seu informe "a posibilidade de que esa falta de renegociación provocase que os concesionarios chegasen a crebar", resultado que tamén considera máis favorable que a decisión tomada pola Xunta. Segundo Contas, ante unha creba das empresas a Xunta "tería que rescatar as concesións e extinguir os contratos", pero mesmo cos custos que iso suporía "este escenario, viable dende o punto de vista orzamentario e xurídico, tamén era economicamente máis vantaxoso que a alternativa de reequilibrio pola que optou a administración galega".
Así que en resumo Contas conclúe que a modalidade de peaxe en sombra elixida para as autovías elixida por Feijóo como conselleiro ou como presidente, e da que despois renegou, "non foi eficiente xa que se poderían acadar resultados equivalentes a un menor custo".
Segundo os orzamentos que a Xunta vén de presentar ao Parlamento aínda prevé pagar polas autovías ata o remate da última concesión en 2024 máis de 530 millóns de euros
Ante a situación actual, Contas recomenda á Xunta que revise os acordos de reequilibrio coas concesionarias e limite os pagamentos "as cantidades indispensables para asegurar a viabilidade financeira dos contratos". Segundo as súas contas, "existen posibilidades de reducir as tarifas abonadas pola administración e xerar aforros nos orzamentos públicos por valor de, cando menos, 44 millóns de euros".
Segundo os Orzamentos para 2024 que a Xunta vén de presentar no Parlamento, ata 2040, ano de remate da última concesión, o Goberno galego prevé que aínda debe pagarlles máis de 530 millóns de euros.