A Xunta recuperou na campaña electoral de 2020 a promesa de acometer parte das obras que ela mesma paralizara en 2015, pero dos 28 millóns en que estimou a parte dos traballos que estaba disposta a retomar só incluíu 3,4 nos orzamentos deste ano
O 18 de xullo de 2007, hai este luns 15 anos, a Xunta, gobernada daquela por PSdeG e BNG, abría no Diario Oficial de Galicia (DOG) o concurso público para construír e xestionar durante 30 anos unha vía de alta capacidade na Costa da Morte de 42 quilómetros entre Carballo, a onde chega desde A Coruña a autoestrada de peaxe AG-55, e Berdoias, pasado o núcleo urbano de Vimianzo. Xa fora prometida no Plan Galicia da Xunta tras o afundimento do Prestige en 2002, con Alberto Núñez Feijóo como conselleiro de Política Territorial.
Cunha longa e polémica tramitación administrativa, a infraestrutura foi mudando de características mesmo antes de comezar a executarse e dúas décadas máis tarde o que hai dela hoxe en servizo é unha autovía de 27 quilómetros construída cunha colaboración público-privada pola que a Xunta paga uns 30 millóns de euros o ano ata 2038. As obras xa iniciadas nos restantes 15 quilómetros foron paralizadas en 2015 polo Goberno de Feijóo, que na precampaña electoral de 2020 volveu tirar delas para prometer que as retomaría parcialmente nuns 6 quilómetros. A Xunta anunciou que ese novo treito custaría uns 28 millóns de euros, pero para este 2022 só orzamentou 3,43 millóns, como ela mesma publicitou o pasado novembro, o que fai imposible prever unha data de nova posta en servizo parcial.
Unha “vía de alta capacidade” para a Costa da Morte, continuación da autoestrada de peaxe A Coruña-Carballo, foi unha das promesas que Feijóo, como conselleiro de Manuel Fraga, fixo en 2003 tras o afundimento do Prestige no seu Plan Galicia. Tras os estudos previos, a infraestrutura licitouna por primeira vez o bipartito de PSdeG e BNG o 18 de xullo de 2007 por un máximo de 1.100 millóns a pagar durante 30 anos á concesionaria que asumise a obra e o seu mantemento durante ese período. Adxudicoulla a unha unión temporal de empresas (UTE) formada por Ferrovial e Taboada y Ramos, que se comprometía a facela a cambio de só 584 millóns pero que, pouco despois de iniciar os traballos a finais de 2008, dicíalle ao Goberno galego que non sería quen de rematala se non lle pagaba un 30% máis.
A polémica tramitación da obra, con tres concursos sucesivos, incluíu unha denuncia de sobrecusto de 395 millóns na súa segunda licitación e pouco despois dimitía a daquela directora de Infraestruturas da Xunta, substituída pola agora conselleira Ethel Vázquez
Tras a volta á Xunta do PP con Feijóo xa como presidente o novo goberno galego rexeitou as pretensións da empresa, rescindiulle o contrato e licitouno de novo lixeiramente modificado en decembro de 2009. Se o proxecto do bipartito baseado nos estudos previos do PP prevía construír inicialmente unha vía rápida dun carril por sentido que nunha segunda fase se desdobraría en autovía, o PP rebaixou o período concesional a 25 anos pero impuxo o requisito de que tivese catro carrís xa desde o primeiro momento, o que aumentaría o custo de mantemento.
Nese segundo proceso de adxudicación a oferta mellor valorada, dunha UTE formada entre outras por FCC e Covsa, resultou ser a máis cara, con 979 millóns, o que provocou que en xuño de 2010 o daquela líder do PSdeG, Pachi Vázquez, denunciase no Parlamento de Galicia o que cualificou como un “sobrecusto” de 395 millóns de euros con respecto á adxudicación do bipartito. A segunda candidata nesa segunda licitación, unha UTE de Dragados e Puentes, que ofertaba a obra por 200 millóns menos, levou o proceso ao xulgado.
En setembro dese ano, tres meses despois da denuncia socialista, a daquela directora de Infraestruturas da Xunta, Isabel Vila, deixaba o cargo e asumíao a que máis adiante se convertería na actual conselleira, Ethel Vázquez, que volveu licitar a obra por terceira vez. A esa terceira contratación, adxudicada en maio de 2011 por 745 millóns, só se presentaron dúas ofertas, de ACS e da UTE que resultou finalmente adxudicataria, formada por Copasa, Taboada y Ramos (presente na concesionaria do bipartito), Covsa (participante na oferta do suposto sobrecusto) e CRC.
Tras o terceiro concurso da autovía a Xunta argumentou a finais de 2014 que a adxudicataria non era quen de acometer toda a obra pero en vez de rescindirlle o contrato como fixo coa primeira perdooulle varios quilómetros
Pero tampouco á terceira foi a vencida. En febreiro de 2013, case dous anos despois da terceira adxudicación, a Xunta informaba ao Parlamento de que o grao de execución da obra non pasara aínda do 20%. O Goberno galego comezou a argumentar que a concesionaria non era quen de atopar o financiamento ao que se comprometera para poder acometer os traballos. Pero en vez de rescindirlle o contrato, como fixera nunha situación similar coa primeira adxudicataria do bipartito, o Goberno de Feijóo optou por incluír un artigo na lei de Orzamentos autonómicos para 2015 co que perdoou á empresa a execución dos últimos 15 quilómetros da vía, entre os lugares de Baio (Zas) e Berdoias (Vimianzo). A autovía quedou así recortada dos 42 quilómetros inicialmente previstos a só 27, un 35% menos de lonxitude do proxectado inicialmente polo que a Xunta aforra só un 17% do importe total que tiña previsto pagar.
Dos 15 quilómetros paralizados en 2015 executaranse agora só 6 e cun só carril por sentido, cun custo de 28 millóns que se suman aos máis de 450 millóns que o Goberno galego ten aínda que pagar ata 2038 polos 25 quilómetros xa en servizo
Eses 27 quilómetros de autovía foron inaugurados por Feijóo o 29 de xullo de 2016, case oito anos despois de que Touriño puxese a primeira pedra o 22 de decembro de 2008. E os 15 quilómetros que quedaran paralizados volveron ser empregados polo Goberno galego como baza electoral na precampaña das eleccións de 2020. Foi xusto nese contexto no que decidiu publicitar cun acto da conselleira a exposición pública do que denominou como “primeira fase da prolongación” da autovía entre Baio, a onde chega a infraestrutura xa rematada, e a estrada AC-432 que comunica Vimianzo con Camariñas. Uns 6 quilómetros que cuantificou en 28,7 millóns de euros e que xa non van ser autovía senón que volven á configuración básica dun só carril por sentido. Pero nos orzamentos deste ano esa infraestrutura só recibiu 3,43 millóns de euros, prevéndose na programación plurianual outros 6 millóns para 2023, 8 millóns para 2024 e outros 8 millóns para “2025 e seguintes”.
Os outros preto de dez quilómetros pendentes, entre a estrada AC-432 e Berdoias, onde estaba previsto o remate da autovía, seguirán de momento como están, con algúns desmontes xa iniciados e paralizados en 2015 e sen expectativas de finalización dúas décadas despois de que a infraestrutura fose prometida tras o Prestige e 15 anos despois da súa primeira licitación. Mentres, ata 2038 a Xunta terá que pagar aínda máis de 450 millóns de euros polos 27 quilómetros xa en servizo cuxa construción material supuxo uns 200 millóns.