A mellora da comunicación entre Ourense e a fronteira con Portugal á altura do parque do Xurés incluía unha autovía ata Celanova, inaugurada en 2013, e diversas melloras da estrada convencional a partir desa vila que aínda están pendentes
O presidente Feijóo prometeu este martes aos alcaldes da zona que antes de que remate este ano a Xunta licitará o proxecto técnico previo a encargar as obras de acondicionamento da estrada que comunica Celanova coa fronteira portuguesa e o parque natural do Xurés. A obra xa fora comprometida por el mesmo hai case 17 anos cando era conselleiro, no marco do Plan Galicia da Xunta publicitado tras o afundimento do Prestige.
Tras a catástrofe do Prestige de novembro de 2002, e ao tempo que o Goberno central de José María Aznar prometía o Plan Galicia, a Xunta elaboraba o seu propio listado de compromisos en materia de obras públicas, unhas promesas cuxa concreción quedaba nas mans do novo conselleiro que tomaba posesión do cargo en xaneiro de 2003, Alberto Núñez Feijóo. Apenas mes e medio máis tarde, o 6 de marzo daquel ano o departamento de comunicación da súa consellería salientaba que xa estaban “tódalas actuacións do Plan Galicia de Estradas en estudo informativo, redacción ou construción”.
As variantes ou circunvalacións de Bande e Verea nunca chegaron a facerse malia as reiteradas promesas da Xunta
Entre esas actuacións figuraba a mellora do eixo de comunicación existente no suroeste da provincia de Ourense ao longo da antiga estrada N-540, que despois foi a autonómica OU-540, entre a capital provincial, Celanova e a fronteira portuguesa, xa no interior do parque natural do Xurés. No primeiro treito, entre Ourense e Celanova, planificouse unha autovía -inaugurada finalmente en 2013-, e de Celanova cara ao sur unha mellora da estrada existente incorporándolle un par de circunvalacións ou variantes para evitar o seu paso polo centro dos núcleos de poboación de Bande e Verea. Unhas actuacións que nunca se fixeron.
Durante o goberno bipartito a Xunta elaborou os estudos e proxectos técnicos previos necesarios para as diversas actuacións a realizar en todo o eixo de comunicacións e chegou a adxudicar as obras. O proceso de expropiacións necesarias sería tramitado xa co PP novamente na Xunta, con Feijóo como presidente, en 2009, cando o Goberno galego aínda salientaba que “esta infraestrutura xa estaba incluída no Plan Galicia deseñado pola Xunta anterior ao Goberno bipartito” e que a autovía “está dotada cun orzamento de 112 millóns de euros e o segundo tramo, que discorre dende o sur de Celanova ata a fronteira portuguesa, implica un orzamento de máis de 16 millóns”.
En 2013 o conselleiro Hernández insistía tamén ante os alcaldes da zona en que “o compromiso da Xunta non rematou coa execución da autovía” e aseguraba que “se continúa coa tramitación da mellora da estrada ata Portugal"
A primeira pedra da autovía foi posta polo propio Feijóo finalmente en maio de 2010, pero para daquela as variantes de Bande e Verea e o resto de actuacións a realizar na estrada convencional ao sur de Celanova xa non aparecían citadas nas notas de prensa da Xunta. A autovía inaugurouse en xaneiro de 2013 e dous meses despois o conselleiro Hernández reiteraba aos alcaldes da zona que “o compromiso da Xunta non rematou coa execución da autovía” e aseguraba que “se continúa coa tramitación da mellora da estrada OU-540, no treito ata Portugal”.
A Xunta xa non fala das variantes de Bande e Verea senón dun "aumento da capacidade da vía mediante a execución de terceiros carrís de adiantamento, coa rectificación do trazado das curvas"
Esa mesma promesa foi reiterada novamente este martes polo propio presidente Feijóo. Porén, a Xunta xa non fala das variantes de Bande e Verea senón que di que “será unha actuación ambiciosa que combinará o aumento da capacidade da vía mediante a execución de terceiros carrís de adiantamento, coa rectificación do trazado das curvas” que agora cifra en “case 9 millóns de euros”. Malia o seu recorte, a actuación, "beneficiará a toda a poboación da comarca da Baixa Limia", dixo o presidente Feijóo empregando verbas similares ás do conselleiro Feijóo en 2003.