A Xunta ameaza con retirar protección a vítimas de violencia machista se o Estado non lle dá máis recursos

O conselleiro de Presidencia e Xustiza, Diego Calvo, nun acto con policías CC-BY-SA Xunta de Galicia

"Non é posible garantir a prestación de servizos que non son competencia autonómica", di o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, en plena negociación co Goberno de España para renovar o convenio da policía adscrita

"Ante a baixada de efectivos, non é posible garantir a prestación de servizos que non son competencia autonómica e, polo tanto, deberá facerse cargo deles o Ministerio do Interior, como autoridade competente. É o caso da protección en casos de violencia de xénero". Así o plasmou por escrito este xoves o Goberno galego e o verbalizou de xeito semellante o conselleiro de Presidencia e Xustiza, Diego Calvo, en plena negociación da Xunta co Goberno de España para renovar o convenio co que se vén xestionando a unidade adscrita da Policía Nacional, a denominada policía autonómica. 

Rueda nun acto de entrega de vehículos da Unidade de Policía Adscrita á Xunta © Xunta

Calvo convocou expresamente aos medios de comunicación este xoves para lanzar a súa ameza salientando que as unidades da policía adscritas a outras comunidades non prestan o servizo de protección a vítimas da violencia de xénero que presta a unidade galega, "motivo polo que o Gobenro galego cre que o Executivo estatal ten motivos máis que suficientes para chegar a un acordo consensuado coa Xunta". 

O delegado do Goberno de España fala dunha "falta de responsabilidade dunha magnitude inaceptable" e Besteiro di que a Xunta ten 20 axentes dedicados a protexer a Rueda fronte a 13 para protección de vítimas de violencia machista

A ameaza de Calvo foi contestada polo Delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, para quen "as palabras do conselleiro son dunha gravidade intolerable". "Espero que sexan só unha pésima ocorrencia persoal e non unha orde do presidente da Xunta", comunicou Blanco, para quen "se de verdade consideran que a seguridade e a protección das mulleres non é un servizo prioritario estamos ante unha falta de responsabilidade dunha magnitude inaceptable". O delegado do Goberno incidiu en que "as mulleres vítimas de violencia de xénero non son unha moeda de cambio nin un instrumento de chantaxe política".

Rueda, nun acto con membros da Unidade de Policía Adscrita © Conchi Paz

En similar liña pronunciouse o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, para quen no Goberno galego "traspasaron todas as liñas vermellas". Besteiro cualificou de "indecentes e vergonzosas" as declaracións de Calvo. "Emprega a protección ás vítimas para presionar ao Ministerio e evitar a sinatura do convenio da policía adscrita caducado desde 2008", criticou. 

Besteiro mesmo dixo que "segundo fontes sindicais, en Galicia hai 350 policías adscritos e só 13 dedicados á protección das vítimas fronte aos 20 axentes destinados en exclusiva ao servizo de seguridade de Rueda". 

Malia haber unha lei vixente de creación dunha policía autonómica Calvo di que o modelo do actual Goberno galego segue sendo o dunha unidade adscrita

Nas súas declaracións deste xoves Calvo foi preguntado se ante as discrepancias co Goberno de España para o mantemento e financiamento da policía adscrita o Goberno galego contempla crear a súa propia policía autonómica. Malia que Manuel Fraga chegou a propoñer en 2005 un proxecto de lei de creación dese corpo e a norma foi finalmente aprobada en 2007, o PP vén negándose a cumprir esa lei e este xoves Calvo reiterou que o modelo do actual Goberno galego segue sendo o da policía adscrita, non o dun corpo autónomo. 

Fragmentos da referencia do Consello da Xunta do 24 de febreiro de 2005, dando conta da aprobación con Manuel Fraga do proxecto de lei de policía CC-BY-NC-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.