A policía galega, de "histórica" para Fraga a ligada a ETA para o actual PP

Manuel Fraga, presidindo un Consello do seu derradeiro goberno, sobre unha imaxe dun vehículo da actual Policía Adscrita á Xunta CC-BY-SA Foto: Xunta | Imaxe Fraga: gravación TVG | Montaxe: Praza.gal

Hai agora vinte anos a Xunta de Fraga lanzou a súa lei de policía, que presentou como "feito histórico" por implicar que "por primeira vez" Galicia tivese "un corpo de policía propio" e "integral" con competencias como as de tráfico

Este pasado 24 de febreiro fixéronse exactamente vinte anos dende que un Consello da Xunta presidido por Manuel Fraga Iribarne aprobou a Lei de policía da Comunidade Autónoma de Galicia. Aquel Goberno do PP, no que Alberto Núñez Feijóo ocupaba a vicepresidencia primeira, presentou a norma como un "feito histórico". Así o deixou escrito na referencia do Consello daquel 24 de febreiro de 2005. 

Era tal porque "por primeira vez Galicia terá un corpo de policía propio", un "modelo de policía integral" que asumise pola vía do traspaso acordado co Estado competencias como a "vixilancia e control do tráfico en vías interurbana" no lugar da Garda Civil. Vinte anos despois, o actual PP vén de opoñerse a aplicar unha medida idéntica promovida polo BNG ligándoa á desaparecida banda terrorista ETA e á ansia por lograr unha Galicia independente.

Fragmentos da referencia do Consello da Xunta do 24 de febreiro de 2005, dando conta da aprobación do proxecto de lei de policía CC-BY-NC-SA Praza.gal

O proxecto de Fraga non chegou a concluír o trámite parlamentario polo adianto das eleccións galegas daquel 2005 ao 19 de xuño, cara ao que a dirección estatal do PP empurrara a un Fraga física e politicamente enfraquecido tras a dura lexislatura do Prestige. Non obstante, a Lei de Policía si que viu a luz en 2007 co Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Fíxoo co voto en contra do PP, que alegara aspectos formais do trámite para o "non", se ben antes rexistrara emendas nas que evidenciara o seu acordo en aspectos centrais como a creación do corpo policial e o traspaso das competencias de tráfico.

A iniciativa de Fraga non chegou a aprobarse polo adianto electoral de 2005, pero en 2007 o Goberno de PSdeG e BNG si culminou a lei de policía e ao seu abeiro pediu as competencias de tráfico co apoio tamén do PP

Tras aprobar o proxecto de 2005, o Goberno Fraga facía fincapé en que a creación da policía galega respondía ás "previsións constitucionais e estatutarias" e non ocultaba que se ollaba no espello das competencias transferidas "como aconteceu no caso de Cataluña e de Euskadi". Tratábase de lograr do Goberno de España na altura dirixido polo PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero o que conseguira a Generalitat catalá de Jordi Pujol en 1997, cando o Executivo de Aznar traspasara as competencias de tráfico aos Mossos d'Esquadra.

Aquela Xunta do PP enmarcaba o proxecto na vontade de mellorar a seguridade do país, pero tamén no afondamento do autogoberno. Así, destacaba o gabinete de Fraga, a lei contemplaba a posible integración no novo corpo policial "de membros procedentes dos demais corpos e forzas de seguridade do Estado con competencias ou funcións que asuma a policía autonómica", sempre "garantindo o coñecemento da realidade sociopolítica, xurídica e cultural, e o coñecemento e uso da lingua galega de todos os funcionarios que se incorporen".

Fragmentos da proposición de lei para transferir as competencias de tráfico, formulada polo BNG e freada polo PP no Parlamento CC-BY-NC-SA Praza.gal

O groso destes principios quedaron reflectidos na lei de 2007, para cuxo desenvolvemento o Parlamento aprobou en 2008 por unanimidade dos gobernantes PSdeG e BNG e do opositor PP pedir ao Estado as competencias de tráfico. En 2010, nun contexto marcado pola crise económica, a cuestión chegou ao pleno do Congreso e fracasou polo "non" do PSOE, pero tamén pola abstención dun PP que, se votase afirmativamente, obrigaría a aprobar a transferencia.

En 2019 e 2021 o PP accedeu ao traspaso das competencias de tráfico ata que sindicatos policiais e a extrema dereita o atacaron por facelo. Daquela virou á postura que volve escenificar agora, cando Paula Prado atacou a iniciativa do BNG ligándoa ao terrorismo malia ser practicamente idéntica hai defendida por Fraga hai vinte anos

Os populares accederían anos despois ata en dúas ocasións máis a pedir esas competencias. Fixérono en 2019 absténdose nunha proposición de lei do PSdeG que as reclamaba pero que, como a lei de Fraga en 2005, decaeu pola convocatoria de eleccións. O mesmo sucedeu en 2021, cando o PP se volveu abster ante unha petición semellante do BNG, se ben nesa ocasión a transixencia durou poucos días. Os que tardaron en chegar as protestas de colectivos de gardas civís e diversas descualificacións da extrema dereita, ás que o PP respondeu vetando a petición e adoptando a postura que chega ata a actualidade.

Representantes deses colectivos de gardas civís e sindicatos policiais foron convidados polos conservadores este pasado martes ao pleno do Parlamento para presenciaren como, a través da súa número dous, Paula Prado, o PP galego bloqueaba o novo intento do BNG por impulsar o traspaso das competencias de tráfico. E, por extensión, comezar a cumprir a lei de policía de 2007. 

Intervencións de Paula Prado (PP) e Iago Tabarés (BNG) durante o debate sobre o traspaso das competencias de tráfico, este 25 de febreiro no Parlamento CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

Malia reproducir case literalmente a formulación que o Goberno de Fraga presentou como "un feito histórico" para a autonomía, Prado atacou a iniciativa con dureza. Porque agora, di, "é distinto", dado que as "verdadeiras intencións" de controlar o tráfico e a seguridade viaria cunha policía propia son "botar á Policía Nacional e á Garda Civil da nosa terra" e, en última instancia, "avanzar cara á independencia". 

Estes son factores, argumentou a número dous de Alfonso Rueda, que ligan o Bloque e o seu proxecto "cos que teñen as mans manchadas do sangue dos 210 policías e gardas civís asasinados pola banda terrorista ETA". E por iso mentres goberne o PP en Galicia a lei da policía galega non se vai cumprir "de ningunha maneira". Para o Goberno do PP de Fraga, que a policía galega exercese como "modelo de policía integral" tiña "como finalidade a protección do libre exercicio dos dereitos e liberdades, "garantir a consecución do benestar social e a cooperación con outros axentes sociais, especialmente nos ámbitos preventivo, asistencial e de rehabilitación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.