O 1 de xuño de 2005 faltaban 18 días para as eleccións galegas. Naquela xornada, unha das salas da delegación da Consellería da Presidencia na Coruña acolleu unha rolda de prensa de Ana Crespo, antiga concelleira do PP na localidade vasca de Ermua e vicepresidenta dunha asociación chamada Voces en Silencio para presentar unha manifestación que se ía celebrar en Madrid contra o Executivo do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero baixo o lema Negociación en mi nombre, no, encamiñada a rexeitar posibles conversas do Goberno de España con ETA para procurar a fin dos seus atentados terroristas.
O PP reedita contra Ana Pontón a estratexia despregada na campaña galega de 2005, cando mantiveran que un Goberno de PSdeG e BNG "podería facilitar" o terrorismo en Galicia
Acompañada polo delegado da consellería na provincia, que tamén era presidente en funcións do PP local, Estanislao de Kotska Fernández, Crespo aproveitara a ocasión para lanzar un agoiro: se a Xunta estaba gobernada por PSdeG e BNG tras aqueles comicios, "dentro de pouco teremos aquí a ETA". Apenas catro días despois, o candidato do PP á reelección, Manuel Fraga, aproveitara o seu primeiro mitin da campaña para asegurar que unha eventual coalición de socialistas e nacionalistas traería a "ETA enteira a Galicia", dixera antes de equiparar o Bloque coa banda terrorista.
Estas mensaxes, lonxe de esvaecer, incrementárense dende o PP e a súa contorna a medida que a campaña avanzaba e as enquisas -publicadas e non publicadas- debuxaban un escenario axustado e, polo tanto, a posible caída do fraguismo. Así, dez días antes dos comicios, Fraga reafirmábase na súa tese en resposta a unha entrevista coa Cadena SER: a devandita Ana Crespo, asegurara o líder popular, tiña "toda a razón" porque un Goberno galego da esquerda "podería facilitar" o terrorismo en Galicia.
Dez días despois, o PP perdía a Xunta nas urnas. Os derradeiros atentados de ETA en Galicia continuaron sendo os cometidos agosto de 2004, aínda con Fraga na Xunta. Daquela, a banda colocara artefactos explosivos en Baiona, Sanxenxo, Santiago e A Coruña. Os dous primeiros causaran lesións a persoas que transitaban pola zona.
Contra Ana Pontón e o BNG
Cando xa transcorreron case dezaoito anos daquela histórica campaña electoral de 2005, Galicia atópase inmersa noutra carreira cara ás urnas nas que o PP teme polas súas posibilidades de reter a Xunta. O silencio demoscópico imposto pola lei electoral impide coñecer ás claras os datos que manexan tanto as formacións políticas como algúns medios de comunicación, se ben diversas fontes apuntan a unha tensión crecente na contorna popular, fundamentalmente por que a alza do BNG acabe sendo o suficientemente intensa como para dar lugar a unha maioría parlamentaria de esquerdas.
Neste contexto, nos últimos días os populares redobran os seus ataques cara á candidata do Bloque, a máis valorada pola cidadanía segundo varios inquéritos publicados antes do veto. Fano nos mitins a través de dirixentes coma o propio candidato, Alfonso Rueda, pero tamén en boca de Alberto Núñez Feijóo e Paula Prado. Tamén nas redes sociais con montaxes como a difundida o pasado mércores, na que transforman unha imaxe de Ana Pontón na cara do líder de EH-Bildu, Arnaldo Otegi, ou caricaturizan o Bloque como un lobo con pel de año, imaxe que causou a hilaridade nas propias redes.
Ana Pontón: "O nivel de nerviosismo do PP está superando todo o que nos podiamos imaxinar. O cambio é imparable"
Entre os argumentos que reiteran os conservadores nos últimos días está que o candidato de EH-Bildu ás vindeiras eleccións europeas será Pernando Barrena. O feito de que o Bloque concorrese en coalición coa formación vasca e mais con ERC aos anteriores comicios ao Parlamento da UE nun acordo que implica compartiren grupo e recursos lévaos a subliñar que "o Bloque ten a soldo no Parlamento Europeo a un membro de Bildu con antecedentes en ETA e condenado por terrorismo".
Esa condena respondeu a un pacto coa Fiscalía no ano 2016, segundo o cal diversas persoas encausadas pola súa actividade política na esquerda abertzale, acusadas de "reconstruír" Batasuna cando estaba ilegalizada, admitían que tiveran relación con ETA a cambio dunha redución de condenas que implicaba non entraren en prisión. Así o explicara o propio Barrena ante a prensa nunha comparecencia na que, no nome de Sortu -formación integrada en EH-Bildu- reiterara a súa "aposta pola exclusividade das vías políticas e democráticas para acadar calquera tipo de obxectivo".
Os populares complementan estas consideracións con outras como a acusación de que o BNG pretende "expulsar a Garda Civil" de Galicia se Pontón é presidenta. A acusación baséana na promesa, incluída no programa electoral do Bloque, de cumprir a Lei de Policía do ano 2007, o que implica solicitar a transferencia das competencias de tráfico, actualmente exercidas polo Instituto Armado, para o novo corpo policial. Esa mesma promesa foi incluída polo PP de Fraga no seu programa electoral de 2005 e o PP, xa con Feijóo ao mando, apoiouna en varias ocasións ata que, o pasado 2021, recuou entre protestas da extrema dereita.
Ao ser preguntada por estas acusacións e, concretamente, pola montaxe na que o PP funde a súa imaxe coa de Otegi, Pontón non puido conter a risa. "Perdoade, teño que rir", indicou os xornalistas, antes de indicar que "o nivel de nerviosismo do PP está superando todo o que nos podiamos imaxinar", o cal, coida, significa que "o cambio é imparable". No seo do BNG existe a convicción de que esta estratexia na fin da campaña popular responde non só á alza da formación soberanista, senón tamén ás súas posibilidades de acadaren a presidencia. Apelan a ETA ou ao independentismo catalán, agregan, "para non falar" de cuestións como a situación do Sergas.
Dende o PSOE o seu voceiro no Congreso, o ex-lehendakari Patxi López, lamentou durante unha visita a Galicia para apoiar a José Ramón Gómez Besteiro que o PP, "cada vez que non ten nada que dicir" ou procura "estender unha cortina e fume, saca o comodín de ETA". A organización terrorista que anunciou o abandono das armas en 2011 e a súa disolución definitiva en 2018.