Ana Pontón, José Ramón Gómez Besteiro e o "candidato ausente". A aspirante do BNG e o cabeza de cartel do PSdeG nas eleccións do 18 de febreiro compareceron este mércores en RTVE para participaren no primeiro dos debates electorais convocados cando Alfonso Rueda decidiu adiantar os comicios.
A ausencia de Rueda deixa á candidata do BNG e ao aspirante do PSdeG vía libre para presentaren o programa dun posible Goberno progresista falando de política galega nunha hora da franxa de máxima audiencia
Non o fixo quen aspira a seguir no cargo, alcumado en infinidade de ocasións por Pontón e Besteiro como "candidato ausente". A ausencia do representante do PP deixou á nacionalista e ao socialista vía libre para bosquexaren o programa dun posible Goberno galego progresista. Cun ton tendente á calma, Pontón e Besteiro falaron de política galega durante unha hora na franxa de máxima audiencia da televisión pública estatal deixando fóra un dos proverbiais lugares comúns da esquerda, os enfrontamentos polos matices.
Rueda "non me dá plantón a min ou ao señor Besteiro", senón "á cidadanía", principiou Pontón antes de considerar sobre o candidato do PP que "cando un non ten proxecto ou a xestión é difícil de defender, é moito máis doado escapar dos debates". "Notarán que falta un candidato", ironizou a continuación Besteiro, e "aí radica o principal problema deste país, un goberno ausente". "Será que se agocha porque ou oculta algo ou non ten nada que dicir", considerou.
Pontón e Besteiro amosan coincidencias en aspectos como a industria, o agro, a rexeneración das rías ou o reforzo do Sergas e evitan os enfrontamentos por matices en ámbitos como a política lingüística
"Candidato ausente" á marxe, as cuestións suscitadas polo moderador do encontro, o xornalista Xabier Fortes, permitiron a Pontón e Besteiro amosaren coincidencias en aspectos como a necesidade de "reindustrializar" Galicia ou de pechar os ciclos produtivos en sectores como a madeira ou o leite. Tamén cadraren en que a Xunta asuma o control de cumprimento da lei de calidade alimentaria para evitar vendas a perdas, potenciar o Banco de Terras ou rexenerar as rías.
Ampliar a carteira de servizos do Sergas con máis prestacións na Atención Primaria como as vencelladas á saúde mental, procurar unha maior cobertura dos servizos de pediatría ou dedicar o 1% do orzamento da Xunta a igualdade foron outras das coincidencias de ambos aspirantes nun debate no que tamén evitaron o enfrontamento de matices en aspectos nos que poden existir entre BNG e PSdeG. É o caso da política lingüística, onde ambos confluíron na necesidade dun maior uso e protección da lingua propia.
Neste ton chegaron ambos á recta final do debate, dedicada aos eventuais pactos e ao modelo institucional e territorial. E velaí outra coincidencia, alén da evidencia de que ambos, cando menos formalmente, aspiran á presidencia.
Nacionalista e socialista remítense ao resultado electoral para falaren de eventuais pactos para un "Goberno que represente a pluralidade", di Pontón; un "Goberno de progreso", agrega Besteiro
"Quen decide os pactos é a cidadanía" e "se a cidadanía aposta por iso, estarei encantada e sentireime moi orgullosa de ser a presidenta dun Goberno que represente a pluralidade", resaltou Pontón. "Van ter que falar os galegos e galegas" e da votación dependerán os posibles cambios, evidenciou Besteiro, quen en calquera caso ve "evidente" que "imos a un cambio e a un Goberno de progreso".
O resultado, agoiran, sería "unha presidenta coas mans libres para defender a axenda galega sen subordinación ao centralismo" e a prol das "maiorías sociais" con Pontón. Ou a "ambición dun novo Goberno que, máis que mans libres", teña as "mans cheas" para lograr "investimentos, compromisos" para o país no Estado e en Europa, con Besteiro. Ningún dos dous quixo indicar que ambos modelos non poidan chegar a ser compatibles.
Como é habitual neste tipo de formatos, o debate de RTVE finalizou cun minuto final de intervención libre para ambos participantes. E nese punto existiu tamén certa coincidencia. Pontón advertiu de que, tras 15 anos nos que os gobernos do PP contaron con "167.000 millóns de euros para transformar este país", fica "un legado" de perda de "poboación, industria e emprego" ou de "talento que emigra".
"Se queremos deixar de perder temos que apostar por algo diferente", sinalou a candidata do BNG para, a continuación, darlle a volta á mensaxe final de Rueda no debate da CRTVG: "Se queres unha presidenta que dea a cara e non se esconda, vótame; se queres unha presidenta que defensa a sanidade e a educación pública, vótame", convidou nun momento no que "a historia se pode tocar coas mans e transformala".
Besteiro, pola súa banda, convidou a cidadanía a pensar "onde estaba hai quince anos" para, a continuación, pedir que "decidan co seu voto o futuro da sanidade, do ensino, da atención aos nosos maiores ou os nosos empregos". Trátase, explica o candidato do PSdeG, de decidir entre "catro anos máis de política resignada, de recortes e mentiras" ou "cambio, ilusión e futuro" con "máis empregos, máis dereitos e máis ambición de país".
Aseguran Pontón e Besteiro que, se gobernan, eles non estarán "ausentes". E que, ademais, en catro anos a presenza das candidatas e candidatos á presidencia da Xunta nos debates electorais estará regulada por lei.