Así pechan as enquisas: o PP a menos de dous escanos de perder a maioría absoluta cun BNG en ascenso

Escanos estimados para cada candidatura polas enquisas publicadas este domingo e luns ©

A media das enquisas publicadas nos dous últimos días deixa o PP en 39 escanos (38,89), dous por riba do límite da maioría absoluta. Porén, xa son tres as sondaxes que indican algunha posibilidade de que os populares baixen de 38 representantes

Na medianoite deste luns finaliza o prazo no que legalmente se poden publicar enquisas. Entre o domingo e o luns difundíronse en medios de comunicación unha ducia de sondaxes e as derradeiras entregas dos trackings que de forma diaria viñan realizando Sondaxe e EM-Analytics para La Voz de Galicia e Nós Diario. A fotografía que amosan estes estudos amosa unha imaxe e unhas tendencias moi semellantes ás que xa viñan indicando os traballos da última semana: unha maioría absoluta do PP no límite dos 38 ou 39 escanos e un ascenso espectacular do BNG a costa de PSdeG e Sumar.

A media das enquisas publicadas nos dous últimos días deixa o PP en 39 escanos (38,89), dous por riba do límite da maioría absoluta. Porén, xa son varias as sondaxes que indican algunha posibilidade de que os populares baixen de 38 representantes. Faino o CIS (34-38), pero tamén dB40 (36-40) e tamén Sociométrica (37-39). Os restantes 9 estudos, iso si, fixan o límite inferior do PP en 38 ou 39 escanos, con opcións de chegar a 41 ou 42.

Onde si hai consenso entre as empresas demoscópicas é en prever un grande avance do BNG, cun aumento de cando menos catro representantes en relación ás eleccións de 2020

Onde si hai consenso entre as empresas demoscópicas é en prever un grande avance do BNG (23,3 escanos de media), cun aumento de cando menos catro representantes en relación ás eleccións de 2020. As opcións nacionalistas móvense nun abano amplísimo, dende os 19-20 escanos de DemosGal ata os 24-31 do CIS. En calquera caso, o groso dos traballos publicados estiman que o Bloque se movería nun chan de 21 escanos e un teito de 26.

A concentración do voto progresista na figura de Ana Pontón está a prexudicar tanto a Sumar coma sobre todo nos últimos días ao PSdeG-PSOE. Os socialistas pasaron de moverse na precampaña entre os 14 e 15 escanos a situarse nestes últimos días por debaixo de 12 escanos

Tamén hai consenso entre as distintas empresas en sinalar os movementos de voto máis importantes da campaña: unha concentración do voto progresista na figura de Ana Pontón que está a prexudicar tanto a Sumar coma sobre todo nos últimos días ao PSdeG-PSOE. Os socialistas pasaron de moverse na precampaña entre os 14 e 15 escanos (14,43 de media), cunha leve suba, a situarse nestes últimos días por debaixo de 12 escanos (11,92), chegando a perder dous deputados ou máis. Á inversa, o BNG pasou de moverse nos primeiros días de xaneiro ao redor dos 20 escanos a subir por riba dos 23 (23,3), cun avance de catro ou cinco representantes.

Aínda que as estimacións do PP indican un leve descenso nas últimas semanas, os populares manteríanse por riba dos 39 deputados. Con todo, este dato deixaría a perda da maioría absoluta conservadora perdente do cambio de dous representantes cara a BNG, PSdeG ou Sumar

As malas novas para a esquerda son que aínda que as estimacións do PP si indican un leve descenso nas últimas semanas (de 39,43 a 38,89 escanos), as enquisas publicadas sinalan que os populares se manterían por riba dos 39 deputados. Con todo, este dato deixaría a perda da maioría absoluta conservadora perdente do cambio de dous representantes cara a BNG, PSdeG ou Sumar. Todo está, polo tanto, no aire.

Sumar, pola súa banda, mantense no límite de obter representación. Das ultimas catorce enquisas publicadas seis indican que a formación de esquerda podería chegar a 1 ou 2 escanos, mentres que outras oito desbotan por completo esta posibilidade.

Sumar e Democracia Ourensana móvense no límite entre entrar na cámara ou non

Democracia Ourensana móvese tamén no límite entre entrar na cámara ou non. As sondaxe publicadas entre este domingo e luns móvense entre os que aseguran que a formación acadará con toda seguridade un escano (catro delas), as que desbotan por completo esta posibilidade (tres delas) e as restantes sete que ofrecen un escenario de 0-1 deputados para o partido ourensanista.

En canto a VOX, tan só o CIS estima que a formación de ultradereita ten algunha opción de entrar no Parlamento galego.

A perda da maioría absoluta dependerá dunha improbable transferencia de voto cara á esquerda, dunha posible desafección do voto do PP (cara á abstención ou cara a VOX) e, sobre todo, dunha mobilización do voto progresista que en anteriores comicios optou por absterse

Os movementos das últimas semanas están a aproximar a posibilidade dun cambio de Goberno en Galicia. Porén, dende os primeiros días de xaneiro o PP mantense firme por riba dos 39 escanos na maior parte das enquisas. A perda da maioría absoluta popular dependerá dunha improbable transferencia de voto cara á esquerda, dunha posible desafección do voto conservador (con movementos cara á abstención ou cara a VOX) e, sobre todo, dunha mobilización do voto progresista que en anteriores comicios autonómicos optou por absterse. Na medida en que BNG, PSdeG ou Sumar sexan quen de activar ese voto, a derrota do Partido Popular debería estar preto.

De aquí ao domingo 18 de febreiro, as empresas demoscópicas seguirán a realizar sondaxes, aínda que o seu resultado non poderá ser difundido

De aquí ao domingo 18 de febreiro, as empresas demoscópicas seguirán a realizar sondaxes, aínda que o seu resultado non poderá ser difundido e esa valiosa información ficará unicamente en mans destas compañías e dos partidos que en cada caso as encarguen. De cara ao público todo será rumoroloxía e intentos -con base real ou non- de influír no voto.

Podes consultar no seguinte gráfico todas as enquisas publicadas dende a convocatoria das eleccións. Dos dous trackings que se veñen difundindo inclúese unha mostra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.