O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicou este luns a súa última enquisa preelectoral para as eleccións do 18F, un estudo dos denominados flash, centrados na estimación de voto. Se a sondaxe publicada hai unha semana, o 5 de febreiro, prevía unha vitoria da esquerda cun goberno liderado polo BNG, este novo traballo insiste na caída do PP, cun resultado estimado de entre 34 e 38 escanos (igual que no inquérito de hai oito días), o que supón unha forte caída desde os 42 escanos actuais.
Segundo a enquisa do CIS, é o BNG o que continúa disparado, ao pasar dos 19 escanos actuais a entre 24 e 31. Pola contra, o PSdeG rexistra unha caída, tanto con respecto ao pasado estudo do CIS como á súa actual representación no Parlamento galego: obtería entre 9 e 14 representantes.
A derradeira enquisa do CIS antes do 18F volve situar o PP entre os 34 e os 38 escanos e dispara ao BNG a entre 24 e 31
Ademais, o inquérito dálle opcións de entrada na Cámara a Sumar, con entre 0 e 2 escanos, pero tamén a Democracia Ourensana (0-1) e mesmo a Vox (0-1).
En relación á enquisa publicada hai unha semana, o PP mantense no 42,2%, case seis puntos menos que no 2020. En cambio, o BNG dispara a súa estimación, que chegaría ao 33,4%, 1,5 puntos máis que na última sondaxe e uns dez puntos máis que hai catro anos.
O PSdeG quedaría no 18,1% nos mesmos niveis, mentres que Sumar alcanzaría o 2,8%, polo 2,4% de Vox e o 0,5% de Democracia Ourensana. Podemos, co 0,2%, non contaría con opción ningunha de entrar no Parlamento, segundo a enquisa.
O estudo deste luns ofrece unhas posibilidade semellantes dun goberno progresista que o anterior, pero máis que o do pasado 25 de xaneiro, que abría a porta a un cambio na Xunta, pero ofrecía un abano de entre 36 e 38 escanos para o PP (a maioría absoluta está fixada nun mínimo de 38). Este novo traballo reduce as opcións populares aínda máis, cun resultado estimado de entre 34 e 38 escanos, ao igual o inquérito da pasada semana.
Os cambios veñen no resto de partidos. O BNG podería, segundo o CIS, alcanzar cotas históricas e superar os 30 deputados, mentres que os resultados tamén ofrecen unha posibilidade de caída histórica do PSdeG, que podería caer ata os 9. É neses contrapesos onde se moven as opcións da esquerda nunhas eleccións que, segundo este e outros estudos demoscópicos, están máis no aire ca nunca.
De feito, este último do CIS advirte da posibilidade da entrada de Sumar, Vox e Democracia Ourensana no Parlamento, pero tamén da opción de que todos eles queden á beira, o que mudaría moito calquera previsión.
As preferencias por quen ocupe a presidencia están practicamente empatadas: o 35% prefire a Rueda á fronte da Xunta e o 34,6% a Ana Pontón
En canto á valoración de candidatos, Ana Pontón é a mellor valorada de todos eles, cun 5,89, seguida de Alfonso Rueda, cun 5,29, ambos os dous os únicos que superan o aprobado. A continuación sitúase Marta Lois, cun 4,06, seguida de Isabel Faraldo, de Podemos, cun 3,33, Armando Ojea (DO), cun 2,9, e Díaz Mella, de Vox, que queda no 2,76.
Ademais, o 30,2% das persoas que participaron na enquisa aseguran que lles gustaría que gañase as eleccións o BNG, mentres que o 35,7% di que lle gustaría que fose o PP o vencedor. En canto ás preferencias por quen ocupe a presidencia da Xunta, os resultados supoñen practicamente un empate entre Alfonso Rueda e Ana Pontón: o 35% preferiría ao candidato popular á fronte do Executivo galego, mentres que o 34,6% opta pola candidata nacionalista.
Debullando os datos, a enquisa do CIS ofrece datos relevantes, como que o BNG sería o partido máis apoiado nas grandes cidades (de máis de 100.000 habitantes), por diante do PP, rozando ambos o 30%.
Por outra banda, o traballo publicado polo CIS segue a prever unha elevadísima participación, case do 80% (o 79,7% dos entrevistados afirman que "con toda seguridade" acudirán a votar), moi superior ao 58% de hai catro anos.
Agora, e desde a medianoite deste luns para o martes, remata o prazo legal no que se poden difundir publicamente enquisas, polo que a do CIS será a derradeira que se faga pública. No entanto, son varias as empresas que seguirán a realizar inquéritos, aínda que os seus datos non se poderán ser divulgados.