O CIS prevé unha vitoria da esquerda cun goberno liderado polo BNG

Resultados da enquisa do CIS do 5 de febreiro sobre unha imaxe do Parlamento © Parlamento de Galicia

Na enquisa flash do CIS, que se publica dez días despois da última, as opcións do PP redúcense aínda máis, cun resultado estimado de entre 34 e 38 escanos, unha forte baixada dende os 42 escanos actuais

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicou este luns unha nova enquisa preelectoral para as eleccións do 18F, un estudo dos denominados flash, centrados na estimación de voto. Se a sondaxe publicada o pasado 25 de febreiro polo instituto público abría a porta a un cambio na Xunta, cun abano de entre 36 e 38 escanos para o PP (a maioría absoluta está fixada nun mínimo de 38), este novo traballo reduce as opcións populares aínda máis, cun resultado estimado de entre 34 e 38 escanos, unha forte baixada dende os 42 escanos actuais.

A esquerda obtería unha clara maioría absoluta liderada polo BNG, que pasaría dos 19 escanos actuais a entre 22 e 26. O PSdeG obtería un resultado semellante ao de hai catro anos (13-15 deputados) e Sumar (0-1) e Democracia Ourensana (0-1) manterían opcións de entrar no Parlamento.

A sondaxe, composta por 3.743 entrevistas, foi realizada entre o 29 de xaneiro e o 1 de febreiro de forma telefónica, cun 78,8% de chamadas a móbiles e un 21,2% a fixos. 

O traballo segue a prever unha elevadísima participación, superior ao 80% (o 80,2% dos entrevistados afirman que "con toda seguridade" acudirán a votar), moi superior ao 58% de hai catro anos.

BNG dispara a súa estimación, que chegaría ao 32,9%, 3,6 puntos máis que na última sondaxe e case dez puntos máis que hai catro anos

En relación á enquisa publicada hai dez días, o PP continúa a perder apoios e situaríase no 42,2%, case seis puntos menos que no 2020. En cambio, o BNG dispara a súa estimación, que chegaría ao 32,9%, 3,6 puntos máis que na última sondaxe e case dez puntos máis que hai catro anos.

O PSdeG mantense nos mesmos niveis e quen baixarían de forma significativa serían Sumar e Podemos.

A enquisa volve preguntar pola valoración de candidatos, e de novo Ana Pontón lidera as preferencias, cunha valoración algo inferior á de hai dez días

A enquisa volve preguntar pola valoración de candidatos, e de novo Ana Pontón lidera as preferencias, cunha valoración algo inferior á de hai dez días (de 5,77 pasa a 5,74). A líder do BNG supera a Alfonso Rueda, que tamén baixa (de 5,39 a 5,37). O resto dos candidatos e candidatas suspenden, aínda que José Ramón Gómez Besteiro queda preto do aprobado e mellora a súa nota (de 4,84 a 4,86).

Preguntados por quen preferirían como presidente ou presidenta, Rueda lidera (37,8%), pero por pouco ante Pontón (31,9%)

O 50,7% di estar seguindo a campaña con moito ou bastante interese. E entre os entrevistados e entrevistadas polo CIS o PP é o partido que está propoñendo asuntos de máis interese para Galicia (32,8%) cun resultado moi semellante ao do BNG (28,8%).

O 70,2% dos enquisados e enquisadas di que xa decidiu o seu voto, mentres que un 27,7% afirma que aínda dubida. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.