Galegos e galegas sitúan o paro (13,8% do total de respostas), a sanidade (10,3%) e situación da economía (8,2%) como os principais problemas do país
A enquisa preelectoral do CIS publicada este xoves achegou unha gran cantidade de información alén da pura estimación da intención de voto da cada partido nos comicios do 18F, comezando por unha pulsión de cambio que o estudo revela en varios indicadores. O CIS adoita preguntar en todas as súas enquisas electorais polos problemas que a cidadanía percibe como "principais" e tamén o fixo neste traballo.
Os resultados amosan que galegos e galegas sitúan o paro (13,8% do total de respostas), a sanidade (10,3%) e situación da economía (8,2%) como os principais problemas do país, por riba do propio Goberno da Xunta, as infraestruturas, a calidade do emprego, e a industria e o I+D.
As mulleres poñen o foco na sanidade moito máis que os homes (12,7% fronte a 7,7%) e tamén sobre os "problemas económicos", a calidade do emprego, a falta de apoio á mocidade e a crise dos pellets
Porén, na enquisa atopamos importantes diferenzas dependendo a quen se lle pregunte, o sexo, a idade ou a ideoloxía da persoa entrevistada. Así, as mulleres poñen o foco na sanidade moito máis que os homes (12,7% fronte a 7,7%) e tamén sobre os "problemas económicos", a calidade do emprego e a falta de apoio á mocidade. Tamén sinalan máis a crise medioambiental dos pellets. En cambio, os homes priorizan os "problemas políticos", as infraestruturas e a industria.
Para os mozos e mozas entre 18 e 24 anos o principal problema de Galicia é "a crise medioambiental dos pellets"
As diferenza por idade son aínda máis importantes. Así, para os mozos e mozas entre 18 e 24 anos o principal problema de Galicia é "a crise medioambiental dos pellets", seguida da economía, a sanidade e o propio Goberno da Xunta, ademais de cuestións ligadas á autonomía e á identidade de Galicia. En cambio, a poboación de maior idade sitúa o paro e a a sanidade claramente nos primeiros lugares.
O paro é especialmente sinalado polas persoas entre 45 e 64 anos e case non figura nas preocupacións dos mozos e mozas por debaixo dos 25 anos. O grupo de idade entre 45 e 64 é tamén o que fai fincapé na "calidade do emprego".
A preocupación pola sanidade é transversal, pero acentúase no grupo de idade entre 65 e 74 anos. Os "problemas políticos" son sinalados sobre todo polas persoas de mediana idade, o mesmo que as cuestións ligadas a industria e I+D.
O paro e a "calidade do emprego" é especialmente sinalado polas persoas entre 45 e 64 anos e case non figura nas preocupacións dos mozos e mozas por debaixo dos 25 anos
Mentres que a preocupación polos pellets pertence case exclusivamente aos menores de 35 anos, a "falta de apoio á mocidade" é destacada sobre todo polos maiores de 65 anos, paradoxalmente.
A preocupación pola educación só acada porcentaxes relevantes nos menores de 25 anos, o mesmo que as cuestións medioambientais. A vivenda preocupa, sobre todo, entre os 25 e os 44 anos.
Un BNG dominante na esquerda e o PP, moi asentado no centro e na dereita
O BNG é a opción preferida entre as persoas que se sitúan entre o 1 e o 4 da escala ideolóxica (na esquerda). Porén, o PP domina a partir do 5 acada practicamente a unanimidade a partir do 6
O CIS ofrece tamén información sobre a ubicación ideolóxica dos entrevistados, un dato que podemos cruzar polas súas preferencias electorais. Así, a enquisa revela que o BNG é a opción preferida entre as persoas que se sitúan entre o 1 e o 4 da escala ideolóxica (o 1 representa a extrema esquerda e o 10 a extrema dereita). Porén, o PP domina a partir do 5 acada practicamente a unanimidade a partir do 6. Nesta escala, 5 e 6 representan o centro.
A enquisa presenta tamén as respostas cruzadas en relación á candidatura que os entrevistados apoiaron no ano 2020, o que permite observar o transvase de preferencias dos electores. Neste caso, pódese ver como PP e BNG apenas perden os apoios acadados hai catro anos, con pequenas fugas en dirección a BNG e PSdeG ou a PP e PSdeG.
O BNG sería a candidatura que recibiría máis votos doutras forzas, principalmente do PSdeG e de Galicia en Común
En cambio, o PP benefíciase dun gran número de persoas que afirman que non votaron no ano 2020 e que agora si optarían polos populares e dun pequeno transvase procedente do PSdeG. Ademais, recibiría a maior parte dos votos de Ciudadanos e unha parte importante dos de VOX.
O BNG sería a candidatura que recibiría máis votos doutras forzas, principalmente do PSdeG e de Galicia en Común; neste caso, ao redor da metade das persoas que en 2020 optaron por Galicia en Común votarían agora o BNG. O Bloque tamén suma moitos votos de persoas que se abstiveron hai catro anos. O PSdeG recibiría segundo o CIS poucos votos novos, o mesmo que Sumar, que só se faría co 25% dos votos de Galicia en Común.