A unha semana do inicio da campaña electoral, o barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) sobre as eleccións galegas ratifica que a cita do 18F se presenta, a priori, non só como a máis transcendente, senón tamén como a máis aberta en, cando menos, década e media en Galicia. Cunha ampla mostra de máis de 11.000 entrevistas (case catro veces máis que hai catro anos), o instituto demoscópico estatal ofrece un panorama no que a esquerda tería oportunidades de dar sumado unha maioría absoluta encabezada polo BNG que desaloxase o PP da Xunta e situase na presidencia a Ana Pontón.
Pero, alén do reparto de escanos -que tamén mantén aberta a porta a que o PP reteña a maioría absoluta ou a perda, pero poida reter o Goberno apoiándose en Democracia Ourensana-, o inquérito do CIS deixa outros datos. Son cifras que impulsan a convicción que as principais forzas da esquerda veñen sostendo dende hai semanas: existen máis ganas de cambio e tamén máis confianza en quen encabezaría o eventual novo Goberno.
Oito de cada dez cren que "gañará" o PP, menos de catro de cada dez deséxano
Como en anteriores eleccións, cando a poboación é cuestionada por quen "cre" que gañará os comicios do 18F, unha esmagadora maioría considera que a vitoria será para o PP. Así o indica o 79,6% da poboación consultada, apenas un punto menos que no CIS preelectoral de 2020.
A preferencia por unha vitoria da forza que encabeza a oposición, neste caso o BNG, dispárase a respecto de hai catro anos
Pero, a diferenza de hai catro anos, a preferencia por que a vitoria sexa para a formación que actualmente encabeza a oposición (daquela o PSdeG -tras a división da antiga En Marea- e agora o BNG) dispárase. Segundo a enquisa do CIS para as eleccións deste 2024, o 37,8% desexan que "gañe" o PP (algo máis de tres puntos por riba de hai catro anos) e o 29,2% queren que a vitoria sexa para o Bloque -un 13,6% hai catro anos-. A preferencia por unha vitoria do PSdeG é moi semellante á das anteriores eleccións, roldando o 16%.
Deste xeito, mentres que en 2020 a suma da poboación que desexaba que "gañasen" BNG ou PSdeG roldaba o 30%, esta proporción elévase agora por riba do 45%. A preferencia por un triunfo electoral da actual segunda forza parlamentaria, neste caso o Bloque, medra máis de doce puntos.
Valoración semellante da xestión da Xunta e do labor do BNG
Outra das novidades significativas que deixa tras de si o inquérito do CIS sitúase no apartado da valoración da xestión do Goberno do PP e no seu contraste coa avaliación cidadá do traballo da actual oposición de esquerdas. En torno a un 45,5% da poboación consultada na enquisa considera boa ou moi boa a xestión do Executivo que agora preside Alfonso Rueda e algo máis dun 46,6%, como mala ou moi mala.
A porcentaxe de poboación que ve "boa" ou "moi boa" a xestión da Xunta é practicamente idéntica á que ten esa mesma consideración do labor do Bloque na oposición nun contexto no que case o 60% ten "pouca" ou "ningunha" confianza en Rueda
Mentres, ao ser cuestionada polo labor das forzas que ocuparon a oposición parlamentaria nestes últimos catro anos, BNG e PSdeG, o 45,6% ve ben ou moi ben o traballo realizado polo Bloque, unha décima por riba do aprobado ao Goberno do PP de Rueda. No caso do PSdeG, a avaliación positiva do labor de oposición cae ao 26,7%, se ben cómpre ter en conta que o seu candidato, José Ramón Gómez Besteiro, non tivo escano no Parlamento nin foi a cabeza visible dos socialistas galegos ata que foi elixido candidato no outono de 2023.
Neste contexto, tamén resulta significativa a imaxe que os liderados das forzas que sentaron na Cámara galega na última lexislatura obteñen na poboación. O aspirante a seguir en San Caetano, Alfonso Rueda, inspira "moita" ou "bastante" confianza ao 42%, pero "pouca" ou "ningunha" ao 56% da poboación que o coñece. Mentres, Ana Pontón é merecente de "moita" ou "bastante" confianza para algo máis do 49% e de "pouca" ou "ningunha", para o 48,6% Besteiro, con menor coñecemento cidadán, segundo a enquisa, é confiable para arredor do 30%.
"Hai partido"
Alén das consideracións sobre a posición de cada unha das forzas políticas segundo a enquisa do CIS, os datos divulgados este xoves deixan unha sensación coincidente nas tres candidaturas da esquerda que, atendendo ao inquérito, terían opcións de sentar no vindeiro Parlamento: é posible a mudanza política década e media despois. Ou, como coinciden en afirmar varias delas: "Hai partido".
BNG, PSdeG e Sumar coinciden en que a mobilización do electorado progresista será sinónimo de mudanza política. O Bloque cre que a carreira electoral servirá para "agudizar as tendencias" e Besteiro observa o PSdeG en plena "remonta", mentres Lois cre que Sumar será "decisivo"
Para o director da campaña do BNG, Rubén Cela, fica máis que ratificado que os comicios son "os máis abertos" en "décadas" porque o PP está "claramente á baixa" e hai "moitos máis galegos e galegas que prefiren un cambio político". "Hai un movemento de fondo dun cambio que xa é imparábel" e no que ademais, resalta, Ana Pontón "é a candidata mellor valorada e está en disposición de disputar a presidencia".
Considera Cela que as semanas que quedan ata a "única enquisa válida, a do día das eleccións" permitirán "agudizar" as tendencias dun PP á baixa e un Bloque á alza. Neste contexto, "todas as persoas que queremos cambio temos que ir votar, nin un só voto de cambio pode ficar na casa", coida.
Pola banda do PSdeG o seu candidato tamén saúda os datos da enquisa do CIS, coñecidos pouco despois de que, durante unha intevención no Forum Europa en Madrid, dese por seguro o "cambio", pero tamén un "avance" socialista a respecto dos resultados de hai catro anos. "Non cabe dúbida de que haberá cambio de Goberno na Xunta", sinala Besteiro, que ve tamén "constatada" a "remonta do PSdeG", polo que segue aspiranod a "liderar o cambio seguro" grazas ao seu "claro avance".
En Sumar, mentres, coidan que as cifras do CIS evidencian que a súa eventual representación pode ser clave para desaloxar o PP da Xunta. "Confirma moitas das cuestións que estamos dicindo: para que haxa un cambio, Sumar é a forza decisiva" pero tamén que "para que o PP perda a maioría absoluta, ten que haber moita mobilización", sinala a súa candidata, Marta Lois. "Hai partido e se os galegos e galegas se mobilizan, vai haber un cambio histórico", prognostica.