De "Galicia en paz" ao cambio de goberno: os partidos ven alargar os límites do posible para o 18F

Rueda, Pontón e Besteiro encabezan a PP, BNG e PSdeG nas eleccións do 18F, nas que tamén aspiran a entrar no Parlamento formación como Sumar e DO CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Imaxes candidatos: PP - BNG - PSdeG

En vésperas dunhas eleccións municipais, a persoa responsable dunha entidade acudiu á Deputación de Ourense para interesarse por un asunto pendente de concretar. A funcionaria que a atendeu deulle por garantido que o trato, cunha dotación económica discreta, se ía pechar, pero remitiuna a despois dos comicios para asinalo. "Porque agora hai eleccións, aínda que aquí iso non inflúe", disque resumiu. A posibilidade dunha mudanza de cor política, que naquel caso implicaría a caída da familia Baltar nos seus tempos de maior poder, non se contemplaba nin como mera hipótese. O PP daba por obvio que recuncaría e as forzas da esquerda víano igualmente evidente, sen posibilidade de que sucedese outra cousa.

Nas anteriores tres eleccións que o PP perdese a Xunta era algo que, simplemente, non ía suceder. Os populares aspiraban a pintar este mesmo cadro para a campaña de 2024

Esta mesma dinámica caracterizou non poucas convocatorias electorais ao Parlamento de Galicia. Nas lexislaturas do fraguismo máis espeso, pero tamén máis recentemente. En 2012, 2016 e 2020 practicamente ninguén manexou como escenario posible que o PP de Alberto Núñez Feijóo fose perder a maioría absoluta na Cámara e con ela, o Goberno. Era algo que, simplemente, non ía suceder.

Un cadro coma este é o que que aspiraba a pintar o PP cara ás eleccións galegas deste 2024, adiantadas ao 18 de febreiro cando, a finais de decembro, o actual presidente confirmou unha decisión que os populares tiñan practicamente tomada, cando menos, dende comezos dese mes. "Teñamos Galicia en paz", rezaban os carteis que os populares sacaron ás rúas e ás redes sociais durante as festas do Nadal tras semanas nas que Alfonso Rueda percorreu diversos concellos convidando a cañas de cervexa -sen alcol- e multiplicou as súas aparicións na TVG. 

O escenario mudou e ningunha das principais forzas dá xa por feita outra absoluta do PP, aínda que sexa o máis probable. Uns cantos milleiros de votos poden derivar nunha maioría progresista

Unha carreira electoral "en paz", sen tensión política, que desembocase na orde natural das cousas: outra maioría absoluta, a quinta consecutiva do PP e a primeira con Rueda no cartel electoral. Un balón de osíxeno para Feijóo en Madrid mentres unha nova fornada de dirixentes populares consolida o seu dominio da Xunta fronte á enésima recomposición da correlación de forzas na esquerda.

Pero o escenario comezou a mudar e todas as principais forzas políticas que concorren ao 18F ven alargar os límites do posible. Galicia "en paz" -para o PP- é un escenario posible, mesmo o máis probable. Pero tamén é posible un cambio no Goberno. É cuestión de sensacións, pero tamén de números e demoscopia. 

Tras a publicación das primeiras enquisas preelectorais, esténdese a dereita e esquerda a percepción de que as eleccións están máis abertas do que quixeran os populares, máis aínda coa crise dos pellets e a súa xestión política por parte da Xunta actuando como aguillón. Uns cantos milleiros de votos, especialmente nas provincias atlánticas -as que reparten 47 dos 75 escanos do Parlamento- poden acabar derivando nunha maioría progresista, sobre todo nun contexto de mobilización do electorado urbano. É o que len ollos expertos na letra miúda dos inquéritos e así é tamén analizado nas salas de máquinas dos principais partidos.

Un PP menos "deG" e influencia da 'Génova' de Feijóo

Figuras relevantes do equipo de Feijóo volveron á Xunta ou asesoran directamente a Rueda, abrindo a porta a momentos incómodos co equipo do actual presidente

Nesta liña, o actual presidente Rueda vénse esforzando nas últimas semanas en trasladar aos cadros do PP en público que as eleccións non están gañadas. É a idea central arredor da que xiran os seus discursos máis alá de novas propostas programáticas ou da tradicional apelación á "illa de estabilidade" galega. Pero esas declaracións públicas, divulgadas polo partido mesmo en notas de prensa e que poderían interpretarse como unha apelación á mobilización do electorado máis fiel, para que non se confíe, coinciden coa mensaxe que se está a esparexer internamente. O que hai só un par de meses era confianza amparada en supostas enquisas que ratificaban unha ampla maioría absoluta virou nas últimas semanas nunha serie de movementos que espertan inquedanza no partido.

O equipo que logrou as catro maiorías absolutas para Feijóo marchou con el a Madrid hai ano e medio. E o descabezamento obrigou a Rueda a construírse un gabinete propio tanto no partido como na presidencia da Xunta. Porén, nas última semanas algunhas figuras relevantes do equipo de Feijóo na madrileña rúa de Génova volveron á Xunta ou están a asesorar directamente a Rueda, o que abriu a porta a momentos incómodos co equipo do actual presidente.

Alfonso Rueda, nun mitin do PP contra a amnistía, en Madrid en setembro de 2023 CC-BY-SA PPdeG

Ao tempo, xa non están tan claras as declaracións de Rueda apelando a galeguizar as eleccións galegas. Desde un primeiro momento era evidente para todo o PPdeG, e mesmo desexado, que Feijóo participaría activamente nos comicios. Pero os modos empregados non sempre revelaron coordinación con Galicia. 

O mesmo día en que Rueda desvelou a data dos comicios anunciábase desde Madrid que Feijóo tería unha caravana electoral propia. Ademais, para este domingo está convocado na Coruña un acto con baróns autonómicos do partido e para a próxima fin de semana, unha reunión en Ourense das direccións dos diversos grupos parlamentarios do PP no Congreso, Senado ou Parlamento Europeo na que Feijóo terá un papel destacado con asuntos como a amnistía aos independentistas cataláns comandando a axenda. Trátase de actos que seguirán diluíndo esa pretendida galeguización dos comicios, á que mesmo semella que xa renunciou o propio Rueda, que nas últimas xornadas vén presentando a Pedro Sánchez como o seu principal competidor.

"O escenario máis aberto en 14 anos" para un optimista BNG

A hipótese de chegar á recta final cara ao 18F nun contexto no que se estenda a percepción de que o cambio é posible, considerada -e temida- no PP, manéxase tamén na formación que actualmente comanda a oposición e que, segundo as diversas enquisas, máis posibilidades tería de lograr a presidencia en ausencia de maioría absoluta da dereita, o BNG. Na contorna da súa portavoz nacional e candidata, Ana Pontón, reiteran en público e en privado que o panorama electoral galego é "o máis aberto en 14 anos", dende a caída do Goberno de coalición en 2009, e consideran que ver a súa  líder na presidencia é algo difícil, pero que pode suceder. 

Ana Pontón, intervindo nun acto con cargos municipais do BNG o pasado 10 de xaneiro CC-BY-NC-SA BNG

"Hai partido", resumen fontes do Bloque consultadas por Praza.gal. No equipo de Pontón manexan datos "nunca vistos" en canto a perspectivas de representación no novo Parlamento e, sobre todo, de valoración cidadá da súa candidata, que mesmo é "a líder preferida" entre electorado que en convocatorias anteriores votou por outras forzas da esquerda. "Temos unha posición de partida moi boa", agregan nun contexto no que, coidan, a súa percepción é reforzada por observar o PP "tan nervioso": "Non estamos afeitos a velos así nin a que dean mostras de febleza como na xestión comunicativa" da crise dos pellets, apuntan.

"Hai posibilidade reais de cambio", consideran nun BNG que manexa datos "nunca vistos" en canto a perspectivas electorais e, sobre todo, da valoración cidadá sobre Ana Pontón

Neste contexto, na dirección da formación soberanista está asentada a convicción de que "hai posibilidades reais de cambio" e que unha das claves será dar levado ás urnas electorado da esquerda que adoita absterse nos comicios galegos. Para este obxectivo valoran a necesidade dunha carreira electoral intensa e dan especial relevancia ao impacto que poida acadar a súa presidenciable no debate electoral previsto pola CRTVG para o primeiro luns da campaña. O sentimento que se espalla pola formación, ilustran dirixentes consultadas, seméllase ao experimentado polo BNG compostelán durante a campaña das eleccións municipais do pasado 2023, na que, co paso dos días, a posibilidade de que Goretti Sanmartín chegase á alcaldía pasou de idea forza a posibilidade tanxible. Ese sentimento acrecéntano movementos como o que, este domingo, cristaliza na sinatura entre Pontón e Martiño Noriega do pacto do Bloque con Anova para o 18F, unha relevante mensaxe política, alén da estrita aritmética electoral, doce anos despois das traumáticas escisións na formación.

A implicación da dirección do PSOE con Besteiro

A monitorización da situación preelectoral no seo do Bloque olla tamén con atención os movementos no que sería o outro piar clave nun eventual cambio, o PSdeG. Especialmente no que atinxe ao efecto da implicación nas eleccións galegas da dirección federal do PSOE, con Pedro Sánchez á cabeza, que a vindeira semana desembarcará de vez en Galicia coa celebración na Coruña da súa conferencia política. Trátase dun acto de primeira orde na axenda do partido no que está prevista tamén a participación do que se revelou como un dos grandes activos socialistas nas eleccións municipais e xerais do pasado ano, o ex-presidente José Luis Rodríguez Zapatero. Ese será o lanzamento definitivo da carreira dos socialistas cara ao 18F.

José Ramón Gómez Besteiro, con Pedro Sánchez na convención política do PSdeG o pasado xaneiro CC-BY-NC-SA PSdeG

Con José Ramón Gómez Besteiro como aspirante á presidencia da Xunta, os socialistas galegos son conscientes de que xogan dúas batallas nunha. Teñen que volver dar a coñecer no conxunto do país ao seu candidato tras sete anos de ausencia da esfera pública -"temos que facer en pouco tempo o que outros fixeron en vinte anos"- e mellorar os resultados electorais precedentes nun contexto no que, sosteñen fontes consultadas por Praza.gal, existe "unha ventá de oportunidade" para mudar o Goberno agora ampliada coa xestión da crise dos pellets, que observan como unha fenda na credibilidade de Rueda e o seu equipo.

"Existe a oportunidade, é factible", sosteñen na contorna de Besteiro sobre a posibilidade dun cambio de Goberno. Se o electorado urbano que escolle o PSOE nas municipais e xerais non se abstén o 18F, analizan, "dan as contas"

"Existe a oportunidade, é real e é factible", sintetizan dende a contorna do equipo de Besteiro, dende onde sosteñen que tanto o labor do candidato como a de Sánchez e os demais cargos do PSOE que acudan a "reforzar" a campaña será estimular a participación do electorado que escolle a papeleta socialista nos comicios municipais ou xerais para que faga o propio nas galegas e non "quede na casa". Sempre en clave de "axenda galega" mentres o PP, auguran, non logrará evitar que o gabinete de Feijóo utilice os comicios galegos en clave de "plebiscito" contra Sánchez.

Se o logran, manteñen, "dan as contas" para fiar unha maioría de esquerda e, sobre ela, conformar un goberno cara ao que Besteiro non tería "complexos para chegar a acordos". Non en van, lembran, a súa experiencia de goberno na Deputación de Lugo e antes no Concello lucense estivo apoiada, precisamente, en coalicións co BNG. Todo isto, agregan as fontes consultadas, nun contexto no que Besteiro explotará o seu perfil negociador para lograr investimentos do Estado en Galicia e no que, resaltan, movementos como a incorporación ás listas da ata agora alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosan ás claras que o PSdeG valora como real a posibilidade de que a esquerda logre volver gobernar en Galicia década e media despois

As aspiracións de Sumar e DO

Sumar di estar en condicións de disputar os escanos finais das circunscricións atlánticas que poden ser sinónimo de maioría de esquerdas. DO aspira a ter a chave da Xunta nun xogo de maiorías no que cómpre non obviar o voto exterior

Así len o panorama electoral, a pouco máis dun mes da cita coas urnas, as formacións que estarán con total seguridade nun Parlamento no que tamén aspiran a ser determinantes cando menos outras dúas formacións de características ben dispares, Sumar e Democracia Ourensana. O partido impulsado pola vicepresidenta e ministra Yolanda Díaz considera que, con Marta Lois como cabeza de cartel, está en condicións de disputar os escanos finais das circunscricións da Coruña e Pontevedra que, defenden, poden ser sinónimo de maioría de esquerdas e cambio de Goberno. Fano tras a ruptura con Podemos, que tamén concorre, e nun contexto no que eventuais decantacións de sufraxios cara a nacionalistas e socialistas poden afastalos da barreira do 5% que é imprescindible para participar no reparto de escanos.

DO, pola súa banda, volve ás eleccións galegas tras a súa ausencia en 2020 en virtude do pacto que acadaran un ano antes co PP. O partido de Gonzalo Pérez Jácome concorre só na circunscrición ourensá cunha lista encabezada por Armando Ojea, dirixente da máxima confianza dun alcalde ourensán que aspira a ter a chave do vindeiro Goberno da Xunta cun ou dous escanos que condicionen un xogo de maiorías no que non é descartable que entre tamén en xogo o voto exterior, o do Censo de Residentes Ausentes (CERA), que hai catro anos xa moveu un deputado, precisamente, na circunscrición ourensá.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.