Sumar Galicia asegura que se presentará ás eleccións galegas en todas as provincias e descarta unha coalición co PSdeG

Paulo Carlos López, portavoz de Sumar Galicia, este mércores en Santiago na súa primeira rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

O partido quere "incorporar o estilo Yolanda Díaz a Galicia" e asegura que concorrer en Lugo e Ourense, con menos escanos en xogo, "non vai impedir un cambio político", que só ve posible coas tres patas de BNG, PSdeG e Sumar

Tras rexistrarse hai unha semana como partido político, Sumar Galicia presentouse este mércores en Santiago cunha rolda de prensa do seu portavoz, Paulo Carlos López, na que asegurou que o obxectivo da formación é "incorporar o estilo Yolanda Díaz a Galicia". Segundo asegurou, nas eleccións galegas previstas para os próximos meses Sumar Galicia presentarase nas catro provincias, incluídas Lugo e Ourense, onde o reparto de menos escanos fai máis difícil conseguilos. Porén, segundo o portavoz, o reparto dos votos á esquerda nesas dúas circunscricións "non vai impedir un cambio político". 

Paulo Carlos López tamén asegurou este mércores que o seu partido non vai concorrer en coalición preelectoral co PSdeG e só contempla un goberno de coalición a tres posterior con socialistas e nacionalistas. Pola contra, si apelou ao resto de formacións da esquerda, nomeadamente Podemos pero sen citalo, a que se incorporen á candidatura de Sumar.

Paulo Carlos López, portavoz de Sumar Galicia, este mércores en Santiago na súa primeira rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

O portavoz de Sumar Galicia anunciou na súa comparecencia que este sábado a formación iniciará en Ourense un "proceso de escoita" para definir o seu proxecto e programa electoral co que queren "incorporar o estilo Yolanda Díaz a Galicia", onde a agora vicepresidenta segunda do Goberno de España e líder de Sumar a nivel estatal xa foi deputada no Parlamento entre 2012 e 2016 por Alternativa Galega de Esquerda (AGE). 

Segundo López, Sumar Galicia séntese "forte" porque "temos un liderado consolidado a nivel estatal de Yolanda Díaz" e representación no Congreso con dúas deputadas pola Coruña e Pontevedra. E agora, di, aspira a conseguir representación no Parlamento de Galicia nas catro provincias, malia que en Lugo e Ourense o menor número de escanos a repartir fai máis difícil esa posibilidade. 

O portavoz da formación, Paulo Carlos López, negou que houbese contactos formais co PSdeG tanto para concorrer en coalición como para que Sumar Galicia non se presente en Lugo e Ourense

Segundo a súa visión, non hai risco de que de Sumar Galicia quede sen representación nesas dúas provincias e iso supoña perder votos que poderían reforzar outras opcións políticas de esquerdas. "A presentación en Lugo e Ourense non vai impedir un cambio político en Galicia porque Sumar Galicia suma en todas as provincias", dixo Paulo Carlos López, que negou que ningún representante socialista o chamase para pedir que o partido non concorrese nesas dúas circunscricións. "Non houbo ningún contacto formal para non concorrer", engadiu.

Paulo Carlos López, portavoz de Sumar Galicia, con Carme Casado e Rocío Núñez © Sumar Galicia

Ao seu ver, Sumar Galicia permitirá mobilizar votantes non mobilizados ata agora xa que apela a "unhas mulleres que teñen dentro valores feministas, unha mocidade que se quere mobilizar" e "ensancha o espazo progresista e da plurinacionalidade en Galicia" coa incorporación de "novos actores que non estaban incorporados ao proceso político". Porén, para coñecer esas caras, engadiu, haberá que esperar a que remate o proceso de escoita da cidadanía que agora comezará en Ourense, cidade que puxo como proba da súa aposta pola Galicia interior.

O portavoz foi preguntado pola posibilidade de que Sumar Galicia concorra aos comicios en coalición preelectoral co PSdeG, cuestión que descartou, como tamén fixeron fontes dos socialistas galegos. "Imos negociar cos socialistas un goberno de coalición en Galicia, e vai ser a única negociación que vai haber con eles", dixo. "Somos forzas diferentes, complementarias nos gobernos pero diferentes, apelamos a distintos electorados", engadiu. E ante diversas repreguntas insistiu en que Sumar Galicia non vai aceptar non presentarse en Lugo e Ourense e non vai concorrer en coalición con outras formacións. Porque ao seu ver "o cambio político só será posible se está Sumar Galicia", un cambio que só contempla sustentado nas tres patas de BNG, PSdeG e Sumar.

Paulo Carlos López, Yolanda Díaz e Marta Lois, no Carballiño o pasado verán © Sumar Galicia

Segundo o portavoz de Sumar Galicia, o "estilo Yolanda Díaz" que quere "incorporar" a Galicia son políticas como a suba do salario mínimo, a redución da xornada laboral e en xeral "políticas útiles" para "que a xente viva mellor"

Porén, Paulo Carlos López si apelou a que outras formacións de esquerdas, que non citou malia ser preguntado específicamente por Podemos, se integren no proxecto de Sumar. E sobre a esixencia desa formación de que as listas dunha posible candidatura conxunta se elixan con primarias en todas as provincias, a súa resposta foi que "vai haber un referendo democrático" aínda que "non está decidido o modelo". "Temos que ter unhas candidaturas representativas de todo o espazo", engadiu, e apelou á discreción na negociación con outras formacións. Do mesmo xeito, pediu tempo para dar nomes do posible candidato ou candidata á presidencia da Xunta e integrantes do resto das listas. Será, dixo, tras o "proceso de escoita".

Ante a pregunta de por que considera que agora si é posible un cambio de goberno na Xunta, logo de que hai catro anos a esquerda arredor de Podemos non lograse ningún escano, o portavoz de Sumar Galicia atribuíuno a "tres factores": a presenza da súa propia formación como "un espazo novo" que "incorpora novos actores", o "liderado a nivel estatal de Yolanda Díaz", e a "estrutura, vocación de continuidade e capilaridade territorial" que pretenden. E sobre o que denominou "estilo Yolanda Díaz", López concretou que son políticas como a suba do salario mínimo, a redución da xornada laboral e en xeral "políticas útiles" para "que a xente viva mellor".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.