Sumar Galicia rexístrase como partido coa ollada na "xanela histórica" das próximas eleccións autonómicas

Paulo Carlos López, Yolanda Díaz e Marta Lois, no Carballiño © Sumar Galicia

Sumar arrinca, por fin, en Galicia. A deputada da formación pola provincia de Pontevedra no Congreso, Verónica Martínez, rexistrou este mércores Movemento Sumar Galicia como partido político no Ministerio do Interior no que, segundo a formación, supón o nacemento oficial dunha "organización galega autónoma" que estará "federada" coa plataforma que a nivel estatal lidera Yolanda Díaz. 

Movemento Sumar Galicia rexistrouse este mércores como partido político no Ministerio do Interior e defínese como "organización galega autónoma" federada con Sumar

Segundo explica Sumar Galicia, a formación, coa ollada posta nas vindeiras eleccións autonómicas, pretende "descadrar o taboleiro e ser o imprescindible detonante do cambio político en Galicia" a partir dunha forza "centrada nas políticas públicas útiles". Nuns comicios que define como "xanela de oportunidade histórica". 

O partido anuncia, ademais, que dará a coñecer nos vindeiros días unha unha comisión promotora formada por "galegos e galegas de procedencias diversas, pero co obxectivo común de contribuír de maneira decisiva a gañarmos a próxima década como país".

Marta Lois (Sumar), tras votar o 23X CC-BY-SA Sumar Galicia

Sumar Galicia cifra en máis de 3.500 os galegos e galegas inscritas en Sumar a nivel estatal

Actualmente, segundo Sumar Galicia, son máis de 3.500 as persoas galega inscritas no movemento a nivel estatal e a todas elas foilles enviada unha carta este mércores asinada por quen exercerá como portavoz da promotora, Paulo Carlos López, antigo dirixente e un dos fundadores de Compromiso por Galicia, é profesor no Departamento de Ciencia Política e Socioloxía da USC, doutor en Ciencia Política pola Universidade de Valéncia e doutor en Comunicación pola USC.

Na carta, López di comprometerse a “seguir tecendo a esperanza e a ilusión que xa está a transformar, con políticas públicas útiles, a nosa realidade cotiá”. Ademais, desde a promotora, cuxa composición se coñecerá nos próximos días, apelan “á unidade de todas as persoas e organizacións que compoñen este espazo político”. “Nunca renunciamos e nunca renunciaremos á unidade”, asegurou o portavoz nacional. 

"Iniciamos un camiño que require de toda a enerxía, mobilización e organización para estaren en condicións de ser alternativa de goberno ao PP"

Sumar Galicia asegura que o rexistro do partido supón o primeiro "paso fundamental" para concorrer ás vindeiras eleccións autonómicas, que a formación ve como unha "xanela de oportunidade histórica" para o país. "Iniciamos un camiño que require de toda a enerxía, mobilización e organización para estaren en condicións de ser alternativa de goberno ao PP", din. 

"Sumar Galicia nace para gobernar este país e queremos contar con todos os galegos e galegas coa única vontade de que a esperanza se abra paso en Galicia cun cambio de goberno”, engadiu Paulo Carlos López, portavoz dun partido que reivindica o acordo asinado entre Sumar e PSOE a nivel estatal e que a investidura do novo goberno en España "permitirá dar cumprimento". 

Paulo Carlos López, portavoz nacional de Sumar Galicia © Sumar Galicia

"Un acordo programático que permitirá seguir mellorando as condicións materiais de vida das persoas grazas a unha ambiciosa axenda social e territorial. Grazas a ese acordo,  centos de miles de galegos e galegas traballarán menos e cobrarán máis. A redución da xornada laboral, o aumento so SMI e a reforma do despedimento serán só o comezo dunha transformación que tamén pasa por un claro compromiso de avance no autogoberno galego", explica Sumar Galicia. 

Ademais, a formación advirte da súa "vontade de sumar forzas con outros actores" e "ofrecer ás galegas e galegos outro horizonte: un horizonte de seguridade que garanta vidas dignas, tranquilas, con tempo e felices". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.