"Sumar Galicia vén para quedar, queremos introducir demandas cidadás no sistema político institucional"

Marta Lois na súa visita deste martes á Casa Grande de Xanceda © Sumar Galicia

Marta Lois é a referente de Yolanda Díaz en Galicia e a candidata ao Congreso pola Coruña de Sumar Galicia, defende que a formación chegou para quedar e que a partir dos debates nos grupos de traballo elaborouse unha axenda ampla "non curtopracista, non electoral" e de país que tamén os guiará ata as eleccións galegas

Marta Lois é doutora en ciencia política e profesora na Universidade de Santiago de Compostela, ex-concelleira e ex-voceira de Compostela Aberta no Concello de Santiago e presidenta do partido Movimiento Sumar, creado para aglutinar as diferentes persoas de fóra da primeira liña política involucradas no proceso de escoita de Sumar. Lois é a referente de Yolanda Díaz en Galicia para este proxecto e a candidata ao Congreso pola Coruña de Sumar Galicia o 23X. A política defende que a formación chegou para quedar e que a partir dos debates nos grupos de traballo elaborouse unha axenda ampla “non curtopracista, non electoral” e de país que tamén servirá de guía cara ás eleccións galegas.

Por que decide dar o paso á política estatal con Sumar?

É unha decisión evolutiva despois deste último ano, que estiven traballando nos grupos de escoita de Sumar. Creáronse 35 grupos, foi un proceso moi interesante de innovación democrática no que xente da sociedade civil, da academia e do terceiro sector participou de maneira moi xenerosa aportando para construír unha axenda de país para os vindeiros dez anos. Coordinei o grupo de coidados e me involucrei no grupo de feminismos. Eu, que veño da política local, a máis próxima á cidadanía, conectei coas políticas útiles para a cidadanía que propón Yolanda Díaz. Ao final, foi unha decisión natural, que adopto con moita responsabilidade e ilusión.

Yolanda Díaz e Marta Lois © @Yolanda_Diaz_

Vive estas eleccións xerais con certa emerxencia pola posibilidade de que gobernen a dereita e a extrema dereita?

Si, vemos que hai un risco de involución democrática no noso país. Precisouse aglutinar grandes maiorías que aposten por grandes acordos nos que haxa diálogo e nos que haxa un estilo de política diferente. Nese sentido, Sumar Galicia é un espazo político emerxente que vén para irromper e non ceder ante ese risco. A maioría das galegas e galegos recoñecen esta maioría progresista e recoñecen nas políticas de Yolanda Díaz un estilo propio e uns feitos. Sumar Galicia ten vocación social e de Goberno.

"Sumar é un espazo novo que aposta, desde o seu proceso de escoita, por xerar un movemento de cooperativa política"

Os tempos foron acelerados co adianto electoral e Sumar Galicia preséntase ás eleccións sen ter antes recomposto o que sería o seu espazo político no país. Quen está en Sumar Galicia?

Temos que entender Sumar Galicia como unha casa común onde converxen xentes de diferentes ideas políticas, procedentes da esquerda á esquerda do PSOE, e converxen co obxectivo de dotarnos dunha ferramenta útil para enfrontar os retos do futuro. É un espazo novo que aposta, desde o seu proceso de escoita, por xerar un movemento de cooperativa política. En Sumar Galicia intégranse formacións como poden ser Esquerda Unida, Podemos e referentes do espazo municipalista, e a maiores incorpóranse novos continxentes cidadáns, persoas fartas de tanto ruído que participaron nos grupos de escoita. Hai máis de mil persoas inscritas, polo que este músculo da sociedade civil tamén forma parte de Sumar Galicia.

Tampouco queremos fuxir da etiqueta clásica de partido, en todo caso das funcións que se lle atribúen. Sumar Galicia vén para quedar, temos presenza nos concellos e presentarase as vindeiras eleccións galegas, xa consolidamos unha estrutura que nos garante participación política dentro da sociedade e o que queremos é introducir demandas cidadás no sistema político institucional con formas innovadoras de agregación de vontades. Entendemos que precisamos unha estrutura que nos permita integrar a todas esas xentes das diferentes culturas políticas procedentes da esquerda, pero a maiores con ese reto de incorporar un número importante da sociedade civil progresista de Galicia.

Entón, se os números dan despois das eleccións, Sumar Galicia terá grupo propio no Congreso?

É cedo para falar diso. O que podemos afirmar é que é un espazo dotado de autonomía, de definición e de deseño dunha campaña para o noso país para construír os principios do que van ser as principais propostas de país. E, nese sentido, desde xa traballamos para mellorar desde Galicia as condicións materiais das galegas e galegos, e farémolo tamén no Congreso cando chegue o momento.

"Iniciaremos a planificación e o desenvolvemento de infraestruturas de enerxías renovables pero baixo criterios de impacto ambiental cero"

Defenden que Sumar Galicia é o único partido que vai con propostas concretas por diante e, nesa liña, pedían un debate plural na TVG. Cales son esas propostas clave para a vindeira lexislatura no Estado?

O que estamos dicindo, e iremos debullando a partir do arranque da campaña, é que Sumar é a única forza con propostas moi concretas e todas elas polas persoas. Cómpre lembrar que a xestión impecable e o estilo de facer política de Yolanda Díaz trouxo consigo unha reforma laboral que significou un aumento nun 200% dos contratos indefinidos de galegas e galegos e, en termos de emprego feminino, que esteamos en máximos históricos desde 2008: hai máis de 531.700 mulleres ocupadas en Galicia. Ou a suba dun 8,5% da revalorización das pensións, tendo en conta que o noso país ten unha poboación maior con moitas persoas pensionistas.

No programa temos moitas políticas a favor, que miran cara á xente. Apostamos por un plan especial de emprego en Galicia porque se comparamos con outras comunidades autónomas aínda hai moitos deberes por facer, polo tanto, necesítase un plan financeiro a cargo do Estado que nos facilite un plan plurianual para que se xestione desde a Xunta. No ámbito do mar apostamos por un plan integral de xestión e protección do emprego nas rías galegas, por establecer unhas zonas de uso prioritario para a protección da biodiversidade e da actividade pesqueira nos plans de ordenación. Nun dos debates sensibles, no eido das enerxías, iniciaremos a planificación e o desenvolvemento de infraestruturas de enerxías renovables pero baixo criterios de impacto ambiental cero, fuxindo da situación actual, que provoca a privatización dos beneficios e a socialización dos impactos. Tamén presentaremos medidas para o reto demográfico e para a mobilidade, con dotación orzamentaria para proxectos que melloren o tren de media distancia e amplíe os seus servizos. Iremos debullando todas as medidas, coa recuperación da participación pública en sectores estratéxicos e no ámbito da industria.

Encontro coas candidatas de Sumar Galicia na Coruña previo á campaña do 23X © Sumar Galicia

"Non estamos á defensiva, estamos para construír, demandar máis autogoberno e ir máis aló das competencias actuais"

E no tema das transferencias de competencias do Estado a Galicia, paralizado desde que Feijóo chegou á Xunta en 2009?

En Sumar Galicia asuminos plenamente a nosa condición nacional e cremos que defender Galicia é mellorar as condicións materiais de galegas e galegos. E nesa premisa, tamén cremos na plurinacionalidade do Estado e en máis autogoberno, con máis competencias, que en realidade significa máis benestar. Cremos que a maior parte da cidadanía galega se recoñece nestas coordenadas de demandar máis autogoberno. Pero queremos abandonar a idea da defensa de Galicia en termos reactivos, nós queremos tomar a iniciativa. Non estamos á defensiva, estamos para construír, demandar máis autogoberno e ir máis aló das competencias actuais. Sumar Galicia é unha forza política que irrompe para as políticas a favor, con vontade de goberno, para que haxa unha coalición de goberno na que poidamos ter políticas que melloren as condicións materiais da cidadanía galega.

"Para que non veña Feijóo, esa Galicia en branco e negro, a única alternativa aquí é Yolanda Díaz e Sumar Galicia"

Estes días criticábase o BNG desde Sumar Galicia por non ter votado a favor da reforma laboral no Congreso. Neste contexto de políticas a favor que describe, as deputadas e deputados de Sumar Galicia colaborarán co BNG en propostas de país na Cámara Baixa?

Por suposto. Se vemos como é o modus operandi de Yolanda Díaz en xeral –e eu no ámbito local tamén o entendín así–: desde as firmes conviccións hai que poder chegar a acordos e manter diálogo con outras forzas. A xente o que quere é políticas útiles, non quere ruído, enfrontamentos e tomas de posición partidistas. Negociar e chegar a acordos con outras forzas galegas, chegado o caso, sería importante. Aquí a cuestión é que a pregunta non sería tanto para Sumar Galicia como para o BNG. Nós queremos tomar a iniciativa, estar nas políticas que reman a favor e non estar á defensiva. Chámanos a atención que tamén no caso da lei de vivenda, na revalorización das pensións, na redución á factura da luz grazas á excepción ibérica... en todas estas cuestións que son importantes o BNG non deu o seu apoio. Haberá que preguntarlle o BNG.

Despois dos resultados das eleccións do 28M, nas que algunhas das mareas municipais desapareceron das corporacións, cre que agora se vai recuperar ese voto para as xerais?

Estamos percibindo un cambio, si é certo que os resultados das municipais fixeron máis visible unha preocupante onda reaccionaria, pero agora estamos detectando moita ilusión de galegos e galegas que ven a Sumar Galicia como unha alternativa e unha forza política útil; claramente identifican que para que non veña Feijóo, esa Galicia en branco e negro, a única alternativa aquí é Yolanda Díaz e Sumar Galicia. Detectamos que a xente quere votar nesa clave, na da política útil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.