A galega Yolanda Díaz confirmou este domingo en Madrid a súa candidatura ás eleccións xerais nun acto no que tamén lanzou publicamente a plataforma Sumar, co obxectivo de converterse na "primeira presidenta de España".
Fíxoo coa presenza de máis dunha ducia de partidos, como IU, Más Madrid, Compromís, Alianza Verde ou a Chunta Aragonesista, pero coa ausencia de Podemos. Non estiveron os líderes da formación morada pero si varios dos seus dirixentes territoriais, incluído o ex-coordinador en Galicia e deputado no Congreso por Galicia en Común, Antón Gómez-Reino.
Díaz non mencionou a Podemos pero o agradecemento persoal a cada un dos líderes das formacións presentes evidenciou a súa ausencia
"Quero ser a próxima presidenta de España", dixo Díaz nun acto nun ateigado polideportivo de Magariños, con máis de 3.000 persoas dentro e 2.000 que quedaron fóra segundo a organización. "É hora de que sexamos as protagonistas da historia; a España das mulleres é imparable", reivindicou a vicepresidenta do Goberno que reivindicou en varias ocasións o traballo do Executivo de coalición, a "política útil" e "outra forma de facer política".
Non mencionou a Podemos, cuxa ausencia en forma de dirixentes estatais marcou o acto, así como a presenza doutros líderes políticos como Íñigo Errejón (Más País), Ada Colau, Joan Ribó (Compromís), Alberto Garzón (IU), Enrique Santiago (PCE), Mónica García e Rita Maestre (Más Madrid), e Juantxo López de Uralde (Alianza Verde), entre outros. A todos eles agradeceu a presenza e a das súas formacións por, dixo, "acompañar e representar o mellor do noso país diverso".
"Non somos de ninguén, non son de ninguén; estamos cansas de tutelas. Sumar é feminista e non acepta necesitar un de diante de cada nome"
Non mencionou a Podemos pero cos agradecementos deixou constancia da súa ausencia fronte á presenza de varios líderes e dirixentes doutros partidos."Grazas por estar onde hai que estar", díxolle a Alberto Garzón.
Porque como condición para asistir ao lanzamento de Sumar e da súa candidatura, a formación morada esixía que Díaz se comprometese por escrito a realizar primarias abertas, pero ela rexeitou a proposta e emprazou a unha negociación colectiva. Non houbo foto de unidade pero as negociacións, segundo informa infoLibre, non están rotas.
"Queda moita xente por sumar e imos sumalos a todos e a todas elas. Sumar é unha casa aberta", advertiu, sen mencionar a Podemos pero rexeitando as "tutelas" que di soportar "polo feito de ser muller". "Non somos de ninguén, non son de ninguén; estamos cansas de tutelas. Sumar é feminista e non acepta necesitar un de diante de cada nome", dixo parafraseando a Rosalía de Castro, tras volver reivindicar o seu traballo á fronte do Ministerio de Traballo e conquistas como a reforma laboral ou a suba do salario mínimo.
Díaz apelou continuamente a "dialogar" e á "política útil" porque é "a clave para recuperar a esperanza" e agradeceu o labor dos grupos de expertos que desde hai un ano abordan o futuro proxecto de Sumar para a democracia "da próxima década" en diferentes ámbitos.
Así, a vicepresidenta do Goberno de España debullou durante boa parte do seu discurso as claves da nova "carta de dereitos" que propón Sumar, que inclúe un novo acordo verde, garantías sobre vivenda, con máis parque público, dereitos feministas ou unha gran reforma empresarial que abranga enerxéticas, bancos e grandes distribuidoras. Tamén avogou por un novo modelo de financiamento autonómico "que impida a competencia entre comunidades" ou por unha redución laboral que non afecte o salario. "O futuro xa está aquí e chámase Sumar", insistiu.