A vicepresidenta segunda do Goberno central di nun encontro da plataforma Sumar con persoas de diferentes perfís, na sede da Fundación Uxío Novoneyra no Courel, que é preciso “atallar as causas profundas que producen o despoboamento” no rural
Chove para que eu soñe, escribiu o poeta Uxío Novoneyra. E con este verso manifestou Yolanda Díaz este xoves en Parada do Courel que o proxecto Sumar soña e vai “cambiar o país”. A vicepresidenta segunda do Goberno do Estado e ministra de Traballo trouxo este “movemento cidadá” –pois incide en que non é “unha plataforma electoral”– ata unha das zonas máis castigadas polos lumes deste verán para escoitar ao “rural vivo” representado por todos os sectores produtivos implicados.
“Necesitamos un novo contrato social co rural e a terra. Un rural vivo é posible e hoxe demostrámolo. Debemos atallar as causas profundas que producen o despoboamento: o modelo produtivo, a gandería, a agricultura, a cultura e os servizos públicos”, aseverou Yolanda Díaz nun encontro coa veciñanza das aldeas do Courel, ecoloxistas, cooperativistas, representantes de asociacións, axentes forestais, profesores, escritores –como sinalan desde Sumar– e outros múltiples perfís.
Díaz visitou a Casa-Museo Uxío Novoneyra, sede da fundación que leva o nome do poeta, acompañada entre outros da filla do poeta e concelleira por Compostela Aberta, Branca Novoneyra. Tamén participaron na visita a voceira de Compostela Aberta Marta Lois, que forma parte do núcleo do movemento Sumar lanzado pola vicepresidenta segunda do Goberno do Estado, e mais o cineasta Oliver Laxe, que rodou na zona o filme O que arde, traballa pola dignidade do rural desde a súa aldea dos Ancares e colabora con proxectos de prevención de incendios no rural.
Yolanda Díaz incidiu en que o “modelo intensivo” para a gandería e a agricultura “non é correcto”
“Estamos no Courel, o pulmón deste marabilloso lugar que se chama Galicia, e que penso que é un gran descoñecido para o resto do país”. Así comezou Díaz a súa intervención, porén, a paisaxe queimada polo lume do pasado xullo no Courel, con ata cinco focos –dous en Vilamor e un en Seceda (Folgoso) e dous en Saa (na Pobra do Brollón)– que viraron nun só, foi a que a recibiu na presentación de Sumar en Galicia. Alí arderon máis de 11.000 hectáreas de terreo, convertíndose no maior incendio documentado na historia de Galicia.
Yolanda Díaz sostivo este xoves que a “España baleira” tamén está no Courel e apuntou a que existen “tarefas pendentes” dende 60 anos atrás, “nos que o noso modelo produtivo mudou tanto que provocou consecuencias tan tremendas como o despoboamento do rural”. A vicepresidenta salientou que a gandería e a agricultura pasaron de ser “próximas, de calidade, humanas e sostibles” para “transformarse nun modelo intensivo que non é correcto”.
Díaz avanzou que o “novo contrato social” que propón pasa por unha agricultura e unha gandaría que non poden ser extensivas”
“A cidadanía abandona o rural, fundamentalmente, porque as Administracións abandonaron o rural”, sinalou Díaz, para engadir que “as Administracións públicas –sexan da cor que sexan– actúan no rural só para a extinción de incendios”. Durante a súa intervención, incidiu en que é preciso atallar as causas profundas dese despoboamento e puxo como exemplo algo que lle contaran alí. “Aquí as nenas e nenos teñen que ir ao colexio en taxi”, dixo, para lembrar que “as cidadás e cidadáns do rural teñen os mesmos dereitos que as cidadás e cidadáns das cidades”.
Neste sentido, a receita de Díaz pasa por ese “novo contrato social” entre o rural e o urbano que cambie o actual modelo produtivo “cara a unha agricultura e unha gandaría que non poden ser extensivas”. Ademais, pediu abordar a “transición alimentaria”, que ligou ao avance do cambio climático. En todo momento, Yolanda Díaz referiuse á veciñanza do rural como exemplo do “rural vivo” que é posible.
Hai unha década que, desde EU, Yolanda Díaz reclamara unha “fronte común de esquerdas”
No encontro do movemento Sumar –que terá a súa próxima parada o 9 de setembro en Bilbao– interviñeron persoas de diferentes ámbitos como Isabel Vilalba, secretaria do Sindicato Labrego Galego; Orlando Gregorio Álvarez, ecoloxista e membro SOS Courel; Xosé Lois López Otero, director da estación de investigación científica de Seoane do Courel (USC); Verónica Marcos, presidenta da Federación de Mulleres Rurais (FADEMUR); Xosé Santos, axente forestal e membro de Amigos da Terra e mais do Comité en defensa do monte galego; Sandra e Carmen Álvarez Fernández, que dirixen o proxecto de restauración Cova da Moura; Jacobo Feijóo, presidente da Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA) e membro de Unións Agrarias; ou Román Besteiro, xerente da cooperativa A Carqueixa.
Este primeiro acto de Sumar en Galicia prodúcese xusto unha década despois de que Yolanda Díaz, por aquel entón coordinadora xeral de Esquerda Unida (partido ao que xa non pertence), reclamara desde a súa posición unha “fronte común de esquerdas”. Despois chegaría a experiencia de AGE (Alternativa Galega de Esquerdas), máis tarde as mareas e a formación En Marea. De feito, este venres cumpriranse dez anos da asemblea na que Anova (que non se ten manifestado sobre o movemento Sumar) aprobara participar dunha “fronte ampla” para “desaloxar” a Feijóo da Xunta.