EU insiste nunha "fronte común de esquerdas" que represente "a maioría social"

Yolanda Díaz, coordinadora xeral de EU © Esquerda Unida

Esquerda Unida insiste. A executiva nacional de EU volveu facer "un chamamento a todas as expresións sociais e políticas galegas e anticapitalistas para a construción dun novo proceso constituínte".  Ao igual que fixera o pasado martes, a coordinadora xeral da coalición, Yolanda Díaz, considera que "é precisa a unión contra o inimigo común, que non é máis que unha política neoliberal e antisocial" e agora que "estamos ante un momento de recorte e perda de dereitos". 

EU fai un chamamento "a todas as expresións sociais e políticas galegas e anticapitalistas para a construción dun novo proceso constituínte"

A candidata de EU á Xunta xa avanzou nesta semana que a súa formación comezará unha rolda de contactos con todas as expresións da esquerda anticapitalista para intentar de conformar unha alianza electoral, "a Syriza galega", que acuda ás vindeiros comicios autonómicos da man. As primeiras xuntanzas levaranse a cabo na segunda quincena deste mes de agosto e nelas participarían a FPG, Ecogaleguistas, Anova ou Esquerda Anticapitalitas, entre outros.

"É obrigada unha fronte común de esquerdas que rompa co establecido e sexa o estandarte da maioría social"

"É obrigada unha fronte común de esquerdas que rompa co establecido e que se convirta no estandarte da maioría social; é preciso liberar a clase traballadora da opresión do poder económico que está a desmantelar o estado de benestar", insiste Díaz, que cre que "a loita. abrangue unha morea de frontes, para as que a confluencia na unidade política e social é o único xeito de rachar co sistema neoliberal liderado pola tiranía dos mercados para os que banqueiros e defraudadores traballan arreo".

"O Goberno do PP é un títere dos mercados ao que lle temos que parar os pés”, engadiu Yolanda Díaz, que pon como exemplo a unidade sindical acadada nas últimas semanas. "Vimos de acadar a unidade de acción sindical, e agora temos que camiñar cara a unidade de acción política para demostrar que somos a maioría social fronte ás políticas antisociais do goberno do PP", conclúe.

Yolanda Díaz, coordinadora xeral de EU © Esquerda Unida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.