As asembleas de Anova aproban a fronte ampla para "desaloxar" a Feijoo

Xosé Manuel Beiras, este domiingo en rolda de prensa CC-BY Praza Pública

A Coordinadora Nacional de Anova aprobou este domingo levar adiante a proposta de conformar unha fronte ampla, "aberta, sen cancelas ideolóxicas de ningún tipo" para "desaloxar" do poder o Goberno do Partido Popular. A decisión foi adoptada por unanimidade, despois de que as asembleas locais e comarcais da formación debatesen e apoiasen o proxecto de fronte. Xosé Manuel Beiras reiterou que a oferta de fronte se dirixe a Anova, BNG, Esquerda Unida e "aos partidos que compoñen Compromiso por Galicia", dende +G, Ecogaleguistas ou Acción Galega. Beiras engade que a fronte tentará abranguer "o espazo social, político e cívico que representa a maioría social agredida polo poder político no Estado español e en Galicia".

A fronte tentará abranguer "o espazo social, político e cívico que representa a maioría social agredida polo poder político no Estado español e en Galicia"

Beiras apelou á "xenerosidade" e concluíu que "se as posición son ríxidas e se se adoptan actitudes excluíntes, non se poderá chegar a un acordo, pero os cidadáns saberán quen tomou unha actitude e que tomou outra, quen lle dá prioridade a participar nunha alianza cívica contra o inimigo común e quen en cambio se preocupa só da súa curtiña". Beiras dixo confiar "na racionalidade" para que "as forzas que se din de esquerdas poñan os intereses do pobo por diante" e que "as forzas que se din galeguistas poñan o país en primeiro lugar".

Esta proposta de Anova supón, neste senso, unha negativa á oferta de Compromiso de acudir ás eleccións nunha coalición a dous "xenuinamente galega"

Nos últimos días Bloque e Compromiso xa responderon negativamente a esta proposta, mentres que en principio Esquerda Unida si estaría disposta a formar esta fronte (á espera de que o aproben os seus órganos de decisión). Esta proposta de Anova supón, neste senso, unha negativa á oferta de Compromiso de acudir ás eleccións nunha coalición a dous "xenuinamente galega". En relación ao Bloque, Beiras criticou que o BNG rexeitase a proposta sen debatela nos seus órganos de representación: "se o BNG reitera que non quere nin sequera falar, eles verán, pero tamén a cidadanía será consciente de que o BNG rexeitou formar parte dunha fronte común". 

En calquera caso, a Coordinadora de Anova dirixirase oficialmente a estas formacións dende este domingo pola tarde para que respondan oficialmente á oferta. Sexa como for, o venres 7 remata o prazo para poder presentar coalicións ás eleccións do 21 de outubro, cunha marca electoral e un administrador. Aínda que Beiras se referiu por separado ás formacións que compoñen Compromiso por Galicia, a Coordinadora de Anova dirixirase formalmente á dirección de CxG en conxunto.

 

Esquerda Unida

"Estas non son unhas eleccións normais, nas que hai que votar un determinado programa de xestión, senón que vivimos un estado de emerxencia nacional"

Beiras salientou, en termos semellantes a como o fixo Yolanda Díaz nos últimos días, que "estas non son unhas eleccións normais, nas que hai que votar un determinado programa de xestión, senón que vivimos un estado de emerxencia nacional e de necesidade absoluta de exercer a lexítima defensa dos cidadáns para desaloxar a aqueles que utilizan as institucións para o contrario do que foron creadas". Beiras reiterou que a única condición que lle pon a Esquerda Unida é que a formación teña autonomía no ámbito galego para adoptar as súas decisións, e que recoñeza o dereito de autodeterminación dos pobos, "algo que non debería ser un problema pois ese principio está recoñecido nas bases políticas da coalición", dixo.

Esquerda Unida debe aprobar a coalición electoral no seu Consello Nacional (que se celebrará o martes) e nas súas asembleas comarcais (mércores ou xoves), pero os estatutos de EU especifican que canda á fórmula electoral, as asembleas deben aprobar o programa común de mínimos. Iso obriga a acelerar a toma de decisións esta semana ou a que Esquerda Unida recorra a unha "fórmula de urxencia" para deixar a aprobación do programa para as semanas seguintes

 

Unha fronte "para unha maioría social"

A fronte, afirma Beiras, ten o seu centro "na esquerda social", aínda que rexeita entrar en "cuestión nominalistas", e di que defenderá os dereitos e necesidades "dunha gran maioría social que é moi diversa en clases, grupos sociais e estatus". Beiras salientou que "do que se trata é de levar ás institución un programa que responda ás necesidades dos cidadáns: defensa dos servizos públicos, da sanidade, do ensino, dos dereitos laborais, do emprego ou do fomento do tecido produtivo e a pequena empresa". O líder nacionalista pediu que se actúe "con visión de Estado", respondendo a unha situación na que "Galicia está sendo agredida" e está vendo atacados "os seus dereitos nacionais e cívicos", e rexeitou que se empreguen "visión de partido". Beiras sinalou que Anova non é "o centro desta fronte", o que sería "unha soberbia", senón simplemente "os que tomamos a iniciativa de maneira máis aberta".

Xosé Manuel Beiras, este domiingo en rolda de prensa CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.