Marta Lois e Manuel Lago encabezan a lista de Sumar Galicia ao Congreso pola Coruña e Marilar Aleixandre lidera a do Senado

Yolanda Díaz e Marta Lois Sumar © @Yolanda_Diaz_

Sumar Galicia presenta as súas candidaturas ao Congreso e ao Senado para as eleccións do 23 de xullo coa ex-concelleira de Compostela Aberta e presidenta da formación Movimiento Sumar, Marta Lois, como cabeza de lista pola Coruña. Lois participou do "proceso de escoita" que a vicepresidenta segunda do Goberno de España, Yolanda Díaz, levou a cabo nos últimos meses ata confirmar a súa candidatura á Presidencia do Estado baixo a coalición Sumar. 

Verónica Martínez Barbero, ata hai unha semana directora xeral de Traballo, encabeza a lista ao Congreso por Pontevedra. O profesor de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela José Antonio Rodríguez Añón, experto en cambio climático e desenvolvemento sustentable, lidera a candidatura por Lugo e Alfonso Víctor Ferreiro Outomuro, secretario xeral de Podemos en Ourense, é o número un por esta provincia. 

Manuel Lago nunha intervención no Parlamento como deputado de En Marea CC-BY-SA EM

Sumar Galicia rexistra unhas listas nas que indica que participan membros do espazo político "como son Podemos e Esquerda Unida" e que "tamén incorpora nomes do ámbito municipalista". No número dous da lista pola Coruña figura o economista, ex-deputado de En Marea e asesor de Yolanda Díaz no Ministerio de Traballo Manuel Lago Peñas, que tamén viña de participar na lista da coalición Por Coruña nas eleccións municipais. 

Marta Lois encabeza a candidatura de Sumar Galicia ao Congreso pola Coruña, Verónica Martínez Barbero lidera a lista por Pontevedra, José Antonio Rodríguez Añón por Lugo e Alfonso Víctor Ferreiro Outomuro por Ourense

Marta Lois defende que as candidaturas de Sumar Galicia ao Congreso "representan á Galicia progresista, sen matices e sen exclusións" porque "representar á maioría social significa incorporar a representantes do tecido social, profesionais ou xente do mundo da cultura como facemos nestas candidaturas". 

A escritora Marilar Aleixandre incorpórase a Sumar Galicia como cabeza de lista da coalición para o Senado pola Coruña. Aleixandre, catedrática da USC e académina da Real Academia Galega, recibiu o Premio Nacional de Narrativa en 2022 por As malas mulleres (Editorial Galaxia) e xa estivo ligada ao proxecto de En Marea. 

Marilar Aleixandre, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Distrito Xermar

Na lista da Coruña ao Senado tamén destacan os nomes do exsecretario xeral de Comisións Obreiras Galicia José María Sánchez Aguión e de María Pilar Candocia Pita, ex-concelleira de Ames Novo. Outro histórico da loita sindical ligado a CCOO é Roberto Alonso Ucha, número un da candidatura ao Senado por Pontevedra, que foi secretario xeral do Sindicato Comarcal de Pensionistas e Xubilados de CCOO de Vigo. María Ángeles Gayoso Fraga encabeza a lista por Lugo e Carlos Alberto Garrido López fai o propio por Ourense. 

Lois defende que estas candidaturas "representan á Galicia progresista, sen matices e sen exclusións"

A candidata pola Coruña afirma que Sumar Galicia é "un espazo plural con vocación de goberno" que reivindica a "política útil". Lois sinala que "en política, ademais de ter novas ideas hai que ter estilo, facer as cousas de xeito distinto, un estilo que, sendo firme nas conviccións, aporte solucións aos problemas sempre sobre a base do diálogo e dos acordos", como apunta que "ten demostrado Yolanda Díaz".

Para Marta Lois "a defensa dos intereses de Galicia" está asegurada coas candidaturas presentadas por Sumar Galicia, "porque son persoas que coñecen o país representando a toda a súa xente".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.