O Ministerio de Cultura concedeu o Premio Nacional de Narrativa coa súa actual configuración en 44 ocasións, contando este 2022. Vén facéndoo cada ano dende 1977 coa única excepción de 1985. Ata agora só o levaran catro mulleres: Carmen Martín Gaite, por El cuarto de atrás en 1978; Carme Riera, por Dins el darrer blau en 1995; e, máis recentemente, Almudena Grandes en 2018 por Los pacientes del doctor García e Cristina Morales ao ano seguinte por Lectura fácil.
Ata este ano levaran este premio 4 escritoras fronte a 39 escritores
Trátase, daquela, dun galardón inzado de homes ata datas moi recentes a cuxo palmarés chega neste 2022 Marilar Aleixandre coa súa obra As malas mulleres, que xa fora distinguida en 2020 co premio Blanco Amor. Contando a distinción coñecida este 22 de febreiro a proporción entre autoras e autores neste premio queda 5 a 39.
O xurado do premio destaca desta obra, editada en Galaxia, a súa "orixinal estrutura híbrida" que a "converte nunha singular novela histórica sobre a situación carceraria das mulleres do século XIX, cun admirable dominio do diálogo e da linguaxe". Subliña ademais o ditame que o libro recupera "a memoria de forma brillante no diálogo coa tradición literaria" mediante "un coro de voces femininas de diversas clases sociais" que "introduce elementos da poesía popular e da cultura oral".
O xurado destaca a "orixinal estrutura híbrida" desta novela histórica sobre a situación carceraria das mulleres no século XIX
"A autora -engade o xurado- pon o acento nas desigualdades e á vez, ofrece unha mirada esperanzadora", poñendo o foco na "capacidade de resiliencia e emancipación do ser humano". Destaca, asemade, a "importancia da sororidade e do compromiso cos demais".
Algúns destes temas tamén os aborda Marilar Aleixandre noutra recente obra, a biografía novelada de Juana de Vega que asinou xunto a Emma Pedreira. Aleixandre, académica da RAG dende 2017, é tamén estudosa doutras figuras tan relevantes como Emilia Pardo Bazán e, alén da súa dilatada traxectoria literaria, exerceu a súa vertente profesional no eido da Bioloxía como profesora no ensino secundario e mais na Universidade de Santiago como catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais.
En edicións previas este mesmo premio distinguira obras en galego de Suso de Toro, Manuel Rivas e Alfredo Conde. Nos últimos anos abondan as autoras e autores galegos nos galardóns do Ministerio de Cultura
Este premio para Marilar Aleixandre chega un ano despois de que o levase Xesús Fraga por Virtudes (e misterios). En anos previos outras tres obras en galego obtiveran o mesmo galardón: Trece badaladas de Suso de Toro (2003), Que me queres, amor? de Manuel Rivas (1996) e Xa vai o Grifón no vento, de Alfredo Conde (1986). En 1981 tamén fora premiado Gonzalo Torrente Ballester con La isla de los jacintos cortados: carta de amor con interpolaciones mágicas.
Os premios literarios que concede o Ministerio de Cultura veñen anotando tamén outros nomes galegos nos últimos anos. Así, hai escasos días coñecíase que Ismael Ramos leva o de Poesía Nova Miguel Hernández por Lixeiro. En 2020, Xavier Senín obtivo o que distingue a Obra dun Tradutor e nese mesmo ano, Alba Cid logrou o de Poesía Nova Miguel Hernández e Olga Novo, o de Poesía, que tamén distinguira a Pilar Pallarés en 2019, ano no que o de Literatura o acadou Xosé Manuel Núñez Seixas e o de Xornalismo Cultural, Anxo Quintela. En 2018 foran distinguidas María Xesús Lama na modalidade de Ensaio e Ana Romaní na de Xornalismo Cultural e en 2017, Antonio García Teijeiro co de Literatura Infantil e Xuvenil.