O xurado propuxo a concesión do premio "pola súa traxectoria en múltiples campos do xornalismo cultural en lingua galega"
Anxo Quintela (Vigo, 1960) é o gañador da edición 2019 do Premio Nacional de Periodismo Cultural, que concede o Ministerio. É a segunda vez de forma consecutiva que este galardón, dotado con 20.000 euros, recoñecer o labor dun dos responsables do Diario Cultural da Radio Galega, despois de que o pasado ano fose Ana Romaní a premiada.
O xurado propuxo a concesión do premio "pola súa traxectoria en múltiples campos do xornalismo cultural en lingua galega", destacando o seu traballo no Diario Cultural, mais tamén no programa da TVG O Agro. Salientou, neste senso, "a súa continuada implicación no coñecemento e difusión da cultura rural -ás veces desatendida- contribuíndo á súa legitimación como parte da cultura en sentido amplo".
O xornalista distinguise nos últimos meses, ademais, polo seu activo papel na mobilización de Defende a Galega
Quintela ten publicado, así mesmo, dous poemarios: Á sombra dos pavillóns (1983), polo que recibiu o Premio Esquío, e O asasino estrábico (1996). Igualmente, obtivo o Premio Leixaprén, en 2005, pola promoción e defensa da lingua galega. Ademais do seu traballo na CRTVG, entre 2003 e 2008 Quintela foi director de Vieiros, iniciador da prensa electrónica en Galicia. O xornalista distinguise nos últimos meses, ademais, polo seu activo papel na mobilización de Defende a Galega.
En maio do pasado ano a TVG decidiu suprimir o formato habitual do Diario Cultural, de xeito que o programa pasou a emitirse de forma fragmentada ao longo de toda a programación da Radio Galega. O pasado mes de setembro, pouco despois de que se anunciase o Premio Nacional para Ana Romaní, o persoal da CRTVG reivindicou a continuidade do programa no seu formato completo, empregando a etiqueta #EuQueroDiarioCultural nas redes sociais. De igual xeito, houbo unha importante mobilización dende o mundo da cultura galega.