Medra a inquietude en torno á Radio Galega pola fin do 'Diario Cultural' e das desconexións locais

O 'Diario Cultural' deixará de ser un espazo independente na grella da Radio Galega © CRTVG

A nova da supresión do programa Diario Cultural da Radio Galega, que pasará a diluír os seus contidos en varios espazos da grella da emisora pública, provocou unha importante reacción de protesta. Ás voces anónimas e de persoeiros do mundo da literatura, o audiovisual ou o espectáculo uníronse as denuncias de formacións políticas e de numerosos colectivos como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ou a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Todos critican, tamén, a anunciada eliminación das desconexións locais informativas que até o de agora tiñan tamén o seu propio espazo na emisora pública e que, din, suporá o "control político" das novas a tan só un ano dos comicios municipais. 

A supresión de 'Diario Cultural' e das desconexións informativas locais provoca unha enérxica protesta do ámbito cultural e político

A AELG, nun comunicado, demanda a continuidade do Diario Cultural sen o cal, advirten, as escritoras e escritores galegos "perderían a xa minguada visibilidade social que teñen nos medios de titularidade pública". "Eliminan un recoñecido programa, emblemático, e diminúe deste xeito a xa cativa programación sobre a nosa cultura e a nosa literatura", din, ademais de criticar tamén a desaparición das desconexións locais informativas e unha mudanza que "empobrece de xeito determinante o conxunto da Radio Galega e pode comportar o control político pleno de todo o que se emita en detrimento do plural da realidade cultural galega e do irrenunciable dereito xeral da cidadanía a obter dos medios públicos unha información obxectiva, próxima, plural e veraz, que respecte tamén os distintos ámbitos onde acontece a creación cultural".

A AELG advirte de que coa perda de 'Diario Cultural' as escritoras e escritores galegos "perderían a xa minguada visibilidade social que teñen nos medios de titularidade pública"

Ademais, a Asociación Galega de Editoras tamén dixo "reivindicar a permanencia do Diario Cultural na Radio Galega polo seu apoio e difusión do libro galego",  nunha demanda semellante á expresada pola Mesa pola Normalización, que se sumou "ao clamor para que se manteña na programación". Tamén desde a Deputación da Coruña recoñeceuse o "labor fundamental" do programa "á hora de difundir a nosa cultura durante tres décadas", polo que se dirixiu á Radio Galega para "solicitar que o espazo que é un referente de xornalismo cultural continúe na grella, para ben da nosa cultura". Do mesmo feito fixérono importantes figuras do mundo da literatura ou do audiovisual galego. 

Desde a AAAG reivindican o "inxente labor" de Diario Cultural e lembran as "funcións de servizo público da Radio Galega e da TVG". Ademais, solicitan nun comunicado aos responsables da emisora pública "que recapaciten, recúen nesta inxustificable decisión, conserven o Diario Cultural e aposten verdadeiramente pola visibilidade da nosa cultura, obriga do ente público que está lonxe de cumprirse". 

O Colexio de Xornalistas amosa a súa "fonda preocupación" pola desaparición das desconexións locais nos informativos

Ademais, o Colexio de Xornalistas defendeu tamén nun comunicado "a información de proximidade como un piar básico dos medios públicos" e expresou a súa "fonda preocupación" pola anunciada desaparición das desconexións locais informativas. Respecto da supresión do Diario Cultural, lamenta a "desaparición do formato referencial da cultura nos medios públicos". 

En canto ás formacións políticas, xa nas súas primeiras reaccións, En Marea e BNG consideraron "inadmisible o desmantelamento, por parte da dirección da CRTVG, do programa Diario Cultural" e acusaron o PP por "continuar dando pasos cara ao uso absoluto da Compañía ao seu servizo, e de eliminación das voces e contidos críticos". Compostela Aberta, Marea Atlántica e numerosas figuras políticas da oposición uníronse ás críticas, que tiveron a súa repercusión no Parlamento. 

En Marea, PSdeG e BNG solicitaron a comparecencia urxente na Cámara do director xeral da CRTVG para explicar os cambios na programación

Así, En Marea, PSdeG e BNG solicitaron a comparecencia urxente na Cámara do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, para que explique no Parlamento os polémicos cambios na programación da Radio Galega. A deputada do Bloque e portavoz na comisión de control da Compañía, Olalla Rodil, avanza que para a formación nacionalista “é inadmisible a supresión das desconexións locais dos informativos radiofónicos que traerá unha maior centralización e control da información así como a perda das referencias horarias coas que durante anos contou a poboación para coñecer a actualidade de proximidade”, alegou.

Rodil tamén advertiu do feito de que esta supresión dos informativos locais “se executa apenas a un ano das eleccións municipais de 2019”. A deputada entende que estes cambios “supoñen unha vulneración flagrante e inadmisíbel dos principios de pluralismo e proximidade que deben rexer nun servizo público como a Radio Galega garantindo, ademais, o dereito de acceso á información”.

O BNG lembra que a dirección da CRTVG xa suprimiu 'Aberto por reformas', 'Planeta Furancho', 'Onda Vital', 'Alalá', 'Libro Aberto', 'Onda Curta', 'Planeta Cine' ou 'Eirado'

Outro dos cambios cuestionados é a supresión do Diario Cultural . Para o BNG, a dirección do ente público “pretende difuminar o único espazo cultural e un dos programas máis lonxevos da radiofusión galega”, cando un dos obxectivos básicos dos medios públicos é precisamente promover e difundir a lingua e a cultura do país.

A desaparición do actual formato de Diario Cultural, tal e como lembra o BNG, súmase ao "progresivo desmantelamento" da programación cultural que desde 2009 executa o PP e a dirección da CRTVG, coa supresión de programas como Aberto por reformas, Planeta Furancho, Onda Vital, Alalá, Libro Aberto, Onda Curta, Planeta Cine ou Eirado.

 

O comité intercentros denuncia o "desmantelamento do servizo público"

Alén disto, o comité intercentros da CRTVG, que foi informado o martes da nova programación, denunciou tamén que a dirección da Compañía "está a desmantelar o servizo público de comunicación audiovisiual encomendado polo Parlamento de Galicia". "A desaparición de Diario Cultural despois de case 30 anos nas ondas e a anunciada supresión das desconexións territoriais locais, espazo tradicionalmente reservado para a información de proximidade, son en opinión dos sindicatos medidas inasumibles que, lonxe de obedecer a un reforzamento do medio, contribuirán decisivamente ao deterioramento do servizo público que este órgano de representación leva anos denunciando", expresan nun comunicado. 

"Pecha unha das poucas fiestras que quedaban na emisora para cumprir coa misión que a CRTVG ten de promover a difusión e a divulgación da nosa cultura na nosa lingua"

Para o comité intercentros, coa "inxustificada" desaparición do Diario Cultural no seu formato actual, "a Radio Galega silencia un facho de referencia cultural e pecha unha das poucas fiestras que quedaban na emisora de todos e todas para cumprir coa misión que a CRTVG ten de promover a difusión e a divulgación da nosa cultura na nosa lingua".

Con respecto ás desconexións territoriais, e tras denunciar que o proceso de desmantelamento iniciouse xa en 2010 co peche das delegacións de Ferrol, Burela e Pontevedra, o comité intercentros considéraa unha medida "estritamente política que obedece ao interese do PP de controlar a información local de cara ás eleccións municipais do ano vindeiro". Neste sentido, o comité denuncia que coa supresión desas desconexións aumentará aínda máis a manipulación informativa, cuxos contidos pasarán a ser controlados e seleccionados desde a central de San Marcos".

O comité intercentros considera a supresión das desconexións locais unha medida "estritamente política"

O comité intercentros celebrará asemblea de traballadores o vindeiro luns 14 de maio para acordar co persoal da CRTVG as mobilizacións que se desenvolverán para "esixir a reversión destas medidas, contrarias á razón de ser da CRTVG e que están a causar grande indignación entre un plantel canso xa de poñer a cara e o corpo para seguir a cumprir coas súas obrigas laborais nun contexto de descrédito social cada día maior".

Cartel difundido polas redes sociais contra o peche do 'Diario Cultural' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.