A Radio Galega deixará de emitir o emblemático Diario Cultural no seu actual formato. O espazo conducido por Ana Romaní desaparece no seu formato actual e os seus contidos diluiranse noutros programas, pero sen contar coa franxa horaria propia nin a independencia coa que goza agora. Será a partir do 10 de setembro cando se confirmen estes cambios, na data na que dará comezo a programación tras o verán da nova tempada, que foi presentada este martes ao comité intercentros da CRTVG.
'Diario Cultural' desaparece no seu formato actual e os seus contidos diluiranse noutros programas da Radio Galega
Fontes deste comité confirman a Praza.gal as intencións da radio pública galega. Foi a responsable de programas quen anunciou a desaparación de Diario Cultural e a integración da súa oferta noutros programas. Desde a CRTVG deféndese que este cambio supón unha aposta pola cultura ao incrementarse as horas de emisión diaria sobre este ámbito, que pasarían de 50 minutos a 100, aínda que segregados en varias franxas e en diferentes espazos, ademais de engadir unha oferta cultural na fin de semana, cunha franxa de media hora e outra de tres cuartos que non existía.
Concha de la Fuente, produtora do programa, denunciou nas redes sociais a desaparición de Diario Cultural e confirmou tamén a Praza.gal as intencións da CRTVG, a disgregación dos contidos do programa e a permanencia da marca, aínda que sen estar ligada a un espazo independente e sen un horario fixo como o que ten arestora: de luns a venres das 15:07 ás 16 horas.
A marca 'Diario Cultural' permanece, pero sen estar ligada a un espazo independente e sen horario fixo
Diario Cultural é un espazo cultural de información, análise e creación histórico na radio pública galega e leva emitíndose desde 1990, polo que conta con máis de 28 anos en antena. Está dirixido pola poeta, xornalista e académica Ana Romaní que, segundo puido saber este medio, deixará de ser coordinadora do espazo para converterse nunha traballadora máis da emisora.
Fontes da CRTVG aseguran que a dirección "conseguiu por fin o que quería" e acúsana de querer desde hai anos acabar co formato actual de Diario Cultural, todo un emblema na información sobre a cultura en Galicia onde, ademais das emisións diarias e de programas especiais e monográficos, promoveuse o libro Narradio 56 historias no ar, así como, anualmente, o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.
O emblemático programa cultural da Radio Galega leva 28 anos en antena
Segundo trasladaron os responsables da programación na xuntanza deste martes, e a pesar da desaparición do seu espazo máis importante, o departamento de información cultural vai dispoñer de máis xornalistas asignados a el e vaise crear na internet unha plataforma específica do Diario Cultural que estaría xestionada por algún profesional da CRTVG.
A radio pública tamén pretende suprimir as desconexións locais dos servizos informativos
Entre os múltiples cambios que se anunciaron na programación destaca outro que está a ser moi criticado por varios dos representantes dos traballadores no comité intercentros: a supresión das desconexións locais dos servizos informativos. Segunda a CRTVG, esta información local diluirase tamén en bloques integrados dentro doutros espazos como os magazines.
Os argumentos da compañía para a desaparición destas desconexións locais son os dunha maior operatividade e o uso do persoal dispoñible para a elaboración de máis reportaxes. Xa que logo, as referencias horarias que os oíntes tiñan para a informción local desaparecen e as novas máis relevantes de cada área ou localidade incorporaranse ao conxunto dos informativos.