“A súa existencia foi, e segue sendo, un intenso punto de luz, e a súa obra non transloce unha Rosalía chorosa, senón indignada”. A profesora da Universitat de Barcelona María Xesús Lama introduce con reflexións coma estas a súa biografía Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863) (Galaxia), na que salienta, precisamente, a autonomía da autora de Follas Novas. Contra os tópicos que aínda poidan quedar.
A infancia e mocidade de Rosalía de Castro centran este primeiro volume da obra, que se apoia, en parte, nas achegas biográficas asinadas por Fermín Bouza Brey, José Caamaño Bournacell, Juan Naya, Ricardo Carvalho Calero e Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, e en menor medida nos estudos de Francisco Rodríguez, Catherine Davies, Kathleen March, Xesús Alonso Montero, Marina Mayoral e Pilar García Negro.
Mais, -indica a propia Lama no limiar do libro-, considerando que “aqueles que elaboramos biografías somos sempre inevitables vítimas da parcialidade”, se aínda por enriba “temos que traballar con lagoas e datos parciais”, -resta documentación sobre Rosalía por traballar-, “comprenderase que o resultado só pode ser provisional”.
“Aqueles que elaboramos biografías somos sempre inevitables vítimas da parcialidade”
A biografía comeza combatendo o clixé de Rosalía de Castro como unha “escritora do sufrimento e voz da frustración e o permanente lamento”. A súa filla Gala lembrábaa nunha entrevista coa xornalista Victoria Armesto como unha muller moi alegre. Á imaxe da Rosalía chorona xa levan enfrontándose moitos anos outros autores e autoras, mais Lama sinala as dificultades, ao respecto, para desfacer “o potente mito" construído por Manuel Murguía arredor da poeta-mártir e “nai da patria” a partir do tópico da época sobre a muller poeta, que debía ser “delicada, mórbida, estática, contemplativa, melancólica e con extraordinaria frecuencia enferma”.
Rosalía non foi, así, unha persoa triste e solitaria que tivese ao seu home como único arrimo. Pois pertencía, -explica Lama-, “a unha familia de fidalgos acomodados que se relacionaba cun amplo abano de parentes e amigos, tiña moitos primos da súa idade e moita máis rede familiar, ben relacionada, por certo, ca o propio Murguía, aínda que este efectivamente foi quen de crear unha inmensa rede de amigos coa forza da súa actividade intelectual e ideolóxica”.
Rosalía non foi, así, unha persoa triste e solitaria que tivese ao seu home como único arrimo.
Tampouco permiten os datos concluír que a súa nai, Teresa de Castro, -tal como se especulou nalgún momento-, tivese intención de abandonala, nin deducir que sería a familia do pai a que se encargaría dela. Rosalía naceu o 24 de febreiro de 1837. Segundo a partida de nacemento, a pequena, filla de solteira, non ingresou no orfanato do Hospital Real -hoxe Hostal dos Reis Católicos-, senón que a criada da familia, María Francisca Martínez, levouna de novo para a casa despois do seu bautizo, celebrado no único sitio onde se podería obter unha partida de bautismo coa seguridade de que se respectase o segredo sobre a orixe familiar da criatura.“A lóxica permite imaxinar” -escribe Lama- “que, posiblemente, ao poñerse de parto a señora, se lle mandaría aviso de seguida á ama de que estivese preto para alimentar a criatura", e "iso se non foi a nai quen a alimentou ata que puideran levala para onda a ama”.
As investigacións de Álvarez Ruiz de Ojeda, -engade Lama-, coas súas achegas de novos datos e documentos nas últimas décadas, permiten ademais deducir que “pouco puido educarse Rosalía cos parentes do pai”, -o capelán José Martínez Viojo- “na aldea” -a nena foi coidada en Ortoño por unha ama de cría-, xa que no padrón realizado en Padrón en outubro de 1842, tendo Rosalía cinco anos, xa se atopan os nomes da nai e a filla, e no censo da vila aparecen as dúas, Teresa como xefa de familia e Rosalía como filla, xunto coa criada María Francisca Martínez.
Aínda que, -segue Lama-, é probable a intervención do pai para buscar a ama de cría no contexto dunha “colaboración discreta” de ambas familias e un “trato cordial” durante moito tempo. O cal non impide que, segundo parece “plausible” polos datos dispoñibles , o pai “máis ben evitaría calquera implicación directa na crianza da nena”. Alén de que no seu testamento non só non a exclúe, senón que fai constar que non ten ningún herdeiro “forzoso”.
O pai “máis ben evitaría calquera implicación directa na crianza da nena”
Outra cuestión debatida é a suposta falta de instrución de Rosalía, que alimenta a imaxe dunha escritora intuitiva, sen formación académica. A escolarización das nenas -lembra Lama- non foi obrigatoria ata 1857, pero en Padrón existía desde 1838 unha escola para nenas na que daba aulas a mestra inglesa Lucía Gifford e, -indica-, “non hai motivo para pensar que Rosalía non asistise a esa escola a partir da idade correspondente, coma todas as nenas da vila que non tivesen que traballar”. Xa en Santiago, onde se trasladou coa súa nai, a súa formación completouse, tamén, coa súa participación na actividade do Liceo de la Juventud, ademais de por canles privadas.
Mais un dos aspectos nos que máis afonda o libro é o referente á complexidade que para unha creadora coma Rosalía puido supoñer manter o seu propio proxecto como poeta sendo unha muller casada, e casando ademais con Manuel Murguía. Xa que, fronte á imaxe de Murguía como unha sorte de valedor e promotor da obra da súa dona, o seu papel ao respecto pode presentar máis arestas. Neste sentido, a biografía de Lama conflúe con algunhas hipóteses recollidas no ensaio Canon y subversión, coordinado por Helena González e María do Cebreiro, no que Dolores Vilavedra sinala o "corsé” que puido supoñer reducir a Rosalía a "bandeira da loita rexionalista”, caendo en "manipulacións" para encaixala na "ortodoxia ideolóxica" pois, segundo explicou a mesma crítica posteriormente nunha entrevista, “convertérona nun símbolo nacional e nun mito, e ela o que quere ser é escritora”.
Fronte á imaxe de Murguía como unha sorte de valedor e promotor da obra da súa dona, o seu papel ao respecto pode presentar máis arestas.
Na súa polémica peza teatral Agasallo de sombras, Roberto Vidal Bolaño pon na boca de Aurelio Aguirre, amigo dunha Rosalía aínda moza, as seguintes palabras: “¿Aínda non descubriches que como muller quere limitar a túa existencia ás estreituras da vida doméstica e como poeta a aquilo que mellor satisfaga as súas comenencias persoais, particularmente as políticas?”.
Aínda que o contido deste texto de ficción escrito por Vidal Bolaño non resistiría, en diversos detalles, a análise histórica a partir dos datos coñecidos hoxe, si apunta a cuestións que Lama tamén trata, dun xeito que se afasta ademais doutras interpretacións, como a do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández que, preguntado en Praza Pública polo tema da relación entre Rosalía e Murguía co gallo da súa biografía sobre o segundo, comentaba simplemente que a parella “amábase, escribíanse todos os días cando estaban separados, e todo o que se dixo dos amoríos del paréceme que son lendas. Aínda que non nego a súa posibilidade, ninguén puido demostralo”.
Outro dos estudosos de Rosalía, Francisco Rodríguez, subliñaba, menos condescendente, tras a publicación de Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria que “Rosalía e Murguía mantiñan unha grande independencia como casais. El soubo recoñecer e valorar a capacidade intelectual e artística da súa muller. Nos cinco derradeiros anos da vida de Rosalía non tiveron unha convivencia marital. O lar de Murguía non era a casa da Matanza; tiña casa en Santiago e posibelmente outra relación. A compenetración intelectual nunca faltou; a emocional e a física, ao final, si…”.
Mais, alén dos posibles problemas do matrimonio, o que salienta Lama é, precisamente, a independencia de Rosalía. A explicación máis “plausible” da razón pola que a poeta decide marchar para Madrid, -explica-, é o seu desexo de facer carreira artística, o cal contradiría a idea difundida por Murguía dunha Rosalía feliz nas súas “medianías” fogareñas e allea a calquera pretensión de profesionalizar a súa actividade creativa.
Lama asegura que “non hai evidencias para afirmar que toda a proxección pública de Rosalía foi posible grazas ao seu encontro con Murguía".
Lama asegura que “non hai evidencias para afirmar que toda a proxección pública de Rosalía foi posible grazas ao seu encontro con Murguía, aos contactos del para acceder á publicación e á estratexia publicitaria que el era capaz de organizar”, mesmo sendo “innegable” que desde que el entrou na súa vida “converteuse no mediador necesario entre a autora e a súa imaxe pública”, o cal non impide que, de non ser así, os resultados puidesen chegar a ser “iguais ou mellores, de poder a escritora continuar a desenvolver os seus contactos con plena liberdade”.
Un amor estraño, titúlase o capítulo no que Lama, en boa medida a partir da análise da prosa rosaliana, tenta reconstruír as claves da relación entre Murguía e Rosalía. A partir de Lieders, Rosalía proclama, -como fará tamén en Carta a Eduarda-, “a súa condición de escritora”. É dicir, declara a súa liberdade como creadora ao tempo que denuncia a situación das mulleres con afirmacións contundentes como “el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud”.
En La hija del mar, Fausto encarna, na opinión de Lama, un “potencial dominador de máscara sentimental” que, nun diálogo con outro personaxe, Esperanza, amosa os resortes do que hoxe se lería como a fase embrionaria do maltrato: a manipulación, o intento de control, de culpala e illala… Ademais, a través do personaxe de Teresa, Rosalía advirte nesta mesma novela do engano que o discurso do amor romántico supón para as mulleres. En Flavio, a súa segunda novela, o personaxe masculino, sensible e desexoso de afecto, proxecta a súa frustración polo rexeitamento social nunha actitude controladora, manipuladora e ás veces violenta coas mulleres.
Así, segundo Lama, “a tentación de facer unha lectura biográfica de todas estas vehementes protestas en defensa da posición da muller fronte ás trampas do amor romántico é inevitable, e sorprende a insistencia con que a crítica ten insistido na importancia do elemento biográfico na primeira novela fronte a esta, supostamente máis obxectiva. A capacidade que lle outorga ao seu personaxe para opoñer resistencia ao esperado matrimonio tamén dá moito que pensar”. Pois, -engade despois-, “as súas heroínas” acaban “por caer prisioneiras das cadeas que lles impoñen os seus propios corazóns. Viña de aprender esa lección en carne propia”, xa que, -salienta máis adiante-, “a muller que escribe” verase “atrapada nun matrimonio que lle esixirá unha negociación permanente para exercer a súa liberdade”.
“A muller que escribe” verase “atrapada nun matrimonio que lle esixirá unha negociación permanente para exercer a súa liberdade”.
Volver para Santiago desde Madrid no puido ser precisamente, segundo Lama, a “culminación” dos ideais profesionais de Rosalía. Mais casara e esperaba un fillo. Nese contexto, -sostén-, “contra a imaxe tópica da Rosalía apegada á terriña, que non podía respirar sequera nos aires de Castela, os datos máis ben indican que case sempre o que a obrigou a permanecer no país, e máis nun Santiago que aborrecía, foron circunstancias externas, como os plans do seu home, a enfermidade ou as dificultades económicas en que a entrampou a vida familiar”.
Un home que, ademais, xunto ás súas moitísimas calidades, amosaba un carácter "irascible", "inflexible nos seus criterios", "necesitado de recoñecemento da súa valía e da súa razón", cunha complexa personalidade que non axudaba á paz e ao benestar dos seus nin de si mesmo. A imaxe de ter un cáracter "irado", non exento de "reaccións violentas", non parece allea ao retrato que facían del os seus contemporáneos, sinala Lama, citando tamén testemuños recollidos por Barreiro na súa biografía sobre Murguía. E, -escribe-, “xa que ese foi o home ao que Rosalía decidiu unir a súa vida, ten unha certa importancia considerar a súa influencia na vida da escritora”.
"Un home que, ademais, xunto ás súas moitísimas calidades, amosaba un carácter "irascible".
Rosalía “limitouse", afirma Lama, a establecer o diálogo intelectual que lle cumpría como escritora "co seu home e a súa correspondencia coa que se interesaban pola súa obra”, sen que poidamos saber, ademais, se ese “escaso cultivo das relacións sociais” foi produto da súa actitude ou consecuencia de que “o seu home asumise con tanta dilixencia a xestión dos seus asuntos”, mentres propagaba a imaxe dunha Rosalía “retraída, modesta e progresivamente desinteresada polos asuntos mundanos”. Malia que Rosalía mostrouse sempre "solidaria" e "comprensiva" con Murguía, mesmo cando os seus plans non a beneficiaban a ela. Así, “se houbo algunha discrepancia entre eles, non transcendeu nunca ao terreo público. A profunda comuñón dos seus ideais sociais forxou un pacto de apoio mutuo que parece estar por riba de calquera continxencia, o que tamén vén demostrar o forte compromiso político da autora”.