En apenas un mes Olga Novo, Berta Dávila, Oriana Méndez e Alba Cid recibiron algúns dos premios literarios máis importantes do ano
O pasado xoves 15 de outubro Olga Novo era galardoada co Premio Nacional de Poesía que concede o Ministerio de Cultura por Feliz idade. Apenas tres semanas antes Olga Novo era recoñecida co Premio estatal da Crítica 2019 en poesía en galego pola mesma obra; e, igualmente, Berta Dávila recibía o Premio da Crítica en Narrativa por Carrusel. Nesas mesmas datas, o 30 de setembro, Berta Dávila fíxose con XIV Premio Repsol de Narrativa Breve coa obra Illa decepción, que publicará Galaxia. E tamén en setembro Oriana Méndez recibiu o Premio de Poesía Afundación pola súa obra Interna. Finalmente, aínda esta semana coñecíamos que Alba Cid obtivera o Premio Nacional de Poesía Joven ‘Miguel Hernández’ na súa edición 2020.
En apenas un mes Olga Novo, Berta Dávila, Oriana Méndez e Alba Cid recibiron algúns dos premios literarios máis importantes do ano. A elas poderiamos engadir a María Rei Vilas, que no verán gañou o Premio García Barros por Flores de ferro. Un ano, polo tanto, de triunfos para as autoras galegas, que coinciden coa celebración, este pasado luns, do Día das Escritoras.
Berta Dávila lembra que só o 25% das obras de narrativa e o 20% dos poemarios que se publican en Galicia están escritos por mulleres, "pero somos a metade da poboación do mundo e somos, ademais, as que máis lemos"
Nesa xornada Berta Dávila publicaba un artigo de opinión en Praza.gal que, baixo o título de Contar, que lembraba que das 191 obras de narrativa para adultos publicadas en Galicia no último ano con datos só 49 estaban asinadas por mulleres (o 25%). E que das 64 obras de poesía editadas, unicamente o 13% tiñan como autora unha muller (o 20%). Para Dávila, "o único xeito de explicar estes números para quen se obstina en ignoralos é asumir que o azar sempre se inclina naturalmente cara o mesmo lugar e negar a nosa existencia como suxeitas escribintes". "Pero as mulleres somos a metade da poboación do mundo e somos, ademais, as que máis lemos", reclamaba a autora, que concluía: "As mulleres levamos historias na cabeza e tamén poemas. Contamos e queremos contar. Somos imparables".
- Entrevista | Olga Novo (2019): “A literatura pertence ao dominio da cáscara estética da linguaxe, pero a vida está máis alá e máis dentro. A Poesía é Amor ou non é nada”
- Entrevista | Oriana Méndez (2020): “Escribo sobre a subalternidade porque é o único que me interesa no mundo”
- Entrevista | Berta Dávila: "A doenza pode ser tan hereditaria como a culpa ou a literatura"
Máis premiadas nos últimos anos, sobre todo en poesía
Os recentes premios únense a unha tendencia que vén dominando os últimos anos, cun número moi importante de autoras galegas galardoadas en todos os xéneros, pero especialmente en poesía
Os premios recibidos nas últimas semanas (e á espera de que se anuncien os Premios Xerais ou o Blanco Amor de Novela) únense a unha tendencia que vén dominando os últimos anos, cun número moi importante de autoras galegas galardoadas en todos os xéneros, pero especialmente en poesía. Así, o Premio da Crítica estatal de poesía galega recibido por Olga Novo este ano únese aos entregados nas catro últimas edicións a María do Cebreiro, Eva Veiga, Lupe Gómez e Pilar Pallarés. De feito, 11 dos últimos 13 premios foron para autoras.
Tamén Pilar Pallarés precedeu o pasado ano a Olga Novo no Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura, que encadea dúas poetas galegas por primeira vez. E o último premio Pérez Parallé de Poesía foi igualmente para unha muller (Regina Touceda).
Este dominio feminino non se estende a outros galardóns, coma o Premio Blanco Amor de Novela, que leva dende o ano 2008 (Inma López Silva) sen unha gañadora
Tamén nalgún certame de narrativa as escritoras veñen sumando un gran número de galardóns nos últimos anos. Así, os tres últimos premios García Barros foron para tres mulleres: María Rei Vilas, Berta Dávila e Ana Cabaleiro.
Con todo, este dominio feminino non se estende a outros galardóns, coma o Premio Blanco Amor de Novela, que leva dende o ano 2008 (Inma López Silva) sen unha gañadora.
O Premio Xerais de novela, algo máis equilibrado, presenta catro gañadoras e sete gañadoras nas súas últimas dez edicións. No Premio Merlín de Novela infantil e xuvenil as últimas dez edicións deixaron a cinco escritores e cinco escritoras entre os galardoados e galardoadas. Finalmente, o Premio Narrativa Breve Repsol tivo tres gañadoras na última década.
“Como escritora estou interesada nos grandes temas universais, pero non me representa como están contados polos homes”, subliña Emma Pedreira
Emma Pedreira, gañadora do Premio Xerais de novela en 2018, por Besta do seu sangue, e do premio Jules Verne de Literatura Infantil en 2019 con Os corpos invisibles, destacaba nesta recente entrevista en Praza.gal que “Como escritora estou interesada nos grandes temas universais, pero non me representa como están contados polos homes”.