Unha ducia de libros publicados durante a pandemia para leres esta primavera
Este venres 23 de abril celebrouse o Día do Libro, uns libros que durante o último ano nos acompañaron en meses de confinamento, peches perimetrais e de fatiga pandémica, achegando luz e historias para superar un tempo difícil. Nestes meses foron moitas as novidades das editoriais galegas, obras publicadas na pandemia, como estas.
-
01
Coidadora, de María Marco
Coidadora (Xerais), de María Marco foi a gañadora o Premio Xerais de Novela o pasado ano. “Os coidados son a expresión máis radical de disidencia, un modo de dislocar o capitalismo”, dicíanos a autora nesta entrevista.
-
02
As malas mulleres, de Marilar Aleixandre
As malas mulleres (Galaxia), de Marilar Aleixandre, foi a obra gañadora do Premio Blanco Amor 2020. As súas páxinas constitúen unha dura e apaixonante viaxe polo tramo final do século XIX, con Concepción Arenal, visitadora de prisións, e Juana de Vega entre as súas protagonistas.
-
03
Nus, de Manuel Gago
En Nus (Xerais), Manuel Gago ofrécenos un retrato irónico e irreverente da contraditoria Galicia de comezos da década de 1980 a través das aventuras sexuais dun crápula tan cínico como tenro.
-
04
Illa decepción, de Berta Dávila
Illa decepción (Galaxia), de Berta Dávila, foi a obra gañadora do Premio de Narrativa Breve Repsol 2020. A protagonista da novela expándese en dúas direccións aparentemente opostas: a do vencello cotián co seu fillo durante o confinamento e a do resto da nena que aínda perdura na súa imaxinación.
-
05
A revolución en marcha, de Xesús González Gómez
A revolución en marcha (Laiovento), de Xesús González Gómez, afonda nos decretos e proclamas da comuna de París, cando se conmemora o 150 aniversario da revolución que instaurou o primeiro goberno da clase obreira.
-
06
32 m2, de Esther Carrodeguas
Positivas vén de publicar 32 m2, obra de Esther Carrodeguas, unha peza de teatro do absurdo que conta a vida dunha parella que ten que pasar o confinamento nun pequeno piso de tan só 32 metros cadrados.
-
07
A arañeira, de Joseph Roth
Unha das últimas novidades da editorial Irmás Cartoné e A arañeira, de Joseph Roth, traducida por David A. Álvarez Martínez. A obra analiza o ascenso do fascismo na figura dun personaxe sinistro e sen escrúpulos que cobiza o ascenso nas estruturas de poder e violencia
-
08
Federico García Lorca en Santiago de Compostela, de Henrique Alvarellos
O pasado mes de outubro Alvarellos publicou Federico García Lorca en Santiago de Compostela, unha crónica do paso do poeta pola cidade, ilustrada con máis de setenta documentos e fotografías, ademais de numerosas anécdotas e testemuños, moitos deles descoñecidos.
-
09
Luces sobre a ría, de Roberto A. Rodrigues
A última novidade en papel de Urco Editora é Luces sobre a ría, de Roberto A. Rodrigues, unha novela cunha premisa moi clara: que pasaría de ter lugar unha invasión alieníxena na Ría de Vigo?
-
10
Vicus. Un lugar afastado, de Beto Luaces
A comarca de Vigo é tamén protagonista na serie de novelas de Vicus, de Beto Luaces. Un lugar afastado é a terceira entrega, que está a repetir o éxito das dúas primeiras, parte do auxe da novela negra galega
-
11
O camiño, de Marisa Núñez e Mariona Cabassa
Entre as novidades de OQO editora está O camiño, de Marisa Núñez e Mariona Cabassa, un conto fermosamente ilustrado que nos fala da superación para afrontar dificultades e a confianza nun mesmo
-
12
Extra!, de Paco Nogueiras
Unha das últimas publicacións de Kalandraka é un libro-cd de Paco Nogueiras, Extra!, un éxito inmediato entre as crianzas (e maiores)