Unha estatua do poeta lembrará a súa estancia na cidade nun novo Día de García Lorca en Galicia no que Alvarellos Editora, impulsora da iniciativa, vén de publicar un libro sobre o paso do autor por Santiago e unhas 'Libretas lorquianas' con debuxos que aquí fixo en 1932
O 25 de outubro de 1916 o estudante Federico García Lorca pisaba Galicia por primeira vez. E este domingo 25 de outubro quedará inmortalizado na Alameda de Santiago cunha estatua que lembrará a súa estancia na cidade na que se editaron por primeira vez os seus Seis poemas galegos.
Xunto coa estatua, o Día de Lorca en Galicia que vén impulsando desde 2018 Alvarellos Editora chega desta volta coa distribución por esa mesma editorial das Libretas lorquianas, ilustradas con debuxos que Lorca realizou en Compostela en maio de 1932. Os debuxos orixinais destas libretas lorquianas pertencen á Biblioteca do escritor e amigo de Lorca Carlos Martínez-Barbeito (A Coruña, 1913-1997) e permanecen hoxe no Arquivo da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña.
Os debuxos das libretas fíxoos Lorca como dedicatorias en libros e aparecen tamén publicadas e comentadas no libro Federico García Lorca en Santiago de Compostela, de Henrique Alvarellos, que tamén saíu á luz este outubro, unha crónica do paso do poeta pola cidade ilustrada con máis de setenta documentos e fotografías, ademais de numerosas anécdotas e testemuños, moitos deles descoñecidos.
Alvarellos Editora salienta como o Día de García Lorca en Galicia foi impulsado “como un xeito de recoñecer, de maneira expresa, e tamén espontánea, tanto en fogares como centros docentes ou administracións e organismos públicos, o labor de verdadeiro embaixador cultural de Galicia e da lingua galega que García Lorca realizou en vida, ofrenda que se faría universal e chegará ata hoxe coa publicación do Seis poemas galegos, o libro galego máis difundido, reeditado e traducido no século XX.