O 25 de outubro de 1916 Federico García Lorca tiña 18 anos e, xunto cun grupo de compañeiros da Universidade de Granada, chegou a Galicia en tren como parte dunha "excursión de arte". "A mi llegada a Galicia las fuerzas formidables de Compostela y el paisaje se apoderaron de mí en forma que también me sentí poeta de la alta hierba, de la lluvia alta y pausada. Me sentí poeta gallego", escribiría dúas décadas despois para expresar os sentimentos que ficarían plasmados para sempre nos seus Seis poemas galegos.
Recollendo aquel ronsel, dende o pasado ano Alvarellos Editora impulsa a conmemoración do Día de Lorca en Galicia cada 25 de outubro. Desta volta os actos comezaron por Pontevedra, cunha conferencia na que Henrique Alvarellos e o xornalista Ramón Rozas evocaron aquela viaxe, e continúan por Lugo neste propio día 25. O acto ten un emprazamento histórico de seu, o hotel Méndez Núñez, onde Lorca se hospedou nas dúas ocasións nas que visitou a cidade, naquel 1916 e despois, en 1932.
Foi en Lugo, lembran dende Alvarellos Editora, onde o autor andaluz "deixou manuscrito o primeiro dos seus poemas galegos"
Foi en Lugo, lembran dende Alvarellos editora, onde o autor andaluz "deixou manuscrito o primeiro dos seus poemas galegos". En torno aos percorridos lucenses de Lorca xira a "gran homenaxe" neste Día de Lorca en Galicia (20:00)) no Méndez Núñez, onde unha placa lembrará de agora en diante a presenza do poeta nun edificio en cuxa fachada tamén é lembrado outro fito histórico, a transcendental asemblea das Irmandades da Fala do 18 de novembro de 1918.
A homenaxe a Lorca no seu día en Galicia servirá tamén para volver sobre os seus Seis poemas galegos, recollidos na edición facsimilar de Alvarellos que recibiu o Premio ao Libro Mellor Editado na Gala do Libro do 2018 e que, alén dos textos, inclúe imaxes das viaxes de Lorca a Galicia.
Tras a homenaxe en Lugo, as actividades ligadas ao Día de Lorca en Galicia continúan en Pontevedra cun contacontos ilustrado e un roteiro pola cidade
A presentación servirá tamén para proxectar por primeira vez na cidade da Muralla a peza documental que, durante nove minutos, amosa a xira da compañía La Barraca que volveu traer a Lorca a Galicia no verán de 1932. Esta gravación, custodiada polo Institut Valencià de Cultura, "contén as únicas imaxes en movemento que se conservan do poeta en Galicia", lembran dende a editorial.
As intervencións artísticas de Gus Fouce e Ton Arenas e a descuberta da devandita placa conmemorativa completarán as homenaxes a Lorca en Lugo neste 25 de outubro. Pero a lembranza do autor continuará, outra volta en Pontevedra, durante a fin de semana. Así, o sábado (12h) Polo correo do vento organiza unha sesión de contacontos ilustrado baseado nos Seis poemas galegos no Sexto Edificio do Museo. Unha hora máis tarde, ás 13h, Enrique Mauricio e Carlos Taboada guían dende o propio museo o roteiro Pontevedra, cidade lorquiana.