Seis poemas e seis mans para selar as ligazóns de Federico García Lorca con Galicia. Os Seis poemas galegos do poeta andaluz condensaron a súa relación co noso país e tornaron, ao tempo, nun antónimo da persecución e asasinato da que foron obxecto o propio Lorca e o seu editor galego, Ánxel Casal. Non sobreviviron moitos dos douscentos exemplares orixinais dunha obra que agora recobra nova vida cunha edición facsimilar que chega este 6 de agosto (19:45) á Feira do Libro da Coruña.
A edición facsimilar editada por Alvarellos inclúe ademais unha recompilación das fotografías de Lorca en Galicia
Co aval do Premio ao Libro Mellor Editado na última Gala do Libro Galego, Alvarellos Editora presenta na feira coruñesa unha edición dos poemas galegos de Lorca que non só reproduce aquel libriño saído do prelo de Casal. Tamén inclúe as fotografías do poeta en Galicia e, ao cabo, lembranzas do seu paso por diversas localidades galegas.
A propia presentación pretende ser reflexo da relación de Lorca con Galicia. Así, avanzan dende Alvarellos, no acto proxectaranse as devanditas fotografías, "por primeira vez reunidas e comentadas". E ademais "proxectaranse imaxes en movemento de Lorca en Galicia". Nomeadamente, gravacións que o amosan como parte da compañía teatral La Barraca, nun paseo por Vigo ou durante a montaxe dun escenario para unha representación en Santiago. En total, uns dez minutos custodiados na Filmoteca Valenciana.
A primeira edición dos 'Seis poemas galegos' de García Lorca saíu do prelo de Ánxel Casal apenas oito meses antes de que os franquistas os asasinasen a ambos
A editorial resalta a importancia dos vencellos de Lorca con Galicia. "Foi un gran embaixador da cultura galega" e o galego "foi a única lingua na que decidiu escribir" alén do seu castelán natal. Alvarellos resalta ademais o carácter simbólico da obra, cuxa primeira edición veu a luz co impulso de Casal "oito meses antes do asasinato" de ambos.
"Foron moi poucos os exemplares que sobreviviron ao saqueo dos fascistas en agosto do 36", lamentan, se ben sucesivas reedicións permitiron recuperalos e espallalos. Ata o punto de que "constitúen o libro en galego máis difundido en todo o século XX". O exemplar facsimilar editado por Alvarellos foi elaborado a partir dun orixinal custodiado na Fundación Barrié, na Coruña. A súa edición, abondan, forma parte dunha iniciativa máis ampla da editorial que, con iniciativas como o Día de Lorca en Galicia, pretende divulgar a presenza lorquiana no país.