O Día do Orgullo Galego estará dedicado este ano a Lorca, cunha edición inédita dos 'Seis Poemas'

Federico García Lorca en 1924 na Residencia de Estudiantes de Madrid © Chan da Pólvora

En 1935 a Editorial Nós publicou os Seis Poemas Galegos de Federico García Lorca, que o autor andaluz escribira recollendo as impresións da viaxe que o poeta realizara a Galicia en 1932. Esta edición, cunha introdución de Eduardo Blanco Amor, efectuara algúns cambios respecto do texto orixinalmente escrito por Lorca e corrixido por Ernesto Guerra da Cal. Porén, Blanco Amor gardou durante décadas os manuscritos das seis composicións, actualmente depositados na Biblioteca da Deputación de Ourense. A partir deses manuscritos Luís Cochón e Manolo González veñen de rematar unha nova edición dos Seis Poemas, que recolle a versión orixinal dos textos.

O Día do Orgullo Galego conxuga a reivindicación dos dereitos das persoas LGTBI e a conmemoración da aprobación do Estatuto de Autonomía de 1936

Chan da Pólvora Editora publica esta nova edición Seis poemas galegos, que se presentará o vindeiro 28 de xuño, coincidindo coa celebración do Día do Orgullo Galego, que conxuga a reivindicación dos dereitos das persoas LGTBI e a conmemoración da aprobación do Estatuto de Autonomía de 1936, e que nesta ocasión estará dedicado á figura de Federico García Lorca. Esta conmemoración foi creada hai dous anos pola comunidade de Chan da Pólvora con Ramón Suárez Picallo como personaxe aglutinador. Foi entón ando se publicou Querido Eduardo, volume que recolle as cartas que Suárez Picallo lle escribiu a Eduardo Blanco Amor.

O volume inclúe, ademais, achegas de Xosé Luís Méndez Ferrín, Isabel Bugallal, Antón Lopo, Arturo Casas, Sánchez Reboredo e Arcadio López Casanova, que debullan para os lectores aspectos como a relación do poeta andaluz con Galicia, a súa homosexualidade, a posición no sistema literario galego ou a organicidade poética da propia obra. "Estamos ante un acontecemento editorial histórico que nos descubre algo que ninguén esperaba xa: un Lorca inédito", destaca dende Chan da Pólvora Editora. O volume presentarase o vindeiro 28 de xuño, xoves, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro 74, Compostela), nun acto que se celebrará a partir das 20.30 horas e que, ademais, coincide coas festas do barrio de San Pedro.

"Estamos ante un acontecemento editorial histórico que nos descubre algo que ninguén esperaba xa: un Lorca inédito"

Este ano celébrase o 120 aniversario do nacemento de Lorca, que visitou Galicia por primeira vez en 1916, con apenas 18 anos. En 1932 o poeta regresaría a Galicia, ficando fascinado pola cidade de Compostela. O 27 de nadal de 1935 Nós publicou a edición de Seis poemas galegos que hoxe coñecemos. Para esta nova edición, Luís Cochón, contou co apoio do académico Manuel González.

 

A Editorial Nós publicou 'Seis poemas galegos' en 1935 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.