Compostela celebra o 'Día de Lorca', dedicado ao granadino que se sentía "poeta galego"

Imaxe da rolda de prensa na que se presentou a unidade didáctica © Concello de Santiago

Na noite do 25 de outubro de 1916 Federico García Lorca chegou a Santiago de Compostela por primeira vez. O poeta e o grupo de estudantes co que viaxaba viñan de Redondela en tren e baixaron na estación de Cornes (daquela pertencente ao Concello de Conxo). Foron recibidos polas autoridades da cidade e polo reitor da Universidade, recoñecendo o carácter pioneiro desta actividade: unha excursión de estudo que cruzou toda España, de Granada ata Galicia. Este 25 de outubro celébrase en Santiago o Día de Lorca, unha conmemoración que arrincou hai dous anos, no centenario dunha viaxe que iniciou a profunda relación que uniu a Lorca con Galicia, á que lle dedicou un gran número de escritos, chegando a compoñer os Seis poemas galegos que coñecemos, coa axuda de Guerra da Cal e Blanco Amor.

Na noite do 25 de outubro de 1916 Federico García Lorca chegou a Santiago de Compostela por primeira vez

O Concello editou para a ocasión unha unidade didáctica co obxectivo de que os centros escolares da cidade (profesorado e alumnado) teñan material para afondar na figura de García Lorca. O texto recolle os detalles desa viaxe a Galicia en 1916 e, igualmente, fragmentos dos distintos poemas que Lorca lle dedicou a Galicia en xeral e a Compostela, en particular como "Santiago, balada ingenua" ou "Salutación elegíaca a Rosalía de Castro", poeta galega que serviu de inspiración para Lorca. Na viaxe, o grupo percorreu Redondela (o primeiro lugar no que Lorca escoitou falar en galego, en concreto o cantar popular "Campanas de Bastavales"), A Coruña, Lugo e Ourense. Esa excursión, segundo explica o editor Henrique Alvarellos, autor da unidade didáctica, "fixo que comezara unha historia de amor co noso país, que culminou 20 anos despois coa publicación de Seis poemas galegos, o único libro que escribiu nunha lingua que non era a súa propia".

Esa viaxe "fixo que comezara unha historia de amor co noso país, que culminou 20 anos despois coa publicación de Seis poemas galegos, o único libro que escribiu nunha lingua que non era a súa propia"

A relación entre Lorca e Galicia non só non se perdeu, senón que se intensificou co tempo, dedicándolle xa en 1919 un poema a Rosalía de Castro ("Desde las entrañas de la Andalucía/ mojados con sangre de mi corazón/ te mando a Galicia, dulce Rosalía/ claveles atados con rayos de sol"). E nos anos seguintes, xa durante a súa estancia na Residencia de Estudiantes de Madrid, o poeta fixo amizade con varios galegos, como Ernesto Guerra da Cal ou Jesús Bal y Gay. Os temas, lugares e figuras galegas mantivéronse nos seus textos, tanto nos poéticos coma nos teatrais.

En 1932 Federico García Lorca viaxa por segunda vez a Galicia, convidado polos Comités de Cooperación Intelectual, visitando Vigo, A Coruña e Santiago. Nesa viaxe queda moi impresionado por Compostela, facendo unha grande amizade con Carlos Maside, Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Luís Manteiga ou Ricardo Carvalho Calero. Pronuncia unha conferencia e recibe senllas homenaxes no Hotel Compostela e no Bar Viño de Mazarelos. Ese mesmo ano retornaría a Santiago, desta volta coa súa compañía de teatro La Barraca, actuando na Praza da Quintana o 24 de agosto ante unhas seis mil persoas, segundo as crónicas da época, representando os Entremeses de Cervantes. "Teatro clásico para todos os públicos", destaca a unidade didáctica. A finais dese ano 1932, Lorca comeza a escribir os seus poemas galegos, que foron editados por Edicións Nós en decembro de 1935.

Asasinado no verán de 1936, Lorca xa nunca regresou a Galicia, mais en 1935 dicíalle ao xornalista galego José Ramón Lence, nunha entrevista para o Correo de Galicia: "Llevo a Galicia en el corazón, porque en ella he vivido y soñado mucho. Para mí es mejor soñar que vivir (...) Al llegar a Galicia me sentí poeta gallego (...) me sentí poeta de la alta hierba, de la lluvia alta y pausada".

 

Fillo adoptivo de Compostela

"Llevo a Galicia en el corazón, porque en ella he vivido y soñado mucho (...) Al llegar a Galicia me sentí poeta gallego", dixo en 1935

Aínda que é andaluz de nacemento, a vinculación de Federico García Lorca coa cidade de Compostela fíxoo merecedor do recoñecemento como fillo adoptivo. Así o acordou o Pleno da corporación no pasado mes de xullo, coincidindo coa conmemoración do 120 aniversario do seu nacemento e os 100 anos dende que se publicou o seu primeiro e único libro en prosa Impresiones y paisajes.

 

Cartel do 'Día de Lorca' © Concello de Santiago
Lorca, dous anos antes da súa primeira visita a Galicia Dominio Público Universidade de Granada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.