Marilar Aleixandre e Emma Pedreira presentan en 'Juana de Vega, a muller que desafiou o seu tempo' unha biografía novelada dunha activista de hai dous séculos cuxo legado segue presente
“Hai casos nos que unha muller, polos seus antecedentes, pola súa posición, pola súa sagacidade, ousadía e coñecida propensión ao mal, pode prexudicar tanto como un home, e proba disto é a Excma. Sra. condesa de Mina. Persoas de probidade coñecida neste país téñena por directora da última sublevación, así como doutras anteriores e, aínda que sen datos que puidesen acreditalo, eu veño na mesma opinión”. Así se dirixe, referíndose a Juana de Vega, o capitán xeral de Galicia, Juan de Villalonga ao ministro de guerra, Laureano Sanz, nunha comunicación de 1846 recollida na biografía novelada Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo, (Galaxia), de Marilar Aleixandre e Emma Pedreira.
Porque Juana de Vega era unha muller perigosa tanto para o pratriarcado como para o absolutismo. “Juana de Vega tivo unha vida aventureira”, explica a biografía que vén de publicar Galaxia. “Participou desde nena en conspiracións contra o absolutismo, aos dezaseis anos tivo que fuxir baixo nome suposto de Galicia e dirixirse ao exilio, colaborou na revolución de 1846, coidou dos doentes na epidemia de cólera en 1854 sen temor ao contaxio, denunciou a corrupción en hospitais, hospicios e cárceres, conseguindo a destitución dun gobernador civil, organizou asociacións para ensinarlles a ler ás presas da Galera e algúns empeños máis. Noutras palabras, participou de forma activa na vida pública nuns tempos nos que isto non lles estaba permitido ás mulleres”.
Juana de Vega participou de forma activa na vida pública nuns tempos nos que isto non lles estaba permitido ás mulleres
Das catro mulleres “extraordinarias” -e coñecidas- nadas en Galicia no século XIX: Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega, Concepción Arenal e Rosalía de Castro, Juana de Vega foi a que tivo “máis activismo político”, segundo Marilar Aleixandre e Emma Pedreira. As dúas autoras contan a súa historia a partir dunha completa bibliografía, que inclúe as memorias escritas pola propia Juana de Vega, e da documentación orixinal que consultaron. Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo é unha biografía literaria na que falan non só Juana de Vega, en primeira persoa, senón os distintos espazos que habitou -en especial a cidade da Coruña- ou, por exemplo, a mesma Morte, que tenta levala varias veces antes de tempo.
Juana de Vega nacera na Coruña o 7 de marzo de 1805 no seo dunha familia burguesa de orixe humilde e de ideoloxía liberal. Os seus pais, Juan Antonio de la Vega e Josefa Martínez Losada, ocupáronse de que a súa filla recibise unha educación que fose moito máis alá do habitual para as mulleres naquel tempo. Na casa escoitaba ademais desde nena falar con admiración de Juan Díaz Porlier e Francisco Espoz y Mina polo seu papel na guerra contra a ocupación francesa e pola súa loita pola liberdade.
Coma eles, seu pai era un defensor da Constitución de 1812, A Pepa, na que se atribuía a soberanía ao Parlamento e non ao Rei, ademais de estar en contra do décimo pagado a párrocos, abades e bispos, entre outros tributos que esmagaban a economía dos labregos. Mais, cando o rei Fernando VII regresou a España, as esperanzas de mudanza traídas pola nova Constitución quedaron en suspenso, ao quedar esta abolida, comezando, ademais, a persecución dos liberais.
O pai de Juana de Vega foi arrestado por “demócrata” e partidario das liberdades, tendo que marchar vivir ao campo mentres, na cidade, os liberais eran perseguidos polas rúas por turbas dirixidas por clérigos e aristócratas temerosos de perder os seus privilexios. Mais os aires de mudanza volveron pronto ao adherirse A Coruña, no 1820, á insurrección de Rafael del Riego contra o absolutismo e pola volta da Pepa. Os liberais da Coruña crearon a Xunta de Goberno de Galicia e o levantamento acadou tal impacto que o Rei tivo que xurar o cumprimento da Constitución liberal. O pai de Juana volveu do seu exilio portugués e uniuse á Xunta. Tamén volveu do exilio o que sería despois o marido de Juana, Francisco Espoz y Mina, a quen seus pais lle permitiron escoller como esposo nun tempo en que as familias impoñían habitualmente matrimonios ás mulleres. Mais pronto volveron os problemas debido á situación política, pois o Rei non parecía disposto a cumprir a súa palabra.
Francisco Espoz y Mina foi un dos asinantes dun documento dirixido ao Rei no que, en nome da cidade da Coruña, se lle dicía que “o voso ministerio loita abertamente contra o pobo”, motivo polo cal foi relegado do seu cargo como capitán militar e enviado ao desterro. Juana e el casaron por poderes, ao non permitírenlle a el viaxar á Coruña, e despois viviron xuntos uns meses en León ata que o goberno enviou a Espoz y Mina a Cataluña, tendo que regresar Juana á Coruña.
Pouco despois, no verán de 1823, os Cen Mil Fillos de San Luís chegaron a España, enviados por Luís XVIII de Francia, para axudar a Fernando VII a restaurar o absolutismo. Juana e seu pai tiveron que exiliarse a Portugal mentres Rafael del Riego era executado, igual que outros liberais. Juana volveu despois brevemente á Coruña antes de partir de novo co seu home a Inglaterra, en 1824, onde permanecerá durante dez anos. “Vivía esgazada entre a mágoa do exilio e o orgullo polas homenaxes: Mina foi recibido en Inglaterra como un heroe”, escribe Juana na biografía editada por Galaxia. Desde alí, os esforzos de Juana e do seu home e do seu pai céntranse, a través dunha Xunta patriótica, na loita pola volta a España da Constitución liberal.
Os esforzos de Juana e do seu home e do seu pai céntranse, a través dunha Xunta patriótica, na loita pola volta a España da Constitución liberal
“O que Juana María non di, ou di só entre liñas nas súas memorias, é que ela foi protagonista dese consello, desas conspiracións, dirixiu o coro. Foi non só a secretaria de Mina, o enlace que transmitía informacións a Mendizábal, senón tan revolucionaria coma eles. Que vos contaría eu do asombro e a admiración dos políticos ante aquela moza afouta que aínda non fixera vinte anos e posuía tan clara intelixencia e tales dotes e organización”, di a cidade da Coruña, unha das protagonistas da biografía novelada escrita por Marilar Aleixandre e Emma Pedreira.
Á morte de Fernando VII en 1833, tendo a raíña Isabel tres anos, a rexente María Cristina decretou a amnistía. En 1834 Juana volveu a España co seu marido, a quen o goberno lle encomendou o mando do exército de Navarra na guerra contra os carlistas. Juana acompaña o seu home, cabalgando xunto a el vestida de home, sendo alcumada A Xenerala. Mais o delicado estado de saúde de Mina obrigouno a pedir o relevo, sendo despois destinado a Cataluña pouco antes de morrer, no 1936. Juana volve entón á Coruña como condesa de Espoz y Mina. No 1939 falece o seu pai e dous anos despois ela é nomeada aia da raíña Isabel e da súa irmá Luisa Fernanda. Co pronunciamento do xeneral Narváez en 1843 e a mudanza de goberno renunciou ao seu cargo en palacio.
En 1846, tras o fusilamento dos Mártires de Carral, que supuxera a revolta dos liberais progresistas xunto aos provincialistas, o capitán xeneral de Galicia, Juan de Villalonga, recomenda reiteradamente o desterro de Juana, que finalmente fica na Coruña e é unha das fundadoras da Asociación de Señoras de Beneficencia, á cal o alcalde, Juan Flórez, encarga a dirección do Hospital Provincial, o asilo e o hospicio no contexto da epidemia de cólera. Arriscando a súa vida, Juana organizaba os servizos, recadaba donativos, poñía parte do seu patrimonio e coidaba dos enfermos.
En 1872 falece Juana deixando un enorme legado, co seu compromiso político, para as mulleres -e os homes- da posteridade
En 1858 comeza, con outras mulleres, unha loita pola mellora da calidade do pan que se servía no Hospicio da Coruña, que acaba tendo como consecuencia a destitución do gobernador. Tamén foi organizadora dos Xogos Florais organizados en 1861 e implicouse, xunto con Concepción Arenal, na loita pola mellora das condicións de vida das presas da Galera. Fundan, así, a Sociedade da Madalena, que trata primeiro de organizar unha escola para as reclusas e despois de organizar o seu traballo. Pero ao pouco tanto Concepción Arenal como Juana de Vega son apartadas das visitas á prisión, rematando así os seus plans de reforma. En 1872 falece Juana deixando un enorme legado, co seu compromiso político, para as mulleres -e os homes- da posteridade.