O Clube de Opinión Portocelo de Marín organiza este xoves un coloquio dedicado a Concepción Arenal, no 195 aniversario do seu nacemento. Muller avanzada ao seu tempo, feminista, defensora dos dereitos dos traballadores e traballadoras, do igualitarismo e cunha dedicación moi importante ás condicións de reclusos e reclusas e das súas garantías legais, deixou unha importante produción teórica e xornalística. No coloquio participarán Encarna Otero, membro da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, e a avogada e investigadora Celia Pereira Porto. Ademais, Mayca Braña realizará unha lectura dramatizada do poema "Espejos" e proxectarase o documental "A visitadora de cárceres".
Concepción Arenal é unha muller referente en toda Europa, pero da que -como adoita ser habitual na maior parte das grandes figuras femininas do seu tempo- hai un gran descoñecemento ou da que, cando menos, coñécense só algúns aspectos, unha visión parcial e incompleta. “Xa está ben de chamalas a ela e a Juana de Vega 'damas da caridade'" -sinala Encarna Otero- "Foron as dúas socialistas utópicas e feministas". Otero realizará un percorrido pola intensa actividade de Concepción Arenal, que puxo en marcha moitos proxectos pioneiros, moitos en colaboración coa Condesa de Espoz y Mina.
Aí está por exemplo, o proxecto dunha sociedade en Ferrol para a construción de vivendas sociais para os obreiros, seguindo os principios do hixienismo inglés e ofrecendo o acceso a unha vivenda digna para os traballadores. "O proxecto non puideron completalo porque Juana de Vega morreu antes, en 1872. Anos máis tarde Concepción Arenal conseguiu executalo en Xixón", destaca. Ou, igualmente, o proxecto de crear unha escola teórico-práctica de agricultura na propiedade que tiña Juana de Vega en San Pedro de Nós, que non se puido poñer en marcha. "Era unha gran defensora da agricultura, porque era un mundo moi vinculado á muller", sinala Encarna Otero.
Encarna Otero: "Quero situalas na mesma liña de Flora Tristán e de Louise Michel en Francia, cunha grande identificación entre dereitos das mulleres e dereitos dos traballadores, no socialismo utópico"
"Quero situalas na mesma liña de Flora Tristán e de Louise Michel en Francia, cunha grande identificación entre dereitos das mulleres e dereitos dos traballadores, no socialismo utópico" -di- "Juana de Vega creou na Coruña un círculo de liberalismo, de feminismo e de defensa dos dereitos das mulleres, cunha gran preocupación, sobre todo por parte de Concepción Arenal pola defensa dos dereitos das mulleres como traballadoras e como capacitadas para o estudo, un traballo que foi especialmente intenso durante o curto período da Primeira República".
"Non é casual que na Coruña triunfasen e tivesen moita forza todos os pronunciamentos militares progresistas do século XIX e tampouco é casual que en Galicia xurdisen Concepción Arenal Juana de Vega, Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán [que defendeu e reivindicou en vida a Concepción Arenal], todas defendendo os dereitos das mulleres como persoas", subliña. "Elas son as transmisoras dun pensamento que nese momento atravesa toda Europa, dende Rusia ata Galicia, un movemento de liberación da muller, de identificación das mulleres cos proletarios", conclúe.
"Máis aló de conmemorar unha data, creo que é máis importante ver que cousas nos poden servir para o presente"
Unha Concepción Arenal para o presente
Celia Pereira defende unha visión semellante de Concepción Arenal e na súa intervención fará fincapé na sorprendente actualidade que moitos dos debates e propostas impulsadas por ela manteñen no século XXI: "Máis aló de conmemorar unha data, creo que é máis importante ver que cousas nos poden servir para o presente". "Afondou na prostitución, apostando pola súa abolición. Criticou moito a desigualdade de salarios entre homes e mulleres. Defendeu o sacerdocio feminino. Criticou o traballo infantil [daquela simplemente se acadara a súa prohibición para os menores de dez anos en España], que hoxe segue sendo un tema de vital importancia en moitos países. Criticou a desigualdade económica e a pobreza e miseria e demandou medidas para mudar a situación", enumera.
Criticou o uso e abuso da prisión preventiva, "unha figura que debería ser excepcional pero que en España é norma e provoca consecuencias moi graves, como vimos de ver en Ciutat Morta", lembra Celia Pereira
Por suposto, foi moi importante o seu labor en todo o relacionado cos dereitos das persoas xulgadas e dos presos e presas. Criticou o uso e abuso da prisión preventiva, "unha figura que debería ser excepcional pero que en España é norma e provoca consecuencias moi graves, como vimos de ver en Ciutat Morta", lembra Celia Pereira. "Criticou tamén as penas pecuniarias, que na nova reforma do Código Penal se incrementan. E criticou os ingresos en prisión con penas pequenas, sobre todo tendo en conta como eran as cadeas no século XIX", comenta. "En xeral, ela preocúpase e defende sempre as persoas máis desvalidas", engade. "Ela non tiña un pensamento revolucionario" -sinala- "non quería subverter o sistema, pero si modificar aquelas cousas que ela na súa sensibilidade consideraba inaceptables".
Concepción Arenal, que ao longo da súa vida tivo que superar moitas desgrazas persoais e obstáculos (acudiu de oínte á universidade disfrazada de home, cando aínda estaba prohibida a presenza das mulleres), criticou sobremaneira a dobre moral existente na sociedade e na lei, no propio ensino e no traballo, pero tamén no adulterio. En canto ao ensino, precisamente, ela manifestouse contraria a que a relixión estivese presente nas aulas, a pesar de ser unha persoa relixiosa, "pero era máis relixiosa de sentimento que de dogma", comenta Celia Pereira.
Criticou sobremaneira a dobre moral existente na sociedade e na lei, no propio ensino e no traballo, pero tamén no adulterio
Un elemento esencial para comprender tanto a súa vida como a súa obra constitúeo a súa proximidade ao ideario liberal e krausista, un achegamento que tamén lle permitiu ter unha boa relación persoal con moitos dos seus máis importantes representantes, como Salustiano Olózaga,, Fernando de Castro, Francisco Giner de los Ríos ou Gumersindo de Azcárate. Foi singular a relación que mantivo co seu home, Fernando García Carrasco, con quen compartiu traballo intelectual e realizou moitas investigacións e textos en conxunto, "algo que non é habitual nese tempo". A súa obra tivo repercusión internacional malia que Concepción Arenal non saíu nunca de España. Porén, enviou informes a congresos internacionais que foron obxecto de unánime aplauso por parte dos expertos alí presentes e colaborou en publicacións e libros editados en francés e inglés.
"Non era unha persoa cómoda para o poder, e as persoas incómodas normalmente acaban sendo, con sorte, notas ao pé de páxina nos libros de Historia, moito máis se son mulleres"
Porén, aínda está lonxe o momento en que a Historia a reivindique cunha dimensión á altura da súa figura. "Non era unha persoa cómoda para o poder, e as persoas incómodas normalmente acaban sendo, con sorte, notas ao pé de páxina nos libros de Historia, moito máis se son mulleres", di Celia Pereira. "Ela, ademais, coidaba moito a súa intimidade, non falaba moito de si mesma, non se reivindicaba" -comenta- "Ou tes un grupo de xente que anos máis tarde se encargue de difundir a túa obra ou o teu pensamento, ou estes pasan máis desapercibidos".