Coincidindo co bicentenario do nacemento de Concepción Arenal, o Consello da Cultura Galega está a levar a cabo un ciclo de conferencias arredor da súa figura e obra, que baixo o título de "O mundo do porvir: bicentenario do nacemento de Concepción Arenal Ponte (1820-2020)" revisa a vixencia do seu legado. A serie deu comezo o pasado venres en Ferrol, localidade natal da autora, cunha sesión titulada “Amor, educación e igualdade para o progreso” que revisou as ideas máis destacadas desta intelectual respecto da educación e a sociedade, tendo en conta as influencias que recolleu o seu pensamento, así como o legado que nos deixou neses aspectos centrais da súa obra.
O CCG organiza un ciclo de conferencias co obxectivo de "honrar unha figura destacada da nosa historia cuxa fonda pegada aínda permanece"
María Xosé Porteiro, directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, foi a encargada de abrir esta primeira sesión. Despois, a avogada Celia Pereira fixo unha contextualización biográfica e intelectual. Baixo o título “O pensamento pedagóxico de Concepción Arenal e a súa aplicación práctica” interveu Ana Romero Masiá, catedrática de Xeografía e Historia no IES Monte das Moas. Pechou esta primeira sesión a profesora de Filosofía África López Souto, que falará da tarefa desenvolvida por Concepcion Arenal nas marxes.
As seguintes sesións terán lugar na Coruña (Fundación Luís Seoane, 23 de outubro) e Vigo (Marco, 29 de outubro); e o ciclo rematará en Santiago de Compostela (CCG, 6 de novembro), cunha sesión que dará conta da súa proxección internacional. O Consello da Cultura Galega quere "honrar así unha figura destacada da nosa historia cuxa fonda pegada aínda permanece".
As sesións comezaron o venres pasado en Ferrol e continuarán na Coruña, Vigo e Compostela
Na sesión deste venres 23 de outubro na Coruña, unha mesa redonda que analizará o labor de activismo social de Concepción Arenal en relación coas presas, baixo o título “Alianza entre mulleres dentro e fóra do cárcere”. Esta xornada, realizada en colaboración co Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide, comezará cunha contextualización biográfica e intelectual de Celia Pereira Porto, avogada laboralista e membro da Sección de Pensamento do CCG. Despois, Pilar García Negro analizará os vínculos de Concepción Arenal con Juana de Vega, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.. A avogada Yolanda Ferreiro completa esta sesión cun relatorio titulado “A exclusión das excluídas: mulleres, prisión e dereito”.
Na sesión deste venres 23 de outubro na Coruña, unha mesa redonda que analizará o labor de activismo social de Concepción Arenal en relación coas presas, baixo o título “Alianza entre mulleres dentro e fóra do cárcere”
Os actos dedicados polo CCG ao bicentenario de Concepción Arenal comezaron o pasado 31 de xaneiro cunha actividade que se desenvolveu no cárcere da Lama, en Pontevedra e que comezou coa proxección do filme “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres”, dirixido por Laura Mañá. No coloquio posterior á proxección participaron Celia Pereira Porto, avogada e estudosa da obra de Concepción Arenal; dúas das actrices do filme, Mabel Rivera (Juana de Vega) e Isabel Naveira (María, presa), así como a subdirectora de tratamento da cadea, Ana Terlera Bao.
O pasado mes de febreiro, en entrevista con Praza.gal, Celia Pereira Porto destacaba que "para unha persoa que busque a transformación social como Concepción Arenal, o traballo intelectual non é suficiente".
Podes repasar aquí tamén as entrevistas a Emiliana Vicente, presidenta do Consejo General del Trabajo Social: "Concepción Arenal non se limitou a alertar das inxustizas, senón que propoñía solucións e cambios nas estruturas". Á historiadora Encarna Otero: "No Franquismo deturpouse a imaxe de Concepción Arenal, como pasou con Rosalía, pero foi unha muller moi avanzada". E á profesora da Facultade de Humanidades da USC Carmen Blanco: “O feminismo de Concepción Arenal quere rescatar as mulleres das pequenas cousas das casas, nas que están encerradas".