A USC e o Ateneo de Santiago publicaron este venres, coincidindo co bicentenario do nacemento de Concepción Arenal, dunha edición facsimilar das obras La mujer del porvenir e La mujer de su casa, textos seminais para entender o pensamento feminista da autora ferrolá. Esta edición conta cun estudo introdutorio a cargo da profesora Carmen Blanco da Facultade de Humanidades da USC.
Nesta introdución, titulada “Grandes ondas movendo ao ben e á ventura”, Carmen Blanco debulla algúns dos elementos principais do pensamento de Concepción Arenal, sobre todo no que atinxe ao seu feminismo, e o seu traballo en distintos eidos, "un persistente labor rexeneracionista de signo reformista, centrado na filantropía e na beneficencia, na educación e no dereito penal e político, para loitar contra os males da pobreza e da ignorancia". Blanco salienta que o "humanismo xeral" de Concepción Arenal "sobresae especialmente polo seu pensamento
e pola súa acción a favor dos dereitos e da dignidade das mulleres comprendidos nos seus múltiples contextos, feito polo cal ocupa un lugar importante tamén dentro da historia da liberación das mulleres e do feminismo". Falamos con ela.
Concepción Arenal defende nos seus escritos a igualdade entre mulleres e homes. Podemos dicir que os dous aspectos nos que máis fincapé fai son a educación e o traballo? Que valor lle dá a educación para a emancipación da muller?
"Fai fincapé no dereito ao traballo digno, non esquece a dureza e mesmo a “escravitude” do traballo das mulleres populares en todo tempo"
Concepción Arenal defende a igualdade intelectual e ética das mulleres e os homes, mais con respecto aos dereitos de cidadanía non defende exactamente a igualdade senón a equidade derivada do respecto ás diferenza. Dixo: “Queremos para as mulleres todos os dereitos civís. Queremos que teña dereito a exercer todas as profesións e oficios que non repugnen á súa natural dozura. Nada máis. Nada menos” e engade que a muller se atopa “mal disposta a unha organización social que lle é tan desfavorable”.
"A educación é, á vez, un dereito e un remedio para as mulleres, como para todas as demais persoas marxinadas
E, tes razón, por suposto Concepción Arenal fai fincapé moi especial no dereito á educación, un dereito cuestionado e mesmo negado daquela por boa parte da sociedade española, e no dereito ao traballo digno, posto que ela non esquece a dureza e mesmo a “escravitude” do traballo das mulleres populares en todo tempo. Seguindo a mellor tradición do pensamento progresista non sexista sabe tamén, como destaco eu en O contradiscurso das mulleres (1995), que a educación é, á vez, un dereito e un remedio para as mulleres, como para todas as demais persoas marxinadas, e a propia Arenal traballou toda a súa vida coa súa intelixencia práctica e especialmente a través da escrita para defender este dereito á educación e para denunciar os males causados por non tela. Ten dito: “ a falta de educación” é “fatal para a muller”.
“Quere rescatar as mulleres das pequenas cousas das casas...”, escribes na introdución á edición facsimilar das obras La mujer del porvenir e La mujer de su casa. Que valor lle dá á opresión xerada pola reclusión das mulleres no ámbito doméstico?
Na introdución titulada “Grandes ondas movendo ao ben e á ventura” da edición conmemorativa do bicentenario da autora, publicada por iniciativa do Ateneo de Santiago e a USC, digo: “O feminismo de Concepción Arenal é un feminismo que quere rescatar as mulleres das pequenas cousas das casas, nas que están encerradas co “espírito emparedado”, para movelas cara ás grandes cousas das causas sociais e cara ás grandes cousas das alturas intelectuais e éticas, ampliando o espazo e o tempo das mulleres, porque, segundo di, a “doma” efectuada pola mala educación das mulleres entretenas na “arte de perder o tempo”, que cómpre abandonar para, con orde, “ter tempo para todo”.
“O feminismo de Concepción Arenal quere rescatar as mulleres das pequenas cousas das casas, nas que están encerradas, para movelas cara ás grandes cousas das causas sociais e das alturas intelectuais e éticas"
O feminismo de Arenal é moi consciente dos males causados ás mulleres e aos homes polas imposicións do estereotipo dominante na sociedade do XIX, a chamada “muller da súa casa”. Ela non a denomina “anxo do fogar”, o termo hoxe máis utilizado nos estudos de xénero, porque sabe que este estereotipo é tanto “anxo” como “demo” nas súas moi diversas acepcións. Di que esta opresión que as encerra no ámbito doméstico encarcéraas no espazo do mal, o malestar, a amargura e a infelicidade, do que cómpre saír cara ao do ben, o benestar, a dozura e a felicidade, porque, di tamén, hai unha corrente directa que discorre da liberdade aos dereitos e dos dereitos á dita. Por isto conclúe que se as mulleres saen deste cárcere opresivo que as debilita faranse fortes, crecerán en fortaleza persoal e se integrarán nas grandes obras para contribuír á “grande obra do pobo”, “a obra moral” que só pode facer o propio pobo. E engade con lúcida clarividencia e total contundencia: “todo atentado secular de opresión necesita unha obra de redención”. Ela traballou sen descanso nesa obra, como tantas mulleres e homes antes e despois dela.
Adopta postulados de defensa da xustiza social dende unha posición burguesa e católica. Como situamos o seu feminismo no marco deste humanismo cristián? Cal foi a súa relación con mulleres do seu tempo como Juana de Vega ou Emilia Pardo Bazán?
"O seu feminismo é profundamente humanista e cristián, a un tempo que denuncia a hipocrisía e a misoxina ou “odio ás mulleres” da peor historia do catolicismo"
Desde o punto de vista xeral da historia do proceso da conciencia feminista a obra de Concepción Arenal sitúase dentro da terceira grande etapa do pensamento feminista e dentro da primeira grande onda do movemento social das mulleres, a denominada etapa sufraxista, caracterizada especialmente pola reivindicación dos dereitos de igualdade, dos que xa falamos. Mais, como fai sempre a mellor práctica feminista, continúa loitando tamén contra a “escravitude” das mulleres e contra os prexuízos misóxinos e sexistas coas armas da razón e da discusión a través do diálogo, para que prevaleza a procura da verdade e o xuízo xusto do cerebro, da intelixencia, compasado co corazón, o sentimento, combinando así, contra a mala esquizofrenia da tradición cultural dominante no mundo, razón e sentir. Di que a sensibilidade dá sentido á razón. Fala das mulleres como “sexo compasivo”, di que “sentindo faise sentir”
"Juana de Vega, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán son personalidades moi fortes e moi distintas, especialmente as dúas últimas, mesmo opostas nalgúns aspectos e enfrontadas pola misoxia patriarcal da historia en parte allea a elas"
O seu feminismo, como dis, é un feminismo profundamente humanista e cristián que se inspira na práctica filóxina ou de “amor ás mulleres” propia do mellor do mito de Cristo e dos evanxeos, a un tempo que denuncia a hipocrisía e a misoxina ou “odio ás mulleres” da peor historia do catolicismo. O seu pensamento e o seu activismo social a favor das mulleres é o propio da útil e verdadeira filantropía, beneficencia e caridade que a levou a colaborar neste sentido, e noutros propios da defensa da ilustración, con Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina que dirixiu a educación da raíña Isabel II cando nena. Emilia Pardo Bazán, condesa de Pardo Bazán, comparte coa pensadora Arenal o feminismo católico ilustrado do ensaio “Defensa de las mujeres” do ourensán Benito Jerónimo Feijoo, por exemplo. As tres son personalidades moi fortes e moi distintas, especialmente Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán, mesmo opostas nalgúns aspectos e enfrontadas pola misoxia patriarcal da historia en parte allea a elas.
Denuncia da escravitude, defensa da dignidade dos traballadores e traballadoras (construción de vivendas sociais...), denuncia das condicións de presos e presas, denuncia do traballo infantil... A 'xustiza' é outro valor clave en C.Arenal?
"O feminismo da Arenal é humanista e integral, non está descontextualizado das causas xerais da xustiza social. É unha pensadora e unha activista da loita polo avance dos dereitos humanos"
O feminismo da Arenal é humanista e integral, non está descontextualizado das causas xerais da xustiza social. É unha pensadora e unha activista da loita polo avance dos dereitos humanos. Si, denuncia a escravitude de raza e a escravitude da prostitución, traballando a favor do abolicionismo en ambos casos, como denuncia a escravitude no traballo e defende a imprescindible dignidade das persoas no exercicio dos seus oficios e profesións, reclamando o respecto para quen traballa, sen diferenzas de sexo, pero esixindo tamén unha ética xusta nese exercicio por parte de quen exerce eses oficios e profesións a favor do ben común. Reivindica para as mulleres a práctica de todas as habilidades, o talento e o xenio das mans, o cerebro e o corazón, é dicir, de todo o seu ser. E traballa a favor da dignidade das persoas pobres, presas e delincuentes.
Adopta unha clara posición a prol da abolición da prostitución. Cales eran os seus argumentos?
Os argumentos contundentes dos males físicos e psíquicos reais das mulleres prostituídas, a escravitude material e ética na que vivían.
Moitas das cuestións que reivindicaba Concepción Arenal hoxe semellan moderadas, mesmo conservadoras (ela mesma escribe “Un día preguntarase como foi preciso facer largos razoamentos para probar cousas tan claras...”). Pero como as enmarcamos no seu contexto histórico? Podemos falar dunha muller avanzada ao seu tempo, entendendo tamén que había colectivos (anarquistas, socialistas...) que ían moito máis aló?
"É unha muller avanzada polo seu pensamento e a súa práctica ética, humanista, universalista e integral que trata de compasar pensamento e acción sen escisións entre o público e o privado e pola súa denuncia da corrupción persoal e social"
É unha muller avanzada polo seu pensamento e a súa práctica ética, humanista, universalista e integral que trata de compasar pensamento e acción sen escisións entre o público e o privado e pola súa denuncia da corrupción persoal e social no terreo da política, ademais do das profesións e dos oficios. Denuncia de maneira especial a “pestilencia política” do presente corrupto de mentira e iniquidade, sinalando os males das prohibicións das cousas xustas, da tolerancia e ignorancia das inxustizas e da non realización da xustiza por parte das institucións. Neste sentido está moi de actualidade.
Mais, en efecto, ela é unha reformista, liberal e pacifista, partidaria do camiño civilizador da “redención” humana pacificadora non da “revolución” da confrontación violenta e quere facer que as mulleres traballen estendendo a “paz do lar” á sociedade para combater a espiral da violencia: algo que, sen dúbida é urxente facer hoxe nos dous sentidos ao mesmo tempo, das casas á sociedade e da sociedade ás casas, para deter a espiral da violencia sexual. Foi unha avanzada da defensa dos dereitos das persoas perseguidas, marxinadas e condenadas polo motivo que fose, unha avanzada dos dereitos civís no terreo do dereito penal e do dereito de xentes polos seus valores humanistas baseados na dignidade e o respecto humanos.
Que posición adopta ante o debate sobre o dereito de voto para as mulleres e ante os movementos sufraxistas que xa comezaban a despuntar na segunda metade do século XIX?
"É reformista, liberal e pacifista, non partidaria da “revolución” da confrontación violenta e quere facer que as mulleres traballen estendendo a “paz do lar” á sociedade para combater a espiral da violencia"
Nesta cuestión foi cambiando o seu criterio desde La mujer del porvenir (1869) a La mujer de su casa (1883) para finalmente mostrarse partidaria do dereito ao voto das mulleres, seguindo o éxito do sufraxismo americano, pero coa prevención de adiar tal dereito, condicionada especialmente pola “dependencia” das mulleres con respecto á Igrexa e aos homes na España do momento. A súa posición, derivada da consciencia do conflito político entre progresismo e tradicionalismo, está próxima en certos aspectos á que adoptará a avogada e política Victoria Kent, que foi Directora Xeral de Prisións da Segunda República, seguindo os pasos de Concepción Arenal, Visitadora de Prisións de Mulleres entre 1863 e 1865. Victoria Kent mantivo no debate parlamentario sobre o sufraxio feminino unha posición condicionada pola suposta inferioridade real da maioría das mulleres, oposta á defensa incondicional de tal dereito por parte da tamén avogada Clara Campoamor, nese contexto histórico da Segunda República que finalmente outorgou o voto ás mulleres en España en 1931.
Concepción Arenal chegou a acadar unha gran valoración internacional, a través de traducións e congresos. De que xeito chegou a ter estas relacións? Como as valoras?
"Foi cambiando o seu criterio para finalmente mostrarse partidaria do dereito ao voto das mulleres, seguindo o éxito do sufraxismo americano, pero coa prevención de adiar tal dereito condicionada especialmente pola “dependencia” das mulleres con respecto á Igrexa"
Concepción Arenal é unha figura de dimensión histórica internacional. Mantivo constantes relacións internacionais, a través da tradución das súas obras a distintas linguas e do envío de participacións a congresos pedagóxicos, xurídicos ou feministas. Estas relacións son produto da fraternidade e da solidariedade progresista, liberal, cristiá ou rexeneracionista, que a levou a colaborar con persoas destes distintos ámbitos, entre as que quero destacar as pertencentes á Institución Libre de Enseñanza. Mais ela sempre mantivo nestas relacións a súa forte independencia de criterio. Todos estes trazos, entre outros, caracterizan unha personalidade histórica importante pola súa contribución ao avance dos dereitos humanos, tanto na teoría como na práctica e tanto pola súa vida como pola súa obra.