"Concepción Arenal non se limitou a alertar das inxustizas, senón que propoñía solucións e cambios nas estruturas"

Cartel da homenaxe do Colexio de Traballo Social a Concepción Arenal © COTSG

O 31 de xaneiro de 1820 nacía en Ferrol Concepción Arenal. Este venres celébrase, polo tanto, o bicentenario da autora e activista galega

O 31 de xaneiro de 1820 nacía en Ferrol Concepción Arenal. Este venres celébrase, polo tanto, o bicentenario da autora e activista galega, que despois de residir en Cantabria, Madrid ou A Coruña, morreu en 1893 en Vigo, onde está soterrada. Coincidindo coa efeméride, son moitas as institucións e entidades sociais que esta semana levan a acabo actividades e homenaxes ao redor da súa figura. 

Destacan os que se realizan en Ferrol, que este xoves dedicou un pleno municipal monográfico a honrala, ou a ampla programación de actividades programada en Compostela pola USC e o Ateneo de Santiago. E, ademais, o énfase posto polo Colexio Oficial de Traballo Social en reivindicar a súa figura, subliñando que Concepción Arenal “sentou as bases do traballo social”.

Por este motivo, o Consejo General del Trabajo Social (CGTS), que agrupa a 36 organizacións colexiais de todo o Estado e a 40.000 persoas colexiadas e o propio Colexio de Traballo Social de Galicia (COTSG) realizarán este venres ás 13 horas unha ofrenda floral nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Ademais, ás cinco da tarde o pazo de María Pita acollerá un acto-homenaxe que convidará a debater sobre a vida e a figura de Concepción Arenal.

O Colexio Oficial de Traballo Social reivindica a súa figura, subliñando que “sentou as bases do traballo social”.

Xa o xoves pola tarde as entidades representativas do Traballo Social participaron en Ferrol nos actos de lembranza á pensadora ferrolá, participando no pleno monográfico que tivo lugar no Casa do Concello e tamén na ofrenda floral realizada no monumento dedicado a Concepción Arenal, na confluencia da avenida de Esteiro coa rúa de Fernando VI, e no descubrimento dunha placa na súa casa natal, no número 177 da rúa Real.

Emiliana Vicente, presidenta do Consejo General del Trabajo Social © CGTS

"A súa interpretación das desigualdades é a mesma que facemos dende o actual Traballo Social; ela pon o acento na estrutura e na organización social e non na culpabilidade das persoas pola súa situación"

"Sempre dicimos que Concepción Arenal é pioneira do Traballo Social, porque a súa interpretación das desigualdades é a mesma que facemos dende o actual Traballo Social; ela pon o acento na estrutura e na organización social e non na culpabilidade das persoas pola súa situación", destaca Emiliana Vicente, presidenta do CGTS. "É dicir, as persoas non son pobres porque si, non están presas porque ese sexa o seu destino, senón que é o propio contexto social, a estrutura social o que as levou a esa situación", explica.

Emiliana Vicente salienta que "merece que a recuperemos e que lle deamos importancia. Dentro do Traballo Social, adóitase falar doutras precursoras, como Jane Addams ou Mary Richmond, pero é que Concepción Arenal ten que estar ao mesmo nivel e ten que ter o mesmo recoñecemento que estas outras figuras internacionais".

"Concepción Arenal está entre os pensadores máis importantes do século XIX e mantivo unha gran relación con intelectuais contemporáneos de toda Europa. É unha intelectual, pero ao mesmo tempo é unha muller de intervención social, de estar pegada ao terreo, de estar acompañando os procesos de colectivos que estaban moi abandonados e moi orfos de toda axuda: os presos, as mulleres, as prostitutas... É unha muller que foi precursora do actual traballo social no ámbito penitenciario", di.

"Foi unha muller valente por abordar estas propostas de acción social, cuestionando o momento social no que lle tocou vivir e promovendo reformas"

"Foi unha muller valente por abordar estas propostas de acción social, cuestionando o momento social no que lle tocou vivir e promovendo reformas. Como reformadora social, cremos que ten un carácter moi progresista para a súa época", defende. "Facía propostas avanzadas para transformar toda forma de inxustiza social, loitando polos dereitos de todas as persoas, buscando acadar a igualdade e a xustiza", engade. "Non se limitou a alertar destas cuestións, senón que propoñía solucións e solucións que tanto á sociedade, ao Estado e á Relixión do seu tempo as enfrontaba a contradicións grosas", destaca a presidenta do CGTS.

Concepción Arenal foi "unha feminista de primeira orde, pois ela reivindica o papel de intelectual da muller nunha sociedade na que as mulleres non eran suxeitos de dereito"

Emiliana Vicente subliña que Concepción Arenal foi, así mesmo, "unha feminista de primeira orde, pois ela reivindica o papel de intelectual da muller nunha sociedade na que as mulleres non eran suxeitos de dereito". "Ela defendía que as mulleres, se teñen formación, se teñen oportunidades, como as teñen os homes, poden realizar case calquera tipo de traballo, avanzando cara a unha sociedade máis igualitaria que será positiva para todos", comenta.

A presidenta co CGTS considera que Concepción Arenal non acada aínda a toda a consideración e recoñecemento que merece, en parte pola época na que viviu. "Aínda que ela bebe de fontes cristiás, estivo escurecida e ocultada por vivir nunha época da que dominaba unha ideoloxía católica moi retrógrada" destaca Emiliana Vicente. Porén, do mesmo xeito, "o feito de promover unha reforma dende unha ética cristiá tamén provocou que as súas achegas, que foron moi progresistas, tampouco fosen tidas en conta por outros sectores", di, concluíndo que "temos unha enorme débeda con Concepción Arenal".

Esta semana Concepción Arenal é homenaxeada por entidades sociais, concellos e universidades © USC

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.