Ao longo deste ano 2020 estase a celebrar en toda Galcia o 200 aniversario do nacemento de Concepción Arenal. A avogada e investigadora Celia Pereira Porto é unha das principais expertas galegas na súa figura, sobre a que escribiu obras como 'A aportación de Concepción Arenal no marco de estado liberal español'. Así mesmo, participou nos últimos días nalgunha das actividades que serviron para conmemorar o bicentenario do nacemento da pensadora ferrolá, como a proxección do filme 'Concepción Arenal, la visitadora de cárceles' que o Consello da Cultura Galega levou a cabo na prisión da Lama.
Ademais de Concepción Arenal, Celia P. Porto ten investigado a traxectoria doutra muller que abriu camiño na conquista da igualdade de dereitos, Clara Campoamor. Hai uns meses a Editorial Galaxia publicou a tradución ao galego de 'O meu pecado mortal', a obra na que Campoamor relatou en 1936 o proceso de consecución do voto feminino e os obstáculos e ataques que ela mesma tivo que aturar por defendelo. E edición de Galaxia contou cunha introdución de Celia Pereira Porto, con quen falamos sobre estas dúas mulleres pioneiras.
"A diferenza doutras mulleres, o nome de Concepción Arenal está en rúas, prazas ou colexios, pero se lle preguntásemos a calquera persoa quen foi esa muller ou que fixo, a maioría non sabería que dicir"
Para que pode servir a celebración do bicenteranrio de Concepción Arenal? É suficientemente coñecida e recoñecida?
Coñécese o nome e nada máis. A diferenza doutras mulleres, das que nin sequera se coñece o nome, Concepción Arenal está en rúas, prazas, denominacións de colexios..., pero eu creo que se lle preguntásemos a calquera persoa que pasa por eses lugares quen foi esa muller ou que fixo, seguramente a maioría non sabería que dicir. 200 anos é unha cifra redonda e é un bo momento para divulgar o labor de persoas que aínda son moi descoñecidas.
Como foi a experiencia de levar a unha prisión o debate sobre o traballo de Concepción Arenal sobre a situación das persoas presas?
Unha das actividades que levou a cabo o CCG para homenaxear a Concepción Arenal foi a proxección no cárcere da Lama da película 'Concepción Arenal, la visitadora de cárceles'. E foi interesante facelo nun espazo icónico na súa biografía (non ese en concreto, evidentemente) e pensar nas cousas que afortunadamente foron cambiando en 200 anos e nas que aínda faltan por cambiar. E pensar sobre todo no importante que foi o traballo feito por Concepción Arenal, tanto no plano teórico e das ideas, como na súa propia práctica activista, contribuíndo a mellorar a vida das persoas en niveis concretos e tamén contribuíndo a mellorar colectivamente a sociedade.
"Se non se produce unha interacción coa sociedade, ese traballo intelectual sempre vai quedar coxo, vai ficar nunha cuestión meramente erudita"
Ela avogou por conceptos como entender os cárceres como espazos de reinserción e non só de castigo. Esa idea está aceptada en España 200 anos despois do seu nacemento?
Na teoría si, porque na Constitución fálase da reinserción, pero na práctica hai aínda camiño por percorrer. Concepción Arenal dedicoulle moito esforzo a buscar ese obxectivo, alertando de que as penas excesivamente longas dificultaban a posibilidade de que esas persoas se reintegrasen despois na sociedade, promovendo que as persoas que estaban presas dedicasen o seu tempo á realización de tarefas e a posibilidade de que se puidesen formar nos cárceres.
Concepción Arenal combinou sempre o traballo máis teórico, de pensamento e de promoción de reformas, cunha actividade máis directa, en contacto coas persoas e colectivos desfavorecidos...
Para unha persoa que busque a transformación social, o traballo intelectual non é suficiente. Se non se produce unha interacción coa sociedade, ese traballo intelectual sempre vai quedar coxo, vai ficar nunha cuestión meramente erudita. Para conseguir esas transformacións, hai que transcender as portas da academia e derrubar outros muros, como os das prisións.
"Fai moita énfase en que as mulleres, sobre todo as mulleres pobres, poidan ter acceso a formación, e así poidan gañar mellor a vida e ser menos explotadas"
Tiña moi claro que o obxectivo era ir conseguindo unha serie de transformacións sociais. Por iso boa parte dos seus traballos intelectuais, dos seus escritos, tiñan un destinatario claro, que era a propia xente afectada, para acadar resultados concretos. Moitas veces publicaba en forma dun epistolario ficcionado, en textos como 'Cartas a los delincuentes', 'Cartas a un señor' ou 'Cartas a un obrero'. Ou en forma de manuais (Manual del visitador de prisiones...).
Esa vontade comunicativa e formativa enlaza con outra das súas teimas: o acceso á educación para os colectivos aos que nese momento estaba vedado, dende as mulleres en xeral ás persoas pobres...
O acceso á educación é esencial para ela, e en xeral todas as cuestións de carácter pedagóxico. Estamos falando dun momento, o século XIX español no que o índice de analfabetismo era moi alto, e moito máis entre as mulleres. Ela mantén grandes vínculos coa filosofía krausista e con persoeiros destacados da Institución Libre de Enseñanza. Fai moita énfase en que as mulleres, sobre todo as mulleres pobres, poidan ter acceso a formación, e así poidan gañar mellor a vida e ser menos explotadas.
"A partir do momento en que en outubro de 1931 se aproba o voto feminino a vida de Clara Campoamor cambia para peor"
Enlazando a Concepción Arenal con Clara Campoamor, cal foi a posición da primeira en relación co voto feminino, nun momento no que o movemento sufraxista xa comezara noutros países, aínda que o debate aínda non chegara de pleno a España?
No Estado español non se pode falar dun movemento sufraxista como existiu en Gran Bretaña ou nos Estados Unidos. Mesmo cando se aproba o dereito ao voto, en outubro de 1931, aínda que si había previamente persoas favorables de forma pública e propostas concretas, estas eran moi limitadas. No caso de Concepción Arenal, na segunda metade do século XIX, non se posiciona a prol do dereito de voto para as mulleres porque vén dicir que nesa altura dos tempos a política non era un mundo positivo, o mesmo que o mundo das armas. Ela si que di que se estaba desperdiciando moito talento feminino, quedando as mulleres relegadas ao interior do fogar, sobre todo pola falta de formación. E defendía que nun espazo social máis aberto as mulleres poderían xogar papeis máis importantes no mundo do traballo.
Do debate que levou á aprobación en 1931 do voto para as mulleres coñécense popularmente algúns poucos detalles, máis centrados na resistencia de boa parte da esquerda e do republicanismo e na diversidade de posicións entre Clara Campoamor a Victoria Kent. Como foron eses debates? Como lle afectan a Clara Campoamor?
Os debates son moi interesantes e as posicións estaban moi igualadas. En outubro de 1931 apróbase o dereito por 20 votos de diferenza. E en decembro vótase unha emenda para adialo varios anos, unha votación que non sae adiante por tan só catro votos.
"Cando en 1936 volver votar as mulleres e gaña a Fronte Popular, ela pensaba que a súa imaxe ía ser rehabilitada e que alguén lle ía pedir desculpas. Pero iso non sucedeu"
Clara Campoamor recolle o contido dos debates no libro 'Mi pecado mortal', que publica en xuño de 1936, xusto antes do inicio da Guerra Civil, e no que reivindica a súa posición. Porque, dende logo, a partir do momento en que en outubro de 1931 se aproba o voto feminino a súa vida cambia para peor. É obxecto de escarnio na prensa do momento, que por exemplo incidía no feito de que só había dúas mulleres no cámara -ela e Victoria Kent- e que non se poñían de acordo. E tamén sofre (ela e a súa familia) insultos, ameazas tanto na rúa, por carta ou por teléfono. Parte da esquerda e do republicanismo responsabilizábaa da derrota electoral de 1933, as primeiras eleccións nas que votaron as mulleres.
O tempo deulle a razón...
Ela estaba convencida de que a participación das mulleres, máis alá de ser un dereito consubstancial a un estado democrático, non ía variar demasiado a situación a nivel electoral, e que mulleres e homes ían votar de forma semellante, cara á esquerda ou cara á dereita. Cando en 1936 volver votar as mulleres e gaña a Fronte Popular, ela pensaba que a súa imaxe ía ser rehabilitada e que alguén lle ía pedir desculpas. Pero iso non sucedeu, polo que ela se decidiu a escribir este libro.
A esquerda o republicanismo empregaban o argumento de que o voto das mulleres ía ser controlado pola Igrexa e por ideoloxías conservadoras. Este medo foi común noutros países?
Noutros países ese argumento do medo tamén se dá, pero no Estado Español estaba o matiz de que acababa de haber un cambio de réxime, que se quería consolidar. Temíase que o voto feminino puxese en risco a República. Noutros países o 'medo' referíase ao temor dos homes a perder a súa condición de cabeza de familia, pasando a haber así, neste caso, unha bicefalia.
"Nun sentido favorable ao voto foi importante a participación de Ramón Franco, o irmán do ditador, unha persoa dunhas ideas moi avanzadas, democráticas e progresistas, que de feito estaba adscrito ao grupo parlamentario de ERC"
Nos últimos meses, partidos como Ciudadanos quixeron aproveitar as reticencias dos sectores esquerdistas e republicanos a aprobar o voto feminino como un argumento para o debate político na actualidade, afirmando ser herdeiros directos de Clara Campoamor...
Moitas veces o interese non é coñecer as cousas como foron e a xente tenta tirar proveito partidista dun determinado feito histórico. É moi difícil, ademais, facer unha translación directa dos partidos e ideoloxías que existían na Segunda República. Ademais, naquel momento non existía disciplina de voto. Iso fixo que os debates e as propias votacións desen moitísimo xogo.
Como foi a participación dos deputados galegos nos debates?
Hai deputados galegos que nos debates tiveron un maior protagonismo, como foi o caso de Roberto Nóvoa Santos, que dicía falar en nome da minoría galeguista, pero expresou unha opinión de carácter persoal en contra do dereito de voto para as mulleres. Porén, finalmente non participou nas votacións. Era un médico considerado progresista, pero tiña publicacións moi misóxinas, nas que falaba por exemplo da “indixencia espiritual do sexo feminino”. En cambio, nun sentido favorable ao voto é importante a participación de Laureano Gómez Paratcha ou de Ramón Franco, o irmán do ditador, unha persoa dunhas ideas moi avanzadas, democráticas e progresistas, que de feito estaba adscrito ao grupo parlamentario de ERC.