Compostela, Ferrol, A Coruña ou o cárcere da Lama acolleron este venres actos en homenaxe a Concepción Arenal, no bicentenario do seu nacemento. Destacou tanto no traballo teórico, de pensamento e proposta de reformas, como na intervención social directa, centrada na defensa dos colectivos máis desfavorecidos, dende as mulleres aos presos, pasando polas prostitutas. E deixou un legado que foi recoñecido nas décadas seguintes ao seu falecemento en Vigo en 1893.
Como destaca Encarna Otero, "é unha muller relativamente coñecida pola poboación, pero bastante mal coñecida", pois dela destácanse decote apenas unhas poucas facetas e feitos, como o seu papel como visitadora de prisións ou como se viu obrigada a vestir de home para acudir á universidade, pero Concepción Arenal traballou en moi distintos ámbitos. Falamos coa historiadora sobre algúns aspectos da traxectoria da pensadora e activista ferrolá.
"Promove reformas sociais que nalgúns casos aínda non foron aceptadas, sobre todo os cárceres como espazos de formación e rehabilitación, e non só de castigo"
Coñécese (e recoñécese) suficientemente a Concepción Arenal?
É unha muller relativamente coñecida pola poboación, pero bastante mal coñecida. Dela sábense algunhas cousas, como que se vestiu de home para ir á universidade e que era moi “caritativa”, e poucas veces se vai máis aló diso. Como era unha persoa moi católica, no Franquismo deturpouse a imaxe de Concepción Arenal, facendo fincapé nesa imaxe de "muller caritativa", como pasou con Rosalía tamén na ditadura.
Pero a realidade é que foi unha muller moi avanzada, moi progresista, que promove reformas sociais que nalgúns casos aínda non foron aceptadas hoxe en día, sobre todo a visión que ela tiña sobre a redención de penas, sobre a xustiza, sobre as persoas presas, sobre os cárceres como espazos de formación e rehabilitación, e non só de castigo.
"Durante o Franquismo creouse a imaxe da Concepción Arenal caritativa, católica, e só nos anos 80 se comeza a recuperar en todas as súas dimensións e os seus escritos"
Así pois, a ditadura creou unha imaxe de Concepción Arenal máis "moderada"?
O que lle puxo a lousa enriba a Concepción Arenal foi o 1936, porque nas primeiras décadas do século XX e durante a Segunda República, ela foi moi reivindicada por ese movemento feminista que tanto loitou polo dereito á educación, o dereito ao voto, o dereito ao divorcio e todos os dereitos que se plasmaron sobre todo na Constitución de 1931. No ano 1920 había dúas asociacións feministas en España, unha chamada Concepción Arenal e a outra La mujer del porvenir, como a obra que escribiu.
Durante o Franquismo creouse a imaxe da Concepción Arenal caritativa, católica, e só nos anos 80 se comeza a recuperar en todas as súas dimensións e os seus escritos. Non hai nada mellor que lela para comprendela. O mellor que se pode facer con Concepción Arenal é lela.
En todas as súas accións semella guiada por uns ideais humanistas moi fortes, centrada sempre na defensa da xustiza social... En que medida se concreta esta idea?
Ela era unha muller sobria, pero cunha ética fóra de lugar: consideraba que a súa vida tiña que ser unha manifestación de todo aquilo que pensaba e facía. Tiña a súa maior preocupación polas persoas máis desfavorecidas, as máis danadas da sociedade, que eran os presos, os obreiros e as mulleres. Defendía, por suposto, a abolición da prostitución. Todo o que supuxera explotación, miseria, degradación ou traballo abusivo había que solucionalo.
Foi ademais unha muller completamente antimilitarista e que viviu a guerra de preto, pois pertenceu á Cruz Vermella e montou un hospital de campaña durante a terceira Guerra Carlista, entre 1872 e 1876. Ese posicionamento contrario á guerra, o rexeitamento do 'dereito á guerra', era algo completamente progresista nese tempo.
"Era unha gran defensora do dereito das mulleres a estudar como un mecanismo de liberación e de participación con pleno dereito na sociedade"
Fai fincapé na educación e na necesidade de que as mulleres e, en xeral, as persoas sen recursos económicos accedan a ela. Que valor lle daba?
Era unha gran defensora do dereito das mulleres a estudar como un mecanismo de liberación e de participación con pleno dereito na sociedade. Durante a Primeira República fai unha defensa moi forte do dereito do ensino para as mulleres, porque tiña moita relación con Giner de los Ríos e a Institución Libre de Enseñanza.
Con Emilia Pardo Bazán coincide completamente na loita pola educación das mulleres. A educación vaille permitir á muller demostrar algo fundamental: que ten capacidade intelectual e que é cidadá, que ten dereito á cidadanía. E a educación estaba moi ligada ao traballo. A muller traballara sempre, por suposto, a ningún home lle importaba que traballara, a cuestión era que cobrara. E para o traballo asalariado a formación é imprescindible, porque sen educación a muller pobre só podía caer na prostitución ou nos traballos peor remunerados, sen posibilidade de saír nunca desa clase de escravitude.
"Con Juana de Vega forma un tándem total, unha relación que tamén é económica, pois Juana de Vega puxo o seu capital ao servizo de todas esas ideas de benestar e construción de dereitos"
Cal era a súa relación con Juana de Vega? Que impacto provoca en Concepción Arenal?
O seu liberalismo e defensa da democracia bebeunos de seu pai, que foi moi represaliado polo absolutismo, e de Juana de Vega, que era unha muller moi liberal e que chegou a estar exiliada en Inglaterra. Con Juana de Vega forma un tándem total e absoluto. Son dúas mulleres que ademais do cariño e o respecto que se tiñan, o que fan é formarse e alimentarse mutuamente. Unha relación que tamén é económica, pois Juana de Vega puxo o seu capital ao servizo de todas esas ideas de benestar e construción de dereitos. E apoiou moito a Concepción Arenal tamén no seu labor como visitadora de prisións, porque estiveron varias veces a piques de botala, porque era moi molesta para o sistema, ao denunciar as situacións de corrupción que se daban.
Levan estas preocupacións pola xustiza social á construción de vivendas para obreiros. Como foi este proxecto?
Elas dúas estudaron moito a situación dos obreiros en Ferrol, no barrio de Esteiro, unha zona cunha gran situación de insalubridade. As dúas coincidían en que a vivenda era un dereito, pero era tamén unha cuestión de saúde e dignidade. De aí que en 1872 fundan a Construtora Benéfica, sociedade dedicada á construción de casas baratas para obreiros. Como morre Juana de Vega e xa non pode apoiar economicamente a iniciativa, Concepción Arenal desenvolve o proxecto noutras cidades, porque alí atopa apoio económico.
"As dúas coincidían en que a vivenda era un dereito, pero era tamén unha cuestión de saúde e dignidade. De aí que en 1872 fundan a Construtora Benéfica, sociedade dedicada á construción de casas baratas para obreiros"
Que outras iniciativas desenvolveu Juana de Vega? Cal foi a súa importancia?
Juana de Vega fundou por exemplo a Asociación de Señoras da Coruña. Esta asociación de mulleres dedicábase a facerse cargo dos nenos orfos, a apoiar os enfermos e enfermas que estaban no Hospital da Caridade, que eran os que non tiñan ningún tipo de recursos económicos.
Creou tamén unha escola gratuíta para persoas adultas e financiou unha escola para nenos e nenas pobres, para que a pobreza non fose un estigma co que morres. A clave para elas era que a pobreza non esra unha condición de nacemento, senón unha situación derivada dunha sociedade inxusta, e que había que crear mecanismos para mudar iso, e a educación era o máis importante.
A última iniciativa que Juana de Vega puxo en marcha antes de morrer foi unha escola práctico-teórica para o agro, co obxectivo de servir á formación da xente que traballaba no campo, que era o 90% da poboación galega. Para iso deixou o seu patrimonio nunha Fundación que tiña esa finalidade.