O 16 de setembro de 1851, hai hoxe 170 anos, nacía na Coruña Emilia Pardo Bazán, unha das figuras intelectuais máis importantes do seu tempo e que pasou á historia pola súa loita feminista, especialmente enfocada a prol do acceso das mulleres á educación. Como xa fixo hai uns meses coincidindo co centenario do seu pasamento, este mércores a Real Academia Galega conmemora a efeméride cunha serie de iniciativas, que se engaden á ampla programación que ao longo de todo este ano 2021 está celebrando o ano dedicado á autora.
Este xoves a Academia acolle a presentación da obra A educación do home e da muller e outros escritos feministas
Este xoves a Academia acolle a presentación da obra A educación do home e da muller e outros escritos feministas, coeditado pola RAG e o Parlamento de Galicia, nun acto no que participarán o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira; a académica Marilar Aleixandre e a tradutora Mónica Bar Cendón.
O volume recompila e verte ao galego unha serie de textos escolmados por Marilar Aleixandre –directora da revista La Tribuna. Cadernos de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán–, entre eles o que dá título ao libro, “A educación do home e da muller”, un dos ensaios sobre feminismo máis relevantes da escritora, presentado no Congreso Pedagóxico de 1892. Mónica Bar Cendón encargouse da tradución desta edición especial que pretende contribuír ao coñecemento do pensamento dunha muller adiantada en materia de igualdade.
O volume recompila e verte ao galego unha serie de textos escolmados por Marilar Aleixandre
Xa pola tarde, a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán será escenario dunha acción dramatizada na que a autora homenaxeada recibirá a súa amiga e tamén escritora e destacada defensora da igualdade María Vinyals (1875-1940). As actrices Larraitz Urruzola e Estíbaliz Veiga serán as encargadas de darlles vida a partir do guión escrito por Mariana Carballal inspirándose nos seus textos feministas e a vida de Pardo Bazán. Haberá dúas representacións, ás 17 e ás 19 horas. As entradas para ambas as representacións están esgotadas.
As actividades insírense no marco da programación da RAG co gallo do centenario do pasamento da homenaxeada, que continuará en outubro co Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois
As actividades insírense no marco da programación da RAG co gallo do centenario do pasamento da homenaxeada, que continuará en outubro co Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois. O congreso celebrarase entre os días 25 e 29 de outubro na propia sede da Academia, no Colexio de Fonseca, en Compostela, e mais na sede do Consello da Cultura Galega. As sesións matinais dos tres primeiros días estarán ocupadas por 15 relatorios impartidos por especialistas na escritora coruñesa. As sesións vespertinas dedicaranse á exposición das comunicacións presentadas por investigadoras e investigadores.
O inicio do congreso coincidirá coa chegada á Coruña -o 22 de outubro- da exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade
O inicio do congreso coincidirá coa chegada á Coruña -o 22 de outubro- da exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade, que se puido ver en primeiro lugar na Biblioteca Nacional, en Madrid. A Real Academia Galega participa na mostra achegando case un terzo das 219 pezas que a conforman. Así mesmo, a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán acollerá ata o mes de decembro oito encontros con mulleres referentes nos seus respectivos campos profesionais, nun ciclo programado da man do Concello da Coruña.