O 12 de maio do ano 1921 finaba Emilia Pardo Bazán. Novelista, xornalista e ensaísta, a autora coruñesa foi unha das figuras máis importantes do feminismo das últimas décadas do século XIX e primeiras do XX e unha das intelectuais máis destacadas da época, converténdose ademais nunha das introdutoras do naturalismo en España, con obras como La tribuna ou Los pazos de Ulloa. Coincidindo co centenario do seu pasamento, que está a ser conmemorado cunha ampla programación en Galicia ao longo de todo este ano 2021, o Consello da Cultura Galega vén de subir á rede o epistolario da pensadora, uns materiais que se unen ao especial que o CCG publica na súa web.
Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, Concello da Coruña ou Ateneo de Santiago conmemoran cunha ampla programación de actos e publicacións o centenario do pasamento da intelectual e precursora do feminismo
O epistolario, que forma parte do arquivo da Real Academia Galega, componse de 156 cartas enviadas e recibidas entre os anos 1879 e 1917, con autores e destinatarios que van dende Eduardo Pondal ata o propio rei Afonso XIII, aínda que destacan por riba de todo as 87 cartas dirixidas á súa amiga e comadre Carmen Miranda Armada. Os textos permiten explorar o universo íntimo da escritora e tamén o seu pensamento, facendo especial énfase na súa defensa dos dereitos das mulleres, especialmente na súa reivindicación do acceso á educación para todas elas. As cartas dan conta das dificultades ás que ela mesma se enfrontaba na sociedade do seu tempo: "A miña influencia non existe. Se eu fose un home, e home político, entón poderíase esperar algo. Pero desde a miña posición literaria non debo esperar que me atendan senón nun grao moi relativo", escribe nunha das misivas.
"Moitos son os adxectivos aplicables a esta muller anticipada ao seu tempo que tiña a capacidade de non pasar inadvertida: escritora e xornalista prolífica, viaxeira infatigable, cosmopolita, políglota, feminista...", destaca o CCG no seu especial
No especial publicado polo Consello da Cultura Galega, que subliña o carácter "poliédrico" da intelectual, destácase que "moitos son os adxectivos aplicables a esta muller anticipada ao seu tempo que tiña a capacidade de non pasar inadvertida: escritora e xornalista prolífica, viaxeira infatigable, cosmopolita, políglota, feminista...", e inclúense as biografías realizadas por Xosé Antón Fraga e por Susana Guitar Novo.
Tamén se ofrece o texto da conferencia preparada pola recoñecida historiadora Isabel Burdiel, biógrafa de Emilia Pardo Bazán, para o Segundo congreso Internacional "Irmandades da fala. Cultura e política na España de entreguerras", na que a autora introduce a visión que a escritora tiña do rexionalismo e do galeguismo. O especial contén igualmente a intervención de Pilar García Negro na mesa redonda "Alianzas entre mulleres dentro e fóra do cárcere", realizada dentro do ciclo "O mundo do porvir: bicentenario do nacemento de Concepción Arenal Ponte (1820-2020)" , na que a profesora explora os vínculos entre catro das mulleres galegas máis destacadas do século XIX: Concepción Arenal Ponte con Juana de Vega, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.
O especial complétase coa lectura dramatizada do texto "As mulleres do porvir", co que o CCG buscaba homenaxear á pensadora Concepción Arena e á actriz, directora e dramaturga Dorotea Bárcena. Neste texto dramático, Bárcena sitou en diálogo a Concepción Arenal con outras grandes figuras do seu tempo: Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.
En outubro, un congreso internacional sobre a súa figura
Unha das actividades centrais das homenaxes é o congreso internacional "Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois", organizado pola Real Academia Galega
Unha das actividades centrais das homenaxes no centenario do seu pasamento é o congreso internacional "Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois", organizado pola Real Academia Galega. O congreso, que se celebrará entre os días 25 e 29 de outubro, na propia sede da Academia, no Colexio de Fonseca, en Compostela, e mais na sede do Consello da Cultura Galega.
As sesións matinais dos tres primeiros días estarán ocupadas por 15 relatorios impartidos por especialistas na escritora coruñesa. As sesións vespertinas dedicaranse á exposición das comunicacións presentadas por investigadoras e investigadores, consonte o indicado nesta convocatoria.
O inicio do congreso coincidirá coa chegada á Coruña -o 22 de outubro- da exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade, que se puido ver en primeiro lugar na Biblioteca Nacional, en Madrid. A Real Academia Galega participa na mostra achegando case un terzo das 219 pezas que a conforman. Así mesmo, a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán acollerá ata o mes de decembro oito encontros con mulleres referentes nos seus respectivos campos profesionais, nun ciclo programado da man do Concello da Coruña.
Actos na Coruña e Compostela
O congreso de outubro será o momento culminante dunha ampla programación de actos de homenaxe e análise ao redor da intelectual pioneira do feminismo. A Real Academia Galega e Casa-Museo Emilia Pardo Bazán conmemoraron este mércores o centenario do pasamento da autora, dando comezo ao amplo abano de actividades previstas para os vindeiros meses. No acto, especialistas na obra de Pardo Bazán, alumnado, docentes e guías participarán nunha lectura colectiva de textos da autora.
A Real Academia Galega e Casa-Museo Emilia Pardo Bazán conmemoraron este mércores o centenario do pasamento. No acto, especialistas na obra de Pardo Bazán, alumnado, docentes e guías participarán nunha lectura colectiva de textos da autora
O acto comezou cunha lectura a cargo do presidente da Real Academia Galega e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Víctor F. Freixanes e o concelleiro José Manuel Lage Tuñas en representación do Concello da Coruña. Tamén participaron a académica Marilar Aleixandre, a conservadora da Casa-Museo, Xulia Santiso, o editor Eduardo Riestra, a profesora da Universidade da Coruña especialista en estudos de xénero Antía Pérez Caramés, a profesora do IES Otero Pedrayo Begoña Valdés Rodríguez e membros de Guías de Galicia.
Este martes, ademais, o Ateneo de Santiago deu por finalizado os actos de conmemoración a Emilia Pardo Bazán polo seu centenario presentando o libro-catálogo da exposición 'Dona Emilia e Compostela', unha obra que, como explica Salvador García-Bodaño, presidente do Ateneo de Santiago, "non recolle só os contidos da exposición, senón tamén artigos inéditos da autora".
Hai unhas semanas a Real Academia Galega presentou a obra Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán, de Marilar Aleixandre e María López Sández
Así mesmo, hai unhas semanas a Real Academia Galega presentou a obra Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán, da académica Marilar Aleixandre e da tamén escritora e filóloga María López Sández, unha obra que insire a Pardo Bazán no contexto da literatura universal e do feminismo do momento nun volume de “lectura áxil” que “vai chegar ás rapazas novas” porque tamén se fala do presente, “dos problemas das mulleres de hoxe e da revolución feminista”, en palabras da académica correspondente e profesora da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez.
O Concello da Coruña organizou ademais o I Concurso “A mirada violeta de dona Emilia”, en que a mocidade de entre 12 e 30 anos representou de xeito gráfico e a través da escrita as súas inquedanzas relacionadas coa igualdade.