No número de maio de 1880 da Revista de Galicia figuraba un poema, “En el abanico de Emilia Pardo Bazán”, sen explicación engadida. A inclusión debemos atribuíla –xa que logo– a quen foi a directora desa publicación, a propia Pardo Bazán. Reproducímolo completo, tal como figura no orixinal:
“Mimada polas musas/servida polas gracias/cun corazón que vive de armonías/nobre cantora das gallegas prayas,/ben merecés reinar como reinades,/ magnifica, ausuluta soberana. Rosalía Castro de Murguía”
Ma. Xosé Queizán (“Sistema simbólico de Emilia Pardo Bazán”, 19 de marzo, praza.gal) reproduce o verso final, “magnifica, ausuluta soberana” como proba do aprecio de Rosalía a Emilia. Engadindo que esa opinión non é citada polos articulistas que cuestionan a relación entre ambas escritoras. Non pon nome mais como hai pouco escribín sobre o tema paso a comentar a súa valoración.
Tomado de xeito literal o significado do poema semella ben claro, un recoñecemento pleno e un indicio dunha boa relación. Porén para analizalo co debido rigor sería moi útil contrastalo con outras fontes e considerar o contexto no que se produciu. En ausencia de comentarios das protagonistas contamos cunha testemuña que podería ser valiosa, a de Manuel Murguía, quen no longo artigo publicado en La Voz de Galicia en 1896, “Cuentas ajustadas medio cobradas”, fai referencia explícita ao poema: “versos que a ruego suyo [de Pardo Bazán], escribió mi esposa”. Tamén indicou que foron publicados sen o permiso de Rosalía, a quen Emilia non informou nin mandou exemplar da revista onde apareceron, para a que non lle ofrecera a opción de publicar. Asemade, no mesmo texto, Murguía subliñou a frialdade entre a parella e Emilia Pardo Bazán.
Non ignoro a mala relación existente nesas datas – en ambas direccións, cómpre subliñar– entre Pardo Bazán e Murguía, que condiciona a credibilidade do comentario. Porén, afortunadamente, dispoñemos doutra testemuña dun período anterior, cando tiñan un trato distante pero correcto. Apareceu en La Ilustración Gallega y Asturiana, onde Murguía xogou un papel moi importante, foi director da revista (incorporando á súa filla Alejandra ao equipo de debuxantes) e despois seguiu colaborando como redactor. No exemplar do 28 de marzo de 1880 apareceu unha nota, que podemos atribuír ao director, que di: “Con verdadera satisfacción hemos recibido y leído los tres primeros números de la Revista de Galicia, excelente semanario de literatura, ciencias y artes, que bajo la dirección de la distinguidísima escritora Doña Emilia Pardo Bazán ha comenzado a publicarse en La Coruña [...]”. Como vemos, Murguía cualificaba a Pardo Bazán (lembremos, 1880), como “distinguidísima escritora”. Non foi algo casual, a súa publicación recolleu de forma positiva diferentes novas sobre a autora coruñesa, algún texto dela e un eloxioso comentario á súa novela inicial (Pascual López).
Se temos en conta a distancia xa existente en 1880 entre Murguía e Pardo Bazán esas palabras expresadas publicamente – no período no que tería lugar a dedicatoria de Rosalía – fálannos de diplomacia, de cortesía, e ofrecen unha pista para interpretar as da poeta no abanico. Non deberíamos entendelas como proba certa de aprecio intelectual. Nese tempo, probablemente, a parella Manuel Murguía-Rosalía de Castro agardaba que a Revista de Galicia se fixera eco da publicación de Follas Novas. Esa clamorosa ausencia nunha revista dedicada a informar de novidades literarias e, sobre todo, a escandalosa “homenaxe” de 1885 mudaron a relación.
Vaiamos a un elemento clave á hora de interpretar o contido da dedicatoria, o contexto das protagonistas a principios de 1880. A pregunta pertinente neste punto é: que dimensión creativa tiñan Rosalía e Emilia nese momento? Rosalía de Castro era a figura principal das letras galegas; o éxito de Cantares gallegos (1863) fora ben notable e tivera unha enorme repercusión. Pola contra, Emilia Pardo Bazán estaba no comezo da súa carreira literaria. Probara con escritos sobre divulgación e/ou polémica científica, algún ensaio histórico, poesía e o ano anterior, 1879, publicara a primeira novela, Pascual López. Autobiografía de un estudiante de Medicina, unha produción de limitado valor. A escritora de éxito aínda non aparecera; coa bagaxe de 1880 sería difícil atopala nos manuais de literatura. Fronte esa realidade, ¿podemos considerar crible a cualificación de Rosalía a Emilia de “magnifica, ausuluta soberana”? Obviamente non, trataríase dunha esaxeración excesiva. É máis lóxico pensar nunha cortesía privada, ou mesmo nunha ironía (ou en ambas as dúas cousas). Non, como afirma Queizán, unha mostra de auténtico aprecio.
O meu comentario previo sobre o abanico responde ao de Queizán, aínda que considero o asunto un tema menor. O elemento clave da relación entre ambas escritoras, da consideración intelectual que tiña Emilia de Rosalía, é outro que a profesora non menciona: o comportamento da novelista na “homenaxe” de 1885. Acontecemento do que si dispoñemos de documentación e información dabondo como para tirar unha conclusión razoada; a que expuxen de xeito breve no artigo “Emilia Pardo Bazán na Real Academia Galega?” (nosdiario.gal, 18 e 19 de febreiro de 2021). Por outra banda, as relacións entre Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e mesmo os desacordos desta con Murguía, transcenden do ámbito estritamente persoal. Os aprecios e enfrontamentos puntuais existiron, adquiriron formas concretas que merecen atención porén non deben agachar o debate de fondo. Falamos de posicións manifestadas ao longo do tempo (en 1885, mais tamén antes e despois) en diversas intervencións deses protagonistas sobre dúas alternativas ben diferenciadas en relación á lingua e cultura do país. Volveremos sobre o tema.
Por outra banda, estou certo de que Rosalía e Emilia terían elementos e intereses en común, como galegas contemporáneas, escritoras e mulleres. Mais tamén diferencias substanciais, canto situación material, ideoloxía e proxecto de país. Cómpre non ignoralas e/ou diluílas. A parella Rosalía de Castro-Manuel Murguía viviu con bastantes apuros económicos que por momentos se converteron en precariedade, froito da inestabilidade laboral e da súa mala xestión dos recursos. O que condicionou, entre outras cousas, a produción creativa. A comezos de 1880 Rosalía estaba en Galicia, cos fillos e ultimando a edición de Follas Novas, e Murguía en Madrid, traballando en La Ilustración Gallega y Asturiana. Emilia Pardo Bazán levou sempre unha vida moi desafogada economicamente, a familia – propietarios agrícolas absentistas– tiña recursos dabondo pola explotación dos labregos das súas fincas en base a unha institución feudal, o foro. É un mito que a novelista vivira da súa produción literaria. Mesmo no momento no que os seus ingresos por esa condición foron maiores só supuñan unha coarta parte do total que percibía; está documentado (Grupo de investigación La Tribuna: “La riqueza de Emilia Pardo Bazán. Una aproximación a su estudio”. La Tribuna, 2009, nº 7: 37-79). En 1880 tiña dous fillos, vivía co marido José Quiroga na Coruña, onde, ademais de dirixir a Revista de Galicia durante os sete meses que existiu, levaba un activo faladoiro literario os xoves na súa confortable residencia. En relación á ideoloxía, Rosalía estaba identificada co progresismo e viña de sufrir a decepción da derrota do Sexenio democrático. Emilia militaba no carlismo. Por outra banda, os proxectos culturais e lingüísticos eran ben diferentes. Para Rosalía a referencia era Galicia e o desenvolvemento da súa identidade cultural. Emilia presentábase como patriota española e entendeu que as “literaturas regionales” eran atrancos para o seu proxecto “nacional”, unitario e centralista.
Para ela, a cultura e lingua galegas debían xogar un papel limitado e, en todo caso, subalterno. Díxoo ben claro e en distintas ocasións (unindo cultura e poltica). Unha delas no acto de 1885, onde explicou que a “literatura regional” era “puente que enlaza a las letras cultas con la poesía y el arte del pueblo...”. Ou sexa, para a novelista, pola súa propia natureza, a literatura en galego estaba un chanzo por baixo do rexistro culto.
Lin o artigo de Queizán, que trata do abanico de Emilia Pardo Bazán e de moitas outras cuestións, coa lóxica atención que me merece quen durante décadas foi docente de lingua e literatura e persoa comprometida coa cultura galega e feminismo. Co debido respecto dígolle que debería ser algo máis prudente á hora de considerar que as persoas que discrepan/discrepamos das súas valoracións sobre Emilia Pardo Bazán o fan/facemos por non ter lido a súa obra. A soberbia intelectual sempre é desaconsellable, sobre todo cando, ademais, vai acompañada de significativas lagoas de coñecemento. Esa é impresión que me causaron algunhas referencias da veterana profesora á biografía da novelista.
O artigo contén elementos interesantes mais tamén sorprendentes afirmacións. Só citarei unha, a interpretación que fai de La Tribuna, da que afirma, “Diríamos que está escrita por unha escritora de esquerdas”. Á vista desa valoración pensei en reler unha vez máis a novela (que se completa con Memorias de un solterón, 1896), mesmo reconsiderei as palabras da propia Pardo Bazán no prólogo da mesma, onde alude ao obxectivo “docente” do libro: “es absurdo el que un pueblo cifre sus esperanzas de redención y ventura en formas de gobierno que desconoce, y a las cuales por lo mismo atribuye prodigiosas virtudes y maravillosos efectos”. Cheguei a pensar: e se Pardo Bazán non falara en serio nese texto?, sería ironía? Detívenme ao reparar en que realmente a interpretación de Queizán oponse á da critica literaria, dos expertos. Poderíamos ir máis atrás porén se nos situamos nos anos setenta do pasado século xa temos a consideración da obra como unha “novela social frustrada” por Germán Gullón (1976), ou podemos ler, de 1978 (cando Queizán rematou os seus estudos de licenciatura), o que dela dixeron Blanco Aguinaga, R. Puértolas, M. Zavala: “admirable conservadurismo, envuelto y decorado con efectos zolescos”. Abonda bibliografía, con interesantes traballos de José Manuel González Herrán, como en 1988 sobre a parcialidade da autora (“que, movida por prejuicios ideológicos e intención docente, hace reiterado uso de la sátira tendenciosa”), ou, por ir a algo máis recente, os comentarios de Marisa Sotelo Vázquez (2002), nos que reitera a idea de “frustrada novela social”, falta de imparcialidad narrativa, ideoloxía conservadora, limitacións técnicas e ideolóxicas e alude á “solución reaccionaria” do tema de Amparo en 1896 (Memorias de un solterón). Non vou negar o valor La Tribuna canto escoller a unha traballadora como protagonista e, mesmo, como testemuña (ben parcial) dunha realidade social desatendida pola narrativa do momento por estas latitudes, mais entendela como un texto de perfil progresista resulta –como mínimo– sorprendente.
Alude Queizán a un tema relevante, ao que xa fixen unha mención, a relación da escritora coa lingua e cultura galega, sobre o que observo un parágrafo ben confuso no seu contido e redacción: “Din que non escribiu en galego. Non existía recepción. Tamén Rosalía escribiu en castelán as novelas. Pero funda a Sociedade El Folclore Gallego. Una revista para sacar a Galicia de la prostración intelectual e cultural”.Queizán liquida en dúas peculiares frases a relación de Pardo Bazán co noso idioma. Na primeira recoñece, dunha maneira curiosa (“din”), un feito. Na segunda ofrece unha explicación singular (non escribiu en galego porque non había “recepción”!). Con esa afirmación vai alén das propias declaracións da interesada sobre a lingua galega, que consideraba un atavismo cuxo uso só tería sentido en ámbitos creativos “populares”. A profesora de Literatura ten que saber iso.
A guinda vén co de Rosalía (“Tamén Rosalía escribiu en castelán as novelas). Non é a primeira vez que se utiliza unha comparación que carece de rigor e que afecta a unha cuestión central da nosa historia cultural. Xa o fixeron outras persoas, por exemplo, Ma. Pilar Jiménez Aleixandre (coñecida como escritora co nome de Marilar Aleixandre), quen recolleu un texto de Pardo Bazán (que traduciu ao galego!) e engadiu: “En castelán, como a meirande parte dos autores do XIX, incluíndo Murguía e a prosa de Rosalía” (“Emilia en Meirás: o feminismo e a memoria”, La Opinión de A Coruña, 21 de decembro de 2020). É un dato, sen dúbida, mais así explicado –absolutamente descontextualizado– terxiversa a realidade histórica pois induce a confundir, a asimilar, o compromiso lingüístico co idioma galego de Rosalía (e Murguía) e de Emilia. ¿De verdade que a profesora de Lingua e Literatura Galega e a numeraria da Real Academia Galega (RAG) consideran que foi o mesmo ou parecido?
Na defensa do labor de Pardo Bazán coa cultura galega sitúa Queizán a fundación de “Folclore Gallego”. O que segue no seu artigo, “Una revista para sacar a Galicia de la postración intelectual e cultural” debe obedecer a un erro de redacción. “Fol-klore Gallego” (FG) non tivo ningunha revista, quizás se refire a Revista de Galicia, que levaba case catro anos desaparecida cando xurde FG. O perfil ideolóxico desa publicación de curta vida (4 de marzo a 25 de outubro) xa llo transmitiu a directora a Marcelino Menéndez Pelayo: “Dudé en aceptar (...) pero después me decidió la consideración de que aquí no hay sino dos periódicos católicos (en todo el reino de Galicia) y esos, muy malos y sin lectura apenas. Éste, mientras yo lo dirija, respetará siquiera los fueros de la verdad y del buen sentido; no respondo de que respete tanto los del primor literario, porque habrá que cerrar los ojos a más de una falta. Este pueblo y país son poco cultos (sic) y es una buena obra ir descortezándoles –en lo posible-. (...) A fin de que el periódico presente –en lo posible- un carácter católico, me permitiré reproducir algunas cosas de personas como V. que vea en otras publicaciones” (carta de 29 de xaneiro de 1880). A publicación, alén do seu labor de “descortezado” (vaia expresión!) tivo a dubidosa honra de ignorar a Follas Novas e Maxina ou a filla espúrea e de criticar os textos de Curros de perfil progresista. Censuras baseadas unicamente en prexuízos ideolóxicos, no papel subalterno que Pardo asignaba á literatura en galego, só útil para as “coplas populares” que ela estimaba e recitaba aos seus amigos.
“Fol-klore Gallego” (FG), foi unha iniciativa valiosa canto a fomentar a conservación da cultura popular, se ben o seu labor e a contribución de Pardo Bazán están sobrevaloradas e non tiña como obxectivo promover o uso do idioma. Díxoo ben claro a súa presidenta, a propia Emilia, na constitución definitiva da entidade, o 1 de febreiro de 1884: “[FG] “quiere recoger esas tradiciones que se pierden, esas costumbres que se olvidan y esos vestigios de remotas edades que corren peligro de desaparecer para siempre”, porén, “no con el fin de poner otra vez en uso lo que cayó en desuso, que sería empresa insensata y superior casi a las fuerzas humanas, sino con de archivarlos, evitar su total desaparición, conservar su memoria y formar con ellos, por decirlo así, un museo universal, donde puedan estudiar los doctos la historia completa del pasado”. Unha visión coherente coa consideración subalterna do idioma galego que a mesma escritora expuxo no acto de “homenaxe” a Rosalía o 2 de setembro de 1885 (recollida en De mi tierra, 1888). Un proxecto “conservacionista” ben diferente ao que daría lugar á Academia Galega (RAG) (“Emilia Pardo Bazán na Real Academia Galega?”, nosdiario.gal, 18 e 19 de febreiro de 2021, e “Afeccións literarias do médico Pérez Costales” (La Opinión de A Coruña, 21 de febreiro de 2021, p. 12).
A confusión sobre a natureza de FG está moi espallada, mesmo entre numerarios da RAG, aceptando unha estreita relación coa a academia que só foi aparente. Por outra banda, FG carecía de actividade desde 1888, foi liquidado en 1895 e aínda pasaron dez anos ata que naceu a RAG [1905]. O 25 de febreiro de 1894 tivo lugar unha asemblea de FG na que se acordou cambiar o nome da entidade, chamarse “Academia Gallega”. Algúns socios, entre eles Emilia Pardo Bazán, non quixeron sumarse a ese proxecto, que era diferente ao fundacional; unha vez máis a escritora foi coherente coa súa ideoloxía. Mais ese proceso cara a academia se frustrou; a iniciativa que acadaría éxito procedeu, dez anos despois, de emigrantes galegos en Cuba (“Manuel Curros Enríquez, José Fontenla Leal e a Real Academia Galega: observacións e datos sobre as súas orixes e vicisitudes”. Boletín RAG. 2001, nº 362, 203-266). Repito, a conexión entre FG e RAG non indica filiación, senón que fala de “política” académica, de boa xestión de Murguía para gañarse algúns dos antigos socios de FG.
Concluirei cunha reflexión. Se o proxecto lingüístico-cultural-político de Emilia Pardo Bazán trunfase o mundo da cultura e da educación en Galicia serían ben diferentes. Entre outras cousas, Ma. Xosé Queizán, e o resto dos profesores de lingua e literatura galega, carecerían desa opción de vida profesional; non existiría a Real Academia Galega como tal, cos obxectivos que ten, problemente habería, no seu lugar, un Museo Etnográfico-Arqueolóxico de Galicia; os/as nosos/as escritores/as non dispoñerían de editoriais e medios de comunicación que usaran o idioma propio do país e deberían ir competir a Madrid se optaban a algún premio literario, etc, etc. Ese panorama que describo non é unha fantasía, xa vivimos un escenario parecido no franquismo. Afortunadamente o proxecto non trunfou, non acadou a hexemonía. Porén non foi por azar nin a alternativa caeu do ceo. Un reducido grupo de persoas, entre eles Rosalía, Murguía e Curros, acadaron un impresionante éxito. Carecendo de apoios notables e do respaldo dos principais grupos políticos lograron algo épico, establecer un paradigma que desde ese momento obtivo un importante consenso e foi respectado por nacionalistas e por amplos sectores non nacionalistas. Con diversos matices aceptouse que Galicia tiña un perfil nacional e a súa cultura e lingua merecían ser preservadas e, sobre todo, desenvoltas e utilizadas como normais, non só como obxecto de museo ou de contemplación “folclórica”. Xusto o contrario do que defendía Emilia Pardo Bazán.