As palabras constrúen as cidades e todas elas contan con camiños e rúas creados e recreados pola literatura, algo que é especialmente evidente en Compostela. Entre o 10 e o 19 de setembro Santiago acolle unha nova edición da Selic, a Semana do Libro de Compostela que un ano máis busca ser un espazo de conversa ao redor da lectura e das obras literarias.
A Selic desenvolverase ao aire libre, entre a rúa do Vilar e a praza de Praterías
Máis de medio cento de títulos protagonizan o festival nesta quinta edición que se vai desenvolver ao aire libre entre a rúa do Vilar e a praza de Praterías, empregando tamén os espazos do edificio de Afundación na mesma rúa da zona vella. Na fin de semana o horario do festival na rúa do Vilar irá das 11.30 ás 14.00 horas e das 16.30 ás 21.00 horas. Durante a semana as actividades centraranse na tarde, de 16.30 a 21.00 horas.
Librarías e editoras de Compostela estarán representadas nos dez postos que conformarán o espazo da Selic na rúa do Vilar: aCentral Folque, Alvarellos editora, Árbore Azul, Bunker Books, Carlos Meixide, Consorcio de Santiago, Cuarto de inverno, Fundación Anselmo Lorenzo, Irmás Cartoné, Libraría Lila de Lilith, Libraría Numax, Libraría Pedreira, Patas de peixe, USC. Servizo de Publicacións e Librería Aenea.
Entre as actividades máis destacadas da Selic están uns roteiros especiais, organizados conxuntamente coa Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG) e coa cooperativa Maos Innovación Social, que coma fíos se estenderán pola cidade máis literaria.
Domingo 12 e luns 13: Berta Dávila e Marcos Calveiro
Berta Dávila e Marcos Calveiro guiarán os primeiros percorridos literarios da edición 2021 da Selic
O primeiro domingo da Selic, o día 12 ás 12 horas, a escritora Berta Dávila tomará como punto de partida a Biblioteca Ánxel Casal para despois percorrer os lugares que compoñen o mapa de localizacións das novelas Illa Decepción e Carrusel, coa que obtivo o Premio da Crítica 2019.
O domingo 13 ás 17 horas, Marcos Calveiro empregará como fío a súa novela Festina lente, para levar os e as participante ao século XVII, amosando como era a vida na cidade amurallada dos canteiros, libreiros e impresores.
Martes 14 e mércores 15: Da bruxería ao cine
Para todos estes roteiros haberá prazas limitadas e será a única actividade da Selic na que é preciso inscribirse
A escritora Andrea Barreira guiará, o martes 14 ás 17 horas desde a estatua das Marías na Alameda, o percorrido As pedras non esquecen sobre as mulleres que foron acusadas de bruxaría, tomando como fío, entre outros libros, a súa novela Palabra de bruxa. O mércores 15 ás 17 horas, María Abelleira e Óscar Senra dirixirán o paseo da Compostela no cinema, que ofrece unha visión panorámica tanto dos lugares de proxección como das rodaxes coa cidade como protagonista.
Xoves 16 e domingo 19: Emilia Pardo Bazán e as Marías
A figura de Emilia Pardo Bazán é unha das pezas clave da programación desta quinta edición da Selic
A figura de Emilia Pardo Bazán é unha das pezas clave da programación desta quinta edición da Selic e, antes da conversa do xoves 16 ás 19 horas entre María Canosa, María Pilar García-Negro e Marilar Aleixandre, haberá un paseo pola vida da escritora no centenario do seu falecemento ás 17 horas. Os guías serán María Abelleira e Óscar Senra, que percorrerán xunto ás asistentes lugares relacionados tanto coa autora como coa súa obra.
O último día do festival, o domingo 19 ás 12 horas, o escritor Carlos Labraña recuperará o mítico paseo das irmás Maruxa e Coralia e todo o que hai detrás das Marías que hoxe son parte da Alameda compostelá.
Para todos estes roteiros haberá prazas limitadas e será a única actividade da Selic na que é preciso inscribirse previamente no enderezo electrónico paseos.compostela@maos.gal.