Do 10 ao 18 de outubro as rúas e prazas de Santiago acollen a cuarta edición da SELIC, a Semana do Libro de Compostela, que un ano máis busca visibilizar e dar a coñecer o potencial editorial e literario da cidade, unha marca cultural de notable importancia económica para a capital de Galicia.
Do 10 ao 18 de outubro, a programación da SELIC inclúe 45 actividades
A pandemia de coronavirus non impediu manter a celebración deste ano, que inclúe 45 actividades, entre roteiros, coloquios, conversas, mesas redondas, actuacións que combinan música e literatura, e distintos eventos infantís. A isto súmanse dúas exposicións, e dous espazos con expositores no que estarán representadas dezaseis librarías e editoras.
O comedor de Fonseca será un dos espazos nos que se instalarán os expositores de librarías e editoriais, xunto coa sede de Afundación, na Rúa do Vilar. Outros escenarios que acollerán esta cuarta edición da SELIC serán a Fundación Torrente Ballester, o Hotel Compostela, a Fundación Eugenio Granell, ou a lavandaría da Rúa Hortas.
Na programación destacan unha ducia de roteiros que lembrarán a Compostela de autores como Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Carvalho Calero, Antón Fraguas, as Irmandades da Fala ou Isaac Díaz Pardo
Na programación destacan unha ducia de roteiros (con prazas limitadas), que lembrarán a Compostela de autores como Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Carvalho Calero, Antón Fraguas, as Irmandades da Fala ou Isaac Díaz Pardo. Tamén haberá un espazo para a Sanitago conspiradora a republicana, a Compostela vermella ou a xeolitearia; e para o feminismo ou a botánica. As inscricións poden realizarse no enderezo selic@santiagodecompostela.gal.
Os autores e autoras tamén contarán cun espazo propio con conversas, con presentacións, e con sinaturas de libros. Ledicia Costas asinará, "Os minimortos: benvido ao outro barrio"; Xosé Carlos Carracedo Porto "Somos de Arxerís"; e María Eiras "As nosas letras de muller a muller".
A programación dará comezo este sábado, ás doce do mediodía, co roteiro "Compoescenas. Paseo dramático polos escenarios teatrais de Compostela", con Roi Vidal como guía
A programación, que se pode consultar neste enlace, dará comezo este sábado, ás doce do mediodía, co roteiro "Compoescenas. Paseo dramático polos escenarios teatrais de Compostela", con Roi Vidal como guía. Entre as actividades deste sábado destaca tamén a presentación o libro de Henrique Alvarellos Federico García Lorca en Santiago de Compostela, nun acto que terá lugar ás 20 horas no Hotel Compostela, o establecemento onde se aloxou Lorca en tres ocasións durante o ano 1932, e donde recibiu unha homenaxe pública en maio daquel ano.
Entre as presentacións programadas para esta semana destacan, ademais, "O paraíso dos inocentes" de Antón Riveiro Coello, "Árbores no deserto", de Rosalía Fernández Rial, ou o poemario "Figuras masculinas de meio corpo", de Antom Fortes.
"A lectura foi un salvavidas nos peores momentos da COVID-19", destacou Henrique Alvarellos
Na presentación da edición 2020 da SELIC a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, definiuna como "unha publicación aberta", con distintos capítulos, "que nos convidan a coñecer, amar, respectar e utilizar os libros como unha fonte de coñecemento e de emocións". De igual xeito, o editor Henrique Alvarellos destacou que "a lectura foi un salvavidas nos peores momentos da COVID-19". Uns momentos difíciles, sinalou, "aos que tivo que adaptarse a Semana do Libro de Compostela". Finalmente, Lola Puertas, da Libraría Aenea, subliñou que durante esta pandemia o libro revelouse "como un lugar de encontro", e recoñeceu que na súa libraría notou un incremento nas vendas.
A SELIC rematará o vindeiro domingo 18 de outubro cun paseo literario feminista por Santiago de Compostela guiado por Andrea Nunes e Alba María. E mais co espectáculo de teatro e poesía, "Malcriada", con Esther Carrodeguas e o pianista Velpister.